
Os comedores escolares xestionados pola Xunta xa non van contar con persoal titulado en cociña

A CIG-Autonómica vén de solicitar unha xuntanza urxente coa Consellería de Educación para que dea solución á non esixencia de formación en cociña ao persoal que se encarga da elaboración da comida nos centros escolares públicos, e que se garanta a seguridade alimentaria nos comedores.
Explican que as cociñas e comedores públicos, nos que están incluídos os comedores escolares dos centros de ensino dependentes da Consellería de Educación, teñen a obriga de implantar un sistema APPCC (Análise de Puntos de Control Críticos) e un Programa de Seguridade Alimentaria que inclúe a trazabilidade dos alimentos, boas prácticas na manipulación de alimentos, formación de manipuladores e un programa de hixiene na cociña (limpeza e desinfección, control de pragas, control da auga...).
Até o de agora ao persoal de cociña, nomeadamente o persoal oficial 2ª de cociña que é o que atende maioritariamente os comedores escolares, a Xunta esixíalle a titulación de Técnico de Cociña ou Técnico Superior de Restauración, polo que a formación en elaboración, manipulación de alimentos, dietas específicas, prevención de riscos nas cociñas, control dos APPCC, normativa sanitaria e demais estaba cuberta coa preparación académica da que dispoñían.
Sen requisito de titulación específica
Por mor da funcionarización deste persoal, a Xunta situouno nunha nova escala denominada “Auxiliar de Cociña do Subgrupo C2" na que non se require titulación específica ningunha máis que graduado en ESO.
A CIG-Autonómica apunta que até o de agora, os postos estaban ocupados por persoal laboral fixo ao que para superar o seu proceso selectivo se lle requiriu a titulación mencionada para apuntarse ás listas de contratación. Pero este cambio supón que, a partir de agora, o persoal que acceda a estes postos "pode non ter ningún coñecemento para cociñar, pero tampouco para garantir a seguridade e hixiene alimentaria e o cumprimento estrito da normativa sanitaria de aplicación nas cociñas colectivas", advirten.
Sendo conscientes de que a última e principal responsábel da seguridade alimentaria é a Consellería de Educación "denunciamos que existe un grave risco para a saúde dos cativos e cativas". Por iso, o sector de Autonómica da CIG-Administración solicitou unha xuntanza urxente, "esperando que a Consellería de Educación comparta a nosa preocupación e a gravidade do problema, e que arranxe a desfeita dunha funcionarización chapuceira, sen garantías e que provocou a rebaixa profesional deste persoal".