Os comités consultarán co persoal de Política Social a convocatoria de folga a partir de setembro
O comité intercentros, por unanimidade dos seus membros, instou os comités provinciais de Política Social a facer unha consulta entre o persoal para avaliar a súa disposición á ir á folga no mes de setembro no caso de que a administración non asine un acordo de condicións de traballo nos centros de atención directa dependentes desta Consellaría.
Subliñan que o documento enviado por Función Pública é "exactamente igual a un presentado no ano 2013", e ante as pretensións da administración galega de eliminar incluso dereitos, acordouse realizar un referendo este mércores día 19 e o xoves día 20 "coa finalidade de pulsar o ánimo das traballadoras e traballadores de Política Social ante a posibilidade de convocatoria dunha folga a partires do mes de setembro".
Porén, non deixa de chamar a atención que os comités de empresa de Pontevedra e Lugo non se unan a esta consulta meramente informativa formulada pola presidencia dos comités e rexeitado, no caso de Pontevedra, co voto en contra de CCOO, UGT e CSIF e, no caso de Lugo, co voto en contra de CCOO e UGT.
"Esta consulta está chamada a dar unha visión dos ánimos que teñen as traballadoras de Política Social ante un documento no que todos os sindicatos do intercentros coincidimos: é unha falta de respecto ás compañeiras que se deixaron a saúde durante os anos da pandemia, chegando a negarnos dereitos básicos, como é o dereito ao descanso entre xornadas", aseveran.