Os contratos temporais, de carácter estacional, fan descender o paro rexistrado en Galiza
Este é o primeiro mes de maio, desde que os gobernos do PP anunciaron, alá por 2014, que estabamos saíndo da crise, no que menos redución de paro houbo en termos interanuais. De feito se no mes de maio de 2014 a redución foi, con respecto a maio de 2013, de 20.442 desempregados/as (-7,20%) e a diminución, no mesmo mes de 2015, foi de 26.463 (-10,05%) respecto do maio do ano anterior, este ano foi de 16.517 (-6,97%).
Para o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, até tal punto é precaria a situación laboral que “non só se asinan contratos de calidade ínfima, senón que ademais as persoas que acceden ao mercado laboral o fan con contratos de escasísima duración”. Só así se explica que se asinen un total de 76.567 contratos nun mes, pero só se reduza o paro rexistrado en 7.780 persoas. Isto dá idea de que a maioría das persoas que acceden a un emprego só o fan por días ou semanas, nin sequera por un mes enteiro.
Diante desta situación Malvido alerta de que “as reformas cambiaron as relacións laborais até tal punto que, de non revertelas, camiñamos cara converter a pobreza en estrutural na clase traballadora”.
Risco de exclusión social
Se estes datos son, no seu conxunto preocupantes, aínda o é máis ver como se segue a incrementar o risco de exclusión social. De feito, hai 122.532 persoas desempregadas que non cobran ningún tipo de prestación, o que representa o 53,7% do total. “Porén a Xunta de Galiza segue sen articular medidas nin para paliar esta situación, nin para crear emprego de calidade, nin para apoiar os sectores produtivos”, denuncia Malvido, que lembra que “a CIG puxo sobre a mesa numerosas propostas que mesmo chegaron ao Parlamento vía ILP e foron desbotadas polo PP, sen tomar en consideración nin a primeira delas”.
Atendendo ao seu carácter estacional, loxicamente onde máis descendeu o paro rexistrado foi en Construción e Servizos. Sectores nos que adoita producirse un incremento da actividade coa chegada do bo tempo.