
Os datos de paro rexistrado do mes de maio confirman o medre da precariedade

O mes de maio rematou cun descenso do desemprego do 3,4% (3.904 persoas menos, o que fai un total de 111.641 desempregadas). A afiliación media mensual creceu un 0,7% (7.373 persoas máis, alcanzando 1.094.805 afiliadas). As cifras agochan, porén, un medre do emprego estacional, precario e de baixa calidade que confirman, para a CIG, o medre cada vez maior da precariedade e a pobreza laboral.
Así, o secretario confederal de emprego, Francisco González Sío, sinala que “o incremento da contratación e a redución do paro están baseados, como nos últimos meses, nas oscilacións da demanda de emprego ligada á estacionalidade, especialmente na hostalaría, un sector marcadamente precario”.
González Sío identifica tres factores clave que explican esta tendencia: unha demanda de emprego centrada na hostalaría, que representa o 29% das novas afiliacións; o predominio de modalidades de contratación precarias, como os contratos fixos descontinuos, que acadaron o 31,8% e o abuso da contratación temporal, que acada o 70% dos contratos asinados en maio. Ademais, só o 17,4% dos contratos indefinidos foron a tempo completo.
O secretario confederal de Emprego denuncia que estamos, polo tanto, diante dunha potenciación da precariedade e da contratación “canto máis precaria, mellor” e dunha contratación “baseada na parcialización do traballo e nos baixos salarios”.
De feito, o 29% das novas afiliacións son en hostalería; ocupan o segundo lugar as actividades administrativas; o terceiro o comercio e, porén, as industrias manufactureiras representan só un 5% das altas nas afiliacións na Seguridade Social. Un panorama que confirma que estamos ante un emprego que medra nos sectores da actividade máis precarios e coas máis precarias modalidades de contratación.
Uso e abuso da contratación temporal
Por iso, González Sío incide no fracaso da reforma. Apunta o incremento dos contratos por circunstancias da produción, que aumentaron nun 25% con respecto ao mes anterior e que os contratos temporais representan o 70% da contratación de todo o mes de maio. “O que falabamos do abuso da contratación temporal para poder asumir esa estacionalidade volve estar en niveis de antes da reforma do 2021 e vemos como esa máxima que empregaba o goberno, principalmente a Ministra de Traballo, de que xa acababa a contratación temporal e que ía haber modalidades de contratación máis estables, pois non é certo. No momento en que hai unha demanda de emprego por parte dos sectores que abusan máis da estacionalidade, vólvese empregar o emprego máis precario coas modalidades de emprego previas á reforma”.
Nese sentido, para CIG é moi preocupante que cada vez hai máis persoas que, pese a ter un traballo, “non garanten unhas condicións de vida dignas” e que as administracións non garanten unhas condicións laborais e sociais para que a clase traballadora poida, co froito do seu traballo acceder a unha vivenda ou a condicións básicas, como pode ser a alimentación.
Por outra banda, González Sío valora que se está chegando ao límite que xa nos anos 2007-2008 se marcaba como a situación ideal, do 7% de desemprego, que o capital e os poderes do Estado ou a propia Xunta de Galicia, cualifican como paro estrutural. “Un paro que co que somos incapaces de acabar porque representa esa taxa de reposición que necesita o capital para poder seguir presionando ás persoas a que teñan que aceptar e dicir que si ao emprego precario, para poder subsistir”.
Por iso tamén fai unha valoración negativa e considera que “ou hai un cambio real nas políticas de emprego ou imos ter un aumento significativo da precariedade que vai ir acompañado do aumento do desemprego que, ao mesmo tempo, vai provocar moito máis desencanto nunha parte moi importante da clase traballadora”. Clase traballadora que a CIG mobilizará para loitar por mellores condicións laborais, “porque a conflitividade e a mobilización é a única forma de poder acabar con esta situación”.