Os condutores da liña de autobús do aeroporto de Santiago volven á rúa para esixir a súa readmisión
Os condutores da liña de autobuses do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago volveron hoxe á rúa convocados pola CIG para reclamarlle ao alcalde da cidade e á empresa de transportes Monbus unha solución ao conflito laboral que manteñen aberto dende hai meses para esixir a subrogación dos seus postos de traballo.
Nesta ocasión a protesta consistiu nunha concentración que tivo lugar na Praza de Galiza a partir das 10:00 horas, onde despregaron unha faixa no que se podía ler 'Raúl López-Bugallo, menos lerias e máis solucións' e berraron consignas esixindo a súa readmisión.
Tamén advertiron que este conflito, de non solucionarse, acompañará o alcalde durante todo o mandato. Consideran que Sánchez Bugallo se converteu no portavoz dos intereses de Monbus, “a quen favoreceron descaradamente entregándolle esta liña a dedo e sen traballadores, e na que en seis meses xa dobraron o prezo do billete”.