Os condutores da liña Santiago aeroporto exixen a Bugallo unha inmediata solución ao conflito
Os condutores da liña Santiago-aeroporto despedidos hai case un ano pola neglixencia do concello de Santiago, concentráronse este xoves para volver reclamar unha solución ao conflito. A mobilización coincidía coa celebración do pleno municipal no que se debatía unha pregunta sobre a súa situación.
A pregunta, presentada por Compostela Aberta, dirixiuse directamente ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e ao grupo de goberno, para saber cales van ser as medidas a adoptar polo concello, logo de que os recursos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, presentados por Monbus, referenden as sentenzas do xulgado do social e confirmen que a decisión da Xunta de Goberno foi a que permitiu esta desfeita que provocou que 9 condutores quedaran na rúa inxustamente.
Tal e como explica o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, “é, por tanto, a responsabilidade política do goberno de Compostela pola súa submisión aos intereses empresariais do Grupo Monbus, co descarado trato de favor a esta empresa, fagan o que fagan”.
Pavón denuncia ademais que finalmente Monbus, dunha maneira ou doutra, vai repercutir o custe das indemnizacións.
Os condutores exixen ao goberno municipal compostelán “que resolvan unha situación das que son os únicos responsables” e anuncian que pensan intensificar as mobilizacións denunciando directamente “este trato de favor do alcalde ás empresas de Raúl López”.
Ratificación das sentenzas
O pasado mes de outubro o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza fixo pública a sentenza ao recurso presentado por Monbus contra as emitidas polos xulgados do Social, confirmando que o concello tiña que ter contemplado a subrogación dos condutores e Mobus garantirlles os seus postos de traballo.
A sentenza pon de manifesto, ao igual que as dos xulgados do Social, a complicidade do concello no despedimento dos condutores que facían a liña Santiago-aeroporto-Santiago.
Os traballadores quedaron na rúa o 23 de decembro do pasado ano, cando esta liña foi asumida polo concello, pero non foron subrogados por TRALUSA, en virtude dun acordo da Xunta de Goberno que facultaba á empresa a empregar o seu propio persoal, incumprindo así as obrigas do convenio colectivo de transporte de viaxeiros e o acordo marco de subrogación asinado pola patronal, sindicatos e Xunta de Galiza.
Esta circunstancia queda confirmada, non só nas sentenzas dos diferentes xulgados do Social senón tamén na do TSXG, que consideran que ese acordo da Xunta de Goberno non se debería ter producido e que é o causante de que estes traballadores se atopen aínda hoxe fóra deste servizo.
O persoal afectado intentou, en todo momento, negociar unha solución para garantir os postos de traballo e mesmo chegaron a manter reunións cos grupos municipais e co propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, quen se comprometeu a mediar con Raúl López, propietario do Grupo Monbus, persoalmente e a dar conta das súas xestións a este colectivo.
Transcorridos meses nin o concello, nin a empresa fixeron intento algún de contactar con eles “pregándose unha vez máis a institución á empresa e incumprindo o seu compromiso tanto cos traballadores, como co resto de grupos municipais”.