“Os crimes de Israel contra o pobo palestino son crimes contra toda a humanidade”

Miles de persoas toman as rúas de Compostela para denunciar o xenocidio e reclamar o recoñecemento do Estado de Palestina
Nacional - 06 Out 2024

Miles de persoas, chegadas de todos os recunchos de Galiza, desafiaron a intensa chuvia compostelá para berrar contra un ano de masacres e destrución que parece non ter fin; polas máis de 46.000 vítimas mortais ás que lles segaron a voz; contra a impunidade dos crimes de Israel e para dicir aínda “máis alto e máis claro que nós, galegas e galegos, non participaremos en silencio deste xenocidio televisado por moito que si o faga quen nos goberna coas súas declaracións hipócritas e a súa falta de acción”.

A mobilización, convocada para denunciar o xenocidio e conmemorar a resistencia do pobo da Palestina, en Gaza e no resto da Palestina histórica, remataba na praza da Quintana para lembrar “a digna resistencia contra 76 anos de ocupación” e contra un estado “colonial e supremacista, fabricado polo imperialismo co único obxectivo de asentar o seu poder na Asia Occidental e garantir a supremacía dos seus intereses particulares”.

Así o afirmaron na lectura do manifesto que puxo fin a esta masiva manifestación na que aseguraron que “os crimes de Israel contra o pobo palestino son crimes contra toda a humanidade” e que a resistencia e a negativa do pobo palestino a baixar os brazos son tamén “a resistencia e a negativa de toda a humanidade fronte a barbarie do sionismo e do imperialismo”.

En nome de todas as persoas presentes amosaron a negativa do pobo galego a separar as vítimas do seu contexto lembrando que o xenocidio que Israel impón sobre o pobo palestino non se explica unicamente “polos designios criminais de Netanyahu e a súa camarilla asasina”.

Limpeza étnica

A “limpeza étnica” que Israel pretende levar a cabo entre o río Xordán e o mar Mediterráneo, arrastrando tamén outros pobos veciños — do Líbano a Irán, da Siria ao Iemen — “fai parte dun sistema que se retroalimenta a base de matar, expulsar e ocupar, mais que non beneficia unicamente Israel”, aseveraron.

Nese sentido subliñaron que tal sistema non pode explicarse sen os seus promotores principais: “historicamente o imperio británico e hoxe os Estados Unidos, que aplauden cada masacre porque lles permite fustrigar os gobernos díscolos da rexión e asentar o súa posición nunha zona de grandes recursos e de grande valor xeoestratéxico. Os hipócritas chamados á contención, mentres por baixo da mesa se envían millóns de dólares en armamento pesado e se lles ofrece aos criminais toda a cobertura diplomática, económica, política e de poder brando son unha evidencia vergoñenta disto”.

O sufrimento do pobo palestino, as súas vítimas, a destrución das súas casas, e o intento de Israel de inviabilizar calquera retorno a unha vida normal, “torna evidente, se non o era xa, a falacia do dereito internacional e do dereito internacional humanitario tal como hoxe existen”, explicaron.

Nese esquema, os dereitos humanos “non pasan de ser palabras baleiras de significado que só serven para que os Estados Unidos e as súas comparsas imperialistas acusen gobernos incómodos de violalos e xustifiquen así intervencións, invasións, ocupacións e golpes de estado cando e como mellor lles interesa”, lamentaron.

E cuestionaron que se os Estados Unidos son capaces de parar os mísiles lanzados contra Israel, “por que non paran os bombardeos sistemáticos contra a poboación civil da Palestina?” Unha pregunta á que responderon lembrando que “vivimos nun mundo feito á medida do imperialismo, no que quen se arrogou o papel de defensor da democracia e a paz é quen mais as conculca e as perverte. De maneira máis descarnada que nunca na Palestina agredida”.

Desde o río até o mar

Por iso insistiron, máis unha vez, en que o fin deste sistema de ocupación e agresión permanente non será posíbel só con solucións humanitarias. A resolución “é, antes que nada, política, e pasa polo recoñecemento do dereito de autodeterminación do pobo agredido e a creación dun Estado palestino do río ao mar onde poder convivir en paz e ter un futuro”, por unha nova arquitectura de relacións internacionais que “arrebate ao imperialismo o monopolio da razón”; pola capacidade de impor consensos indiscutíbeis e de sinalar “cales son os pobos que merecen vivir en paz e cales son sacrificábeis en función dos intereses de cada momento. Unha nova arquitectura que respecte a soberanía dos pobos e deixe de pretender tutelalos e de lles impor axendas alleas”.

Xunto a isto sinalaron os inimigos de Palestina que son “os que a torturan e tamén os que non fan nada por evitalo”, como o goberno galego, ao que acusaron de ser incapaz “da máis mínima declaración política en apoio ás vítimas do sionismo”; o goberno español, que limitou toda a súa acción a favor da paz a un recoñecemento á última hora do estado da Palestina que, porén, mantén baleiro de significado real, sen aplicacións prácticas e a Unión Europea, “cuxa política exterior absolutamente seguidista dos intereses dos Estados Unidos desvenda o verdadeiro rostro do europeísmo: un rostro babeco, incapaz de enxergar alén do propio embigo, e unicamente preocupado polos seus intereses inmediatos”.

Mobilización constante

Fronte esta “hipocrisía” e fronte á “inacción oportunista”, lembraron que o pobo galego levou adiante neste ano centos de convocatorias, saíndo ás rúas en todas as comarcas do país, mantendo unha mobilización permanente con centenares ou millares de persoas en cada convocatoria, malia os grandes medios de comunicación teimar en ocultar o que é xa, desde hai moitos meses, unha das mobilizacións sociais máis contundentes da nosa historia recente. “Os movementos sociais, os movementos de solidariedade estamos afeitos a este silenciamento sistemático, mais non por iso temos que asumir que é o normal nin que sexa xusto. En especial por parte dos medios públicos, como a radio e a televisión de Galiza, cada día máis afastadas da nosa realidade social, que é tamén unha realidade solidaria”.

Deste xeito alertaron contra ese ocultamento interesado, “mais tamén contra quen pretende sementar divisións nesta maré de solidariedade, introducindo discordias internas, conscientes ou non de que o único beneficiario disto é o sionismo”. E alertaron tamén que “a unidade do internacionalismo non pode permitirse nin un paso atrás. O exemplo que debemos seguir é o desta convocatoria, apoiada nos últimos días por case 200 entidades de todo tipo e de toda a Galiza”.

O manifesto concluíu subliñando que “esta mobilización recolle a vaga solidaria do noso pobo desde hai un ano e o posicionamento histórico da Galiza coa Palestina e cos dereitos do seu pobo, mais non representa ningún punto e final. A forza que demostramos hoxe vai ser trasladadas ás institucións galegas para exixir un posicionamento claro, a comezar polos concellos e pola Xunta de Galiza, e continuaremos mobilizándonos e falando da Palestina. Mentres Israel exista, o pobo palestino resistirá. Mentres o pobo palestino resista, nós continuaremos a tender os nosos brazos sobre o mar”.

Galiza con Palestina

Palestina Vencerá