Os datos de eventualidade na sanidade ourensá evidencian a aposta do Sergas pola precariedade laboral
A política de contratación do SERGAS continúa neste 2026 apostando pola precariedade laboral, tal e como vén denunciando a CIG-Saúde dende hai anos no conxunto do país. Os datos amosan que o 86% dos vínculos ofertados na área sanitaria de Ourense a partir do pasado 1 de xaneiro tivo unha duración de menos de seis meses.
Dende a central sindical denuncian o déficit de profesionais existente, recoñecido polo propio SERGAS, para a cobertura de ausencias en categorías como enfermaría ou persoal facultativo, e en determinadas épocas do ano mesmo TCAE.
E lembran que o pasado 6 de febreiro solicitaron unha reunión urxente da Comisión Periférica de Seguimento do Pacto debido a unha irregularidade nos chamamentos na categoría de enfermaría, “xuntanza que a día de hoxe aínda non foi convocada a pesar de que se tata dun erro que ten un prexuízo directo nos dereitos laborais da traballadora afectada”.
Ao mesmo tempo, censuran que para a elección da data na que se ofertan os chamamentos “xa non sempre se segue o mesmo criterio”. E que existen IT que se ofertan pola lista de contratación en canto xorden, mentres que noutras ocasión tárdase até 15 días en ofertalas. “A dirección de Enfermaría non ofrece explicacións a pesar de que estas cuestións se trasladaron na última reunión do pacto, na que dixo que estudaría os casos”.