Os comités de Alcoa solicitarán que a Xunta entre como socio inversor determinante e interveña no proceso de venda
O comité de San Cibrao reitera a súa preocupación pola situación que atravesa o sector da produción básica do aluminio en Galiza, tras o anuncio feito por Alcoa. “O futuro do sector do aluminio está en xogo. E con el, o futuro da Mariña, ao ser este un dos motores socio-económicos fundamentais no tecido industrial da comarca”, asevera o Presidente do Comité, Xosé Paleo (CIG).
Neste senso, engade que o actual sistema de poxa ten demostrado non ser válido para garantir o futuro desta industria por varias razóns. Por unha banda, a diferenza do que ocorre con outras industrias, a electricidade supón até o 45% dos custes totais da produción do aluminio. Isto “impídenos participar na poxa en igualdade de condicións con outras industrias que teñen moita máis marxe para baixar o prezo”.
Doutra banda, a inestabilidade que supón o carácter anual desta poxa que limita as inversións só a aquelas que son amortizábeis nun ano e dificulta tamén a conservación de clientes.
“Estes son os motivos polos que o comité de empresa de San Cibrao, xunto co da Coruña, solicitará por escrito en Compostela o próximo xoves unha reunión co Presidente da Xunta”, afirman.
No escrito que entregarán, a representación social insta á administración galega para que entre como socio inversor determinante nesta industria e interveña activamente neste proceso, asegurando así a viabilidade da fábricas e a unidade do concentro de San Cibrao, incluíndo a planta de alúmina.
Do mesmo xeito, urxen a que se concrete e acelere a poxa pola interrrumpibilidade do ano 2016 “como medida de supervivencia moi a curto prazo” e que no vindeiro ano “se desenvolva un sistema tarifario previsíbel, estábel e competitivo, que substitúa á actual poxa pola interrumpibilidade”.
Nesta liña, dende San Cibrao apóstase, ademais, pola creación dunha tarifa eléctrica galega que teña en conta a condición de país excedentario na produción de enerxía eléctrica, o baixo custe do transporte e o feito de que os galegos e galegas “soportamos todos os inconvenientes e ningún beneficio na produción deste excedente. Tarifa galega que, cunha bonificación nas peaxes do 30% poría as fábricas do país nun primeiro plano”.
Por último, dende o Comité consideran imprescindíbel que a Xunta tutele a creación dun plan industrial que concrete as inversións para garantir o futuro da industria do aluminio.
Unha medida recollida na ILP promovida pola CIG
A creación dunha tarifa eléctrica galega é unha demanda que a CIG leva anos reivindicando. Con tal obxectivo, a central promoveu unha iniciativa lexislativa popular de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética que recolle, entre outros puntos, a implantación dunha tarifa máis baixa para Galiza, partindo da redución dun 30% das peaxes de acceso, así como unha tarifa industrial estábel, con variacións predecíbeis e á que se poidan acoller os grandes consumidores baixo o cumprimento dunha serie de requisitos.
O pasado 26 de xaneiro, todos os grupos parlamentarios aprobaban, por unanimidade, a Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola CIG e avalada con máis de 18.000 sinaturas. Á vista dos últimos acontecementos, semella urxente avanzar na tramitación lexislativa dunha medida de tanta importancia para a noso tecido industrial, mais tamén para o conxunto da sociedade galega.