Os comités dos institutos de Investigación Sanitaria e Medicina Xenómica reclaman novamente un convenio único
Os catro comités de empresa das tres fundacións de Investigación Sanitaria Galega e da Fundación Pública de Medicina Xenómica volvéronse mobilizar esta mañá na entrada principal do Hospital Clínico de Santiago; na entrada do Hotel de Pacientes da Coruña e na entrada principal de HAC de Vigo. Reclaman un convenio único e a urxente constitución da mesa de negociación. Lembran, ademais, que teñen o actual convenio caducado e denunciado desde hai máis de un ano.
Segundo explicou o representante da CIG-Saúde, Miguel Tizón, mantívose esta mobilización malia ter unha convocatoria para unha xuntanza “preliminar” para o día 15 de xaneiro “como medida de presión para forzar que nesas reunións estea presente o conselleiro e que se concreten as cuestións necesarias para constituír legal e formalmente esa mesa”.
Tizón afirmou que non queren que esa reunión sexa simplemente un intercambio de “divagacións” e que os comités queren trasladar a urxencia de que ese convenio único saia adiante.
Cuestións básicas
O representante da CIG sinalou que o que queren é negociar unhas novas retribucións e a equiparación “aos compañeiros que están facendo actividade asistencial no sistema sanitario público, pero son do eido sanitario como nós, e que teñen unhas retribucións completamente distintas”.
Lembrou ademais que carecen de carreira profesional e que mesmo hai fundacións que non teñen sequera dereito a trienios, o que considerou que é “unha situación realmente precaria”. A este respecto matizou que se conseguira asinar o primeiro convenio das Fundacións, pero que, porén, o persoal de Medicina Xenómica, que fai actividade 100% asistencial, “a día de hoxe non negociou nunca o seu convenio”.
Convenio caducado e denunciado
O representante da CIG explicou que unha vez caducado o convenio das Fundacións foi denunciado e que tiñan que estar constituídas as mesas un mes despois. “Pedíusenos paciencia xa hai máis de un ano. As fundacións de investigación non constituíron esa mesa, pero a Fundación de Medicina Xenómica é a segunda vez, como mínimo, que se adhire de novo a un convenio que leva 15 anos caduco”.
Neste sentido, cualificou o de Xenómica como “convenio zombi” e apuntou que, en total hai máis 600 entre persoal investigador, persoal de apoio, de xestión e de asistencia (en concreto os da Fundación Pública de Medicina Xenómica) agardando por esta negociación.