Os comités de Política Social exixen coñecer o número de alumnos/as en cada escola infantil e por franxa horaria
Representantes dos catro comités de empresa provinciais e do comité intercentros de Política social compareceron esta mañá, ás portas do edificio administrativo da Xunta de Galiza, para demandar unha xuntanza coa consellaría antes do comezo efectivo do curso escolar, co obxectivo de resolver a problemática existente nas escolas infantís, tanto nas 26 da Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS) como nas 169 do Consorcio. Entre outras cuestións, exixen que se dea a coñecer o número de alumnos/as por escola e franxa horaria, como único xeito de saber se se cumpren ou non as ratios.
Segundo explicou Manuel Gallardo Canitrot, presidente do comité intercentros de Política Social e representante da CIG, hoxe mesmo entregaron no rexistro da Xunta a solicitude de xuntanza, que entenden que debería celebrarse antes do 16 deste mes dada a urxencia dos temas a abordar.
Sen saber o alumnado que terán
Canitrot explicou que a piques de comezar o curso escolar, e coa negociación de horarios, demandaron que se lles proporcionara información relativa ao número de usuarios/as que vai a haber en cada franxa horaria e escola infantil, para saber como van estar distribuídos. “Negáronse completamente”, dixo, “non entendemos a razón. É como se un mestre chegara o primeiro día de clase sen saber a cantos meniños vai ter que atender”. Por iso considerou que é un dato que teñen que proporcionar e que “teñen que facelo de xeito inmediato”.
O presidente do Intercentros manifestou, ademais, que co novo acordo de condicións de traballo de Política Social non existe horario nin de programación de actividades nin escolar, cando antes contaban con dúas horas e media semanais que foron suprimidas a partir de xaneiro deste ano.
Lembrou que o ciclo de 0-3 anos é unha etapa educativa que está regulada, na que hai que programar o desenvolvemento das aulas e que, para facelo, ten que se prever un horario. Denunciou que, porén, o que teñen sobre a mesa é aulas as sete horas completas de horario de traballo continuado. “A ninguén se lle ocorrería que un mestre estivese as sete horas en clase e non tivese nin cinco minutos para facer nada de programación”.
Cociña propia
Os comités provincias e o intercentros demandan ademais que as escolas dependentes do Consorcio teñan cociña propia, como teñen os centros dependentes da AGASS. “Na inmensa maioría faise por catering”, lamentou, “ e está completamente demostrado que a calidade non ten nada que ver cando se fai in situ”. Por iso reclaman este servizo, entendendo que é o que ten que caracterizar a estes centros porque senón “perdería moitísima calidade”, afirmou.
Convenio colectivo
Canto ás condicións laborais exixiron que se respecten os dereitos contemplados no V Convenio Colectivo para persoal laboral da Xunta de Galiza. A este respecto lembraron os dereitos adquiridos na Axencia Galega de Servizos Sociais, non tanto así no Consorcio, como vacacións en Semana Santa e Nadal. Dereitos que a administración quere eliminar e que están a provocar un deterioro das condicións laborais que atribuíron ao proceso de funcionarización.
A este respecto, Canitrot aclarou que non se trata de que pechen as escolas durante eses períodos, senón de que se articule o xeito de que o persoal poida gozar dese dereito garantindo a cobertura dos centros.
Xunto a estas cuestións tamén demandan abordar o relativo á implantación da parella educativa de xeito universal; a revisión de horarios de apertura e peche, segundo ratio; a eliminación das xornadas partidas e medias xornadas; a modificación das escolas infantís cualificadas como PAI’s e a creación de persoal de servizos xerais en todos os centros.