Os datos de paro rexistrado poñen de manifesto a debilidade do mercado laboral galego
O mes de agosto rematou en Galiza con 127.725 persoas desempregadas rexistradas no SEPE, 280 máis que no mes anterior (0,22%). Porén a afiliación á Seguridade Social caeu máis, nun total de 4.217 persoas, o 0,4%. En ambos os casos correspóndese, na práctica totalidade, á provincia da Coruña. Por iso, o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, que vincula estes datos coa previsión dun descenso do turismo Xacobeo, denuncia a enorme dependencia da economía galega do sector Servizos e, en consecuencia, a tamén enorme debilidade do noso mercado laboral.
Neste sentido, González Sío considera que “é evidente que o Xacobeo é un factor do que depende moito emprego e no momento no que perde forza, porque remata o período estival e se prevé unha menor chegada de turistas, prodúcese un baixón do emprego”.
Explica que isto se pode ver tanto nos datos de afiliación como, tamén, na caída dos indefinidos, que descenderon notablemente neste mes, mentres que o número de temporais aumentou converténdose na práctica totalidade de contratos rexistrados no réxime xeral da Seguridade Social. De feito, a contratación temporal foi un 0,8% superior ao mes de xullo e, pola contra, a afiliación con contrato indefinido descendeu un 0,2%.
A este respecto, o secretario confederal de Emprego afirma que “isto ten que ver coa facilidade que hai para despedir dunha forma máis sinxela e co recurso que está utilizando a patronal –os períodos de proba-“. Situación que atribúe á última reforma laboral e ao feito de que non se derrogaran as anteriores.
As mulleres as máis afectadas polo desemprego
Os datos do SEPE tamén permiten confirmar como foi no sector Servizos, “o máis precario, temporal e cos empregos peor pagados” onde se rexistraron todas as novas persoas desempregadas. Mais tamén como foron, máis unha vez, as mulleres as que perderon o emprego, xa que hai un 0,7% de desempregadas máis en relación co mes de xullo, mentres que entre os homes o paro descendeu.
Así as cousas e co descenso dun 15% do número de contratos asinados (-11.300); co aumento dos contratos temporais, que xa son 48.000 dos 64.000 asinados, a maioría por circunstancias de produción, Francisco González Sío reitera a necesidade de “derrogar as reformas laborais”. Denuncia que “o que se nos di unha e outra vez, de forma constante e machacona, da última reforma laboral, non é certo”. E reclama políticas que impulsen realmente os nosos sectores produtivos, nomeadamente a Industria, pola súa capacidade de fortalecer a nosa economías e favorecer a creación de emprego estable e de calidade.