Os centros socioculturais do Concello de Santiago irán á folga o 29 de novembro
As traballadoras e traballadores dos centros socioculturais do Concello de Santiago, xestionados pola empresa Ferrovial Servicios, irán á folga o vindeiro día 29 de novembro en demanda do desbloqueo do convenio colectivo e para exixir que rematen dunha vez as presións ás que se ven sometidas as traballadoras e traballadores.
Segundo explica Aitor Sebio, representante da CIG-Servizos de Compostela a nova adxudicataria, que incumpre as súas obrigas co comité canto a traslado de información e documentación, pretende rebaixar as condicións laborais e salariais existentes no servizo.
Ademais, Sebio denuncia que non se permite a realización de promocións internas. “Hai que ter en conta que nesta empresa moito do persoal está contratado a tempo parcial e a empresa en lugar de regularizar e mellorar as súas condicións laborais o que fai é optar por novas contratacións en condicións máis precarias”, afirma.
Denuncian ademais a descoordinación e desorganización do servizo, con constantes modificacións horarias, de funcións e mesmo de centros. Un descontrol que afecta ás condicións laborais das traballadoras e traballadores mais tamén das usuarias e usuarios do servizo.