Os condutores da liña do aeroporto inxustamente despedidos demandan que se pase das palabras aos feitos
“Bugallo - E.Freire – Monbus. Solución” rezaba na faixa que este xoves portaban traballadores e traballadoras de transporte na concentración convocada pola FGAMT-CIG de Compostela diante da entrada ás dársenas da estación de autobuses de Santiago para denunciar o empeoramento do servizo e manifestar o seu apoio aos condutores da liña do aeroporto inxustamente despedidos.
Unha concentración na que demandaron que desde o concello “pasen das palabras aos feitos”; se garanta a subrogación do persoal cando saian os pregos do novo concurso para o transporte urbano de Santiago e se dea unha inmediata solución ao conflito.
Neste sentido se manifestaba o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, quen lembrou que este luns celebraron unha nova xuntanza co concelleiro de Mobilidade compostelán ao que demandaron que se poña fin á situación na que se atopa o persoal despedido.
Na rúa dun día para outro
TRALUSA confirmou, o pasado día 23 de decembro, ao persoal de Freire que facía a liña Santiago-aeroporto-Santiago que non sería subrogado. Unha situación da que a CIG responsabilizou directamente ao goberno municipal compostelán por non ter articulado medida algunha para evitar que os traballadores quedara na rúa, dun día para outro, malia saber, desde había meses, que a concesión da Xunta remataba o día 22 de decembro e que esta liña, en concreto, pasaba a ser asumida polo concello. Para a central sindical resulta ademais inadmisíbel que non se contara en ningún momento co persoal que prestaba o servizo nesa liña, nalgún caso, desde hai máis de 20 anos.
Inácio Pavón, lembra que desde “había anos sabíase que esta liña, Santiago-Aeroporto-Santiago, tiña que ser xestionada polo transporte urbano” e “había meses que tamén se sabía que o 22 de decembro remataban as concesións da Xunta”.
Para o representante da FGAMT-CIG de Compostela “o lóxico tería sido colocar enriba da mesa as opcións no mes de setembro e buscar aquela que fose máis favorábel, tendo en conta que a responsabilidade de non ter sacado a concurso o transporte urbano, caducado desde 2015, era unicamente do Concello de Santiago. E que os traballadores estaban nunha lista de subrogación que o concello coñecía pois a pediu a principios de ano”.
Desde aquela houbo numerosas mobilizacións e mesmo intervencións no pleno municipal para demandar unha inmediata solución, desde o concello, a este conflito. Por iso a esta altura, e con esta mobilización, o que exixen é que ademais de manifestacións de boas intencións se poñan solucións reais enriba da mesa de inmediato para que os 9 condutores afectados xunto con 1 mecánico e 1 xefa de tráfico recuperen os seus postos de traballo.