Os comités de Seaga denuncian que houbo falta de previsión para enfrontar a vaga de lumes
Os comités provinciais de SEAGA (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos S.A.) emitiron esta mañá un comunicado no que aclaran o ocorrido nas últimas xornadas co dispositivo de reforzo do verán do PLADIGA (Plan de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza) no que atinxe ás brigadas de terra contratadas a través de Seaga. Trasladan ademais o seu pesar “polas persoas falecidas a causa dos incendios forestais” e a súa “solidariedade e comprensión con todas as persoas que sufriron durante as últimas horas a angustia e a impotencia de ver como o lume se achegaba aos seus domicilios ou se viron atrapadas nos seus vehículos no medio desta vaga de terrorismo incendiario”.
Segundo informan os comités os 500 traballadores e traballadoras das brigadas de terra (que son as que se enfrontan directamente ao lume) fixos-discontinuos con contrato de 3 meses, foron preavisados fai 15 días de que o seu contrato terminaba o 12 de outubro.
Sinalan que o xoves 12 de outubro a maioría dos 100 vehículos utilizados por estas brigadas estaban xa nas bases provinciais para proceder a retirar a ferramenta e os EPIS (equipos de protección individual) antes de devolvelos á empresa de renting á que llos aluga a Administración e que o venres 13 procedeuse a desmontar as emisoras instaladas neses vehículos.
“Ese memo día os traballadores e traballadoras realizamos unha concentración diante da Dirección Xeral de Montes denunciando o abandono da prevención, a falta de planificación e a continua improvisación dos responsables políticos de Medio Rural, ao tempo que solicitabamos a ampliación dos contratos”, lembran e indican que foi o propio venres cando recibiron a comunicación de que se prolonga o contrato do reforzo de verán até o 31 de outubro.
A ese respecto indican que o director-xerente de SEAGA, Pablo Arbones Maciñeira, enviou un correo electrónico aos comités de empresa e aos representantes sindicais ás 12:37 minutos co seguinte texto:
Bos días:
Ante a situación actual dos lumes forestais, a Consellería do Medio Rural está a tramitar unha encomenda de xestión para mobilizar a brigadas do dispositivo de prevención e defensa contra incendios forestais da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A (Seaga). Dita mobilización está prevista a partires do luns 16 e ata o 31 de outubro do presente ano.
Xa se están realizando as xestións pertinentes para a organización da loxística derivada da mobilización.
Sen outro particular, atentamente.
Pablo Arbones Maciñeira
Director-xerente
“Esta é toda a previsión e o esforzo que os responsables políticos da Xunta de Galicia fixeron para enfrontarse a unha vaga de incendios forestais previsible, dadas as circunstancias meteorolóxicas que concorrían: temperaturas de 30 graos e superiores e ventos de mais de 100 kilometros. Sumado á prolongada seca e a anos de falta de traballo de prevención e de planificación forestal”, denuncian.
Explican que houbo que volver instalar as emisoras nos vehículos, volver incorporar a ferramenta e os EPIS e distribuílos por todo o territorio. Avisar ao persoal que se lles ampliaba o contrato e distribuír as quendas de traballo.
O persoal incorporouse voluntariamente antes da data
Pese a que o director-xerente de SEAGA comunica que a “mobilización está prevista a partires do luns 16” as traballadoras e traballadores sabían que as circunstancias eran excepcionais e fixeron todo o que estaba nas súas mans para comezar canto antes a enfrontarse ao lume. Así desde os comités informan de como estaba a día de onte e hoxe o dispositivo de brigadas de terra de fixos-discontinuos de SEAGA:
- Na provincia de Lugo o operativo de reforzo de verán estaba xa funcionando onte domingo 15 de outubro
- Na provincia de Pontevedra as quendas de traballo comezan hoxe, pero o persoal incorporouse voluntariamente onte 15 de outubro. Xa dispuñan dos vehículos e o material.
- Na provincia de A Coruña comeza hoxe o operativo.
- Na provincia de Ourense comeza hoxe o operativo, pero o persoal aínda está esperando polos vehículos e o material.
Diante desta situación conclúen que “non se pode ser máis incompetente, irresponsable e mentireiro”.