Os datos confirman que a Lei de Impulso Demográfico do PP é un fracaso
Os datos relativos á caída da natalidade e a imparábel perda de poboación en Galiza veñen demostrar o gran fracaso da Lei de Impulso Demográfico aprobada polo Parlamento de Galiza cos votos do PP e que entrou en vigor en febreiro de 2021. Así o considera a Secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, quen afirma que desde a súa aprobación a situación non só non mellorou senón que empeorou.
Daquela a CIG xa denunciaba que depositaba nas mulleres a responsabilidade de frear o declive demográfico, relegándoas ao papel de nais e coidadoras e entendendo a conciliación só para que puideran exercer os coidados, sen fomentar en ningún momento a corresponsabilidade.
Nicolasa Castro lembra que a lei apenas recollía medidas concretas e non incidía nas causas que provocan o declive demográfico como o desemprego, a precariedade, o desmantelamento industrial ou o despoboamento do rural. Neste sentido apunta que “o problema non é que as mulleres queiramos ter fillas ou non. O problema é que sen traballo e condicións laborais dignas, nin querendo poderiamos”.
A secretaria das Mulleres lembra que durante a pandemia, o 73,4% do emprego que se perdeu en Galiza foi entre as mulleres, que tiveron que asumir os coidados. Superada a pandemia comezaron a reincorporarse ao mercado laboral, pero a falta de políticas que impulsen os nosos sectores produtivos para crear emprego de calidade, onde se creou emprego en Galiza foi basicamente no sector Servizos.
Precariedade
Isto provoca, asegundo Castro, “que as mulleres continuemos a ter condicións de traballo máis precarias, soportemos taxas de temporalidade máis elevadas, máis contratos a tempo parcial e un maior desemprego”.
Lembra para iso algúns datos esenciais. Dos 421.968 novos contratos asinados en 2021 a nome de mulleres, o 94,8% foron temporais. Preto do 30% destes contratos tiveron unha duración inferior a unha semana e o 43% foron de menos dun mes, o que supón que cada traballadora asinou unha media de 3,5 contratos.
Case o 77% dos contratos a xornada parcial foron subscritos por mulleres, máis da metade por non atopar traballo a xornada completa, e un 20% por motivos de coidado fronte a tan só o 4% dos homes.
Esta contratación precaria ten o seu reflexo nos baixos ingresos que perciben as mulleres, pois mentres o 32,5% dos homes obtiveron uns salarios inferiores ao SMI, esta porcentaxe increméntase até o 46,7% no caso das mulleres.
O peso dos coidados
A secretaria das Mulleres da CIG denuncia ademais que as administracións seguen desentendéndose das prestacións dos servizos de coidados con garantías para traballadoras e persoas usuarias, ofrecendo concesións a empresas privadas que fan negocio á conta da explotación das traballadoras.
Nese sentido afirma que “as carencias de servizos sociais públicos provoca que os coidados sigan recaendo maioritariamente nas mulleres, nos fogares, de forma que nos obrigan a sacrificar o noso traballo e medre profesional e persoal”.
Derrogar a reforma laboral
Nicolasa Castro lembra que a recentemente aprobada reforma laboral, como a CIG xa ten denunciado, “carece de perspectiva de xénero e non dá solución á precariedade ao manter as facilidades para o despedimento, a flexibilización da xornada, o mantemento da temporalidade a través dos contratos fixos descontinuos”.
Diante desta situación, conclúe a secretaria das Mulleres, “as mulleres novas emigran en busca de mellores condicións de traballo e de vida e as que quedan vense obrigadas a renunciar á maternidade ou a retrasala até que garanten unha certa estabilidade laboral e condicións máis dignas”.