Os datos de paro constatan a necesidade de derrogar as reforma laborais e un cambio no modelo de contratación
O mes de xullo rematou en Galiza cun total de 127.445 persoas desempregadas, 1.579 menos que en xuño (-1,22%). No mesmo período, a afiliación á seguridade Social medrou un 1,4%, acadando o 1.082.126 de persoas afiliadas de media no mes de xullo. Pero a afiliación ao réxime xeral, e por tipo de contrato e xornada, amosa unha faciana menos positiva: a contratación indefinida descende, en conxunto, e medra a temporal, amosando que se trata dunha situación puramente conxuntural, ligada a época do ano.
Por iso, o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío cuestiona a “excesiva efusividade” do Estado español á hora de analizar os datos do emprego, sobre todo a partir da reforma laboral de 2021. Fronte a iso, lembra os recentes datos da EPA e as conclusión tiradas por Eurostat, segundo o que temos a taxa de paro máis elevada de toda Europa e que esta é, ademais, o dobre que na media da UE, mesmo por diante de Grecia. Situación que contrasta con países como Alemaña, o país máis afectado pola carestía da enerxía, que ten, porén, pleno emprego, cunha taxa de paro do 3%.
Entende ademais que, por unha banda, os mellores datos que se están dando no Estado seguen a tendencia de descenso do desemprego da UE, mais que “se está dando en peores condicións que no resto de países”.
Cambio de modelo económico
Fronte a isto, o secretario confederal de Emprego considera que o que necesitamos é un cambio de modelo económico, á vista de que, de novo, o 80% dos contratos asinados en xullo foron no sector Servizos.
Nese sentido lembra que o propio SEPE, cando fala das 10 actividades económicas co maior número de contratos en Galiza, sempre sinala comercio a por menor, comercio a por maior, servizo de comidas e bebidas ou almacenamento e transporte, entre outras. Actividades que se corresponden co sector onde maior precariedade hai, do que tira sobre todo o turismo, mentres que, pola contra, só o 12% dos contratos neste mes foron no sector Industrial.
Diante disto denuncia que tanto o Estado, como Galiza se están convertendo “nun deserto industrial”, precisamente o sector polo que habería que apostar nese novo modelo “para que se creen empregos de calidade e non precarios e con baixos salarios como agora”.
Neste sentido apunta tamén a inxente cantidade de cartos que están entrando dos fondos Next Generation, que debería destinarse á dixitalización e a acometer o necesario cambio de modelo económico mais que, en Galiza, diríxense a fomentar as actividades máis precarias.
González Sío salienta tamén a necesidade de combater a pobreza laboral. Lembra que 50.870 persoas desempregadas non cobran ningunha prestación e que a propia EPA avanzaba como os fogares con todas as persoas paradas mesmo aumentaron, por exemplo, na provincia de Ourense.
Afirma que “é fundamental non facer tanta propaganda, por parte do goberno do Estado, e intentar crear emprego de calidade, con mellores condicións”. Así, denuncia que temos emprego parcialidado; que os contratos fixos descontinuos e os contratos a tempo parcial son a maioría e que representan o 60% da contratación indefinida que se fai. Unha situación que está a provocar “unha caída de rendas, que se vén sumar á grave erosión do poder adquisitivo provocada pola alza dos prezos e dos xuros das hipotecas, mentres as marxes empresariais non deixen de crecer”.
Por iso considera indignante que o Estado español non sexa sequera capaz de aplicar o que di a Carta Social Europea, para que o SMI sexa do 60% do salario medio e derrogar a reforma laboral dos anos 10 e 12. Única forma de “dar forza na negociación colectiva á clase traballadora para poder atacar esa perda do poder adquisitivo que estamos sufrindo os traballadores/as”, explica.
Fenda de xénero
Canda isto, González Sío subliña a fenda de xénero que persiste á vista de que o 60% das persoas desempregadas son mulleres, de que o paro descendeu máis entre os homes que nas mulleres e de que o emprego ao que acceden é en actividades feminizadas con condicións precarias. “Son as compañeiras as que sofren os peores salarios e contratos a tempo parcial e tamén como son as que sofren o paro en maior intensidade que os homes”.
Fronte a isto considera que “o Estado debería atacar de forma contundente esta situación” e denuncia que nin sequera se garanten as condicións mínimas, con negociación colectiva, para as empregadas do fogar, tal e como se asinou no Convenio 189 da OIT.
Fracaso da reforma laboral
O secretario confederal de Emprego conclúe, diante desta situación, que a reforma de 2021 “é un fracaso” porque “non dá estabilidade á clase traballadora, parcializa o traballo e a negociación colectiva segue estando igual que estaba antes dela. Só nas zonas do Estado nas que a clase traballadora ten capacidade de loita é capaz de cambiar es tendencia de emprego precario e baixos salarios”.
Afirma que “cada mes hai un récord de despedimentos con respecto ao anterior, cunha alta rotación por parte das empresas, mesmo despedindo aos contratos indefinidos que se fan cada mes xa que non cumpren o período de proba”. Unha “trampa que fai a patronal”, asegura, “para poder despedir”, polo que “agora ter un contrato indefinido non é garantía dun emprego estable”.
Para loitar contra a precariedade demanda acabar coa modalidade dos fixos descontinuos, do que, lembra, están advertindo tamén tanto a OCDE como a UE pola “alta rotación, porque non son traballadores/as realmente indefinidos, senón que quedan na casa longos períodos, cobrando –ou non- o desemprego”.