Os catro niveis de análise do conflito israelí-palestino

Sergio Rodríguez Gelfenstein - 27 Out 2023

O atlantismo como doutrina e o Atlántico como espazo onde se tomaban as decisións máis importantes do devir político do planeta, está a ser superado por unha rede de alianzas e organizacións que se desenvolven no territorio euroasiático onde os Estados Unidos non teñen moito que dicir

(I)

 En primeiro lugar, este é, por suposto, un conflito local que enfronta a un país ocupante contra outro que se viu obrigado a reaccionar ante a usurpación do seu territorio por vía da forza. Este nivel de análise achega a maior centrimetraxe nos medios escritos e a maior cantidade de tempo nos audiovisuais.

 As grandes transnacionais da comunicación só pensan nas novas como mercadoría e nesa medida, como negocio. Alleos a calquera escrúpulo, o que lles interesa é xerar opinión en favor daqueles que son os seus aliados, xeralmente vinculados ao gran capital internacional. Tamén nesa medida se “informa” sen importar a verdade, senón pensando en favor dos intereses imperiais ocultando que foron estes os que xeraron o conflito. Iso xa o sabemos. Así é en todo momento e en todo o planeta.

 Ninguén, con excepción dos Estados Unidos -cuxa economía é subsidiaria da guerra e o conflito a través do complexo militar industrial- pode ser favoraábel a ela. Só quen estivo na guerra sabe que nesta se desatan os peores instintos do ser humano: a necesidade de sobrevivir conduce á necesidade de matar e iso é antinatural. O ser humano non é asasino por natureza.

 Tampouco ninguén está de acordo co terrorismo, algúns rexeitámolo por convicción e por principios. Así mesmo, ninguén pode estar en contra da autodefensa e o dereito á vida que é o máis sacro de todos os dereitos, sen el, todos os demais son inbsustanciais e non teñen sentido de existir.

 Desta maneira, no conflito actual en Palestina -como n de Ucraína- é transcendental saber cando e como comezou. En Ucraína, a guerra non empezou en febreiro de 2022 cando Rusia iniciou a súa operación militar especial, senón en febreiro de 2014 cando Occidente -e en particular os Estados Unidos- argallou, organizou e financiou un golpe de estado para derrocar o goberno constitucional. Así, creáronse as condicións para a irrupción de organizacións nazifascistas que desataron o terrorismo contra as minorías que habitan ese país.

 Igualmente, o conflito en Palestina non comezou o pasado 7 de outubro cando o Hamás palestino lanzou unha andanada de varios miles de mísiles contra o territorio ocupado polo Estado de Israel, senón en 1948 cando -precisamente- comezou a ocupación e non se cumpriron os acordos da ONU que obrigaban a crear dous Estados nese territorio.

 Nun e outro caso, despois de violentar a situación preexistente en 2014 e 1948 respectivamente, todo pasou a ser posíbel en termos de devastación e morte. A guerra, que é un fenómeno bárbaro, fixo a súa irrupción con toda a súa secuela de destrución e salvaxismo.

 Nós, os venezolanos, sabémolo moi ben. Desde o mesmo nacemento do noso país en 1811 coñecemos a barbarie europea que violentou durante tres séculos o territorio dos que os pobos orixinarios chaman o Abya Yala. Moi cedo na guerra, en 1813 o Libertador Simón Bolívar viuse obrigado a emitir o Decreto de Guerra a matar. Os "pacifistas" de agora, tras ler ese documento, non dubidarían en dicir que Bolívar era un terrorista e tentarían xulgalo por violación aos dereitos humanos, pero ese documento permitiu crear o soporte legal para desenvolver a guerra de independencia que finalmente concluíu coa derrota dos tamén usurpadores e ocupantes europeos en 1824 tras a Batalla de Ayacucho. Cómpre dicir que a guerra de independencia en Venezuela alcanzou graos de terror, barbarie, crueldade e ferocidade que non tivo comparanza con ningunha outra rexión de América. Aquí violentáronse -por unha e outra parte- todos os principios que modernamente regulan o dereito humanitario.

 Antes de Ayacucho, Bolívar e o xeneral español Pablo Morillo, máximo xefe das forzas expedicionarias monárquicas en Venezuela, aviñéronse a negociar un tratado para regularizar a guerra. Ese acordo subscrito en novembro de 1820 no poboado de Santa Ana, no actual estado Trujillo, é o primeiro documento referido ao dereito internacional humanitario da guerra asinado en América Latina. Comeza dicindo: "A guerra farase como a fan os pobos civilizados". Todo un contrasenso, pero sinala a vontade das partes de resolver aspectos que se afastaban da executoria estritamente militar e que terminaban afectando a terceiros, nalgúns casos, alleos ao conflito.

 O devandito documento estabelece parámetros estritos relativos ao tratamento da poboación civil, dos feridos, o respecto aos restos dos soldados mortos en combate e a forma de asistir aos combatentes inimigos capturados, entre outros.

 De maneira que se hai alguén que sabe facer a guerra e vencer, mesmo de forma feroz se o inimigo nolo impón, que sabe negociar e respectar o adversario e que sabe vivir e amar a paz porque coñecemos a barbarie da guerra, somos os venezolanos. Temos unha herdanza que nos legou o Libertador e somos fieis a ela.

 Aqueles pacifistas modernos, sen dúbida xulgarían o Libertador, non participarían nin apoiarían a guerra. Sufririamos hoxe a desgraza de sermos españois aínda. Ninguén quere a guerra, mais hai que entender que o amor pola Patria, o apego á terra onde nacemos ou onde nos criamos, é máis forte que a máis forte dor que produce a confrontación bélica. Ninguén desexa a morte de civís, pero se facemos un paralelo entre a guerra de independencia de América, o conflito palestino-israelí e a guerra en Ucraína, imos atopar un factor común: os intereses coloniais e imperiais de asoballamento, dominio e control para expandir a súa riqueza sen importar os intereses dos pobos.

 Para os colonialistas e imperialistas non interesan os instrumentos que se usen, tampouco que os seus intereses imperiais signifiquen o exterminio de millóns de seres humanos. Pouco lle importaban a España os centenares de millóns de persoas asasinadas. Pouco lles importou ás potencias entregar un territorio aos sionistas para que se instalasen nel por vía da forza aniquilando a millóns de palestinos. Pouco lle importa aos EEUU e á OTAN que mozos ucraínos perdan a vida nunha guerra que non poden gañar e que só achega beneficios ás empresas estadounidenses que aumentaron as súas ganancias vendendo armas, petróleo e gas.

 Non existe un terrorismo bo e un malo. Vexamos o que fixeron os Estados Unidos creando organizacións terroristas como Al Qaeda, ISIS e Boko Haram, entre outras, ás cales apoia, arma e financia só porque as súas accións coinciden cos seus intereses imperiais.

 É bo seguir a noticia, pero como dixen hai pouco, é máis importante coñecer as causas e as orixes dos feitos. Coñecer iso, lévanos a saber que fins se agochan tras eles e que intereses están en xogo.

 O dereito á rebelión está consagrado nas constitucións da maioría dos países do mundo. É tan antigo como a existencia da opresión duns sobre outros. Desde Platón e Santo Tomás de Aquino até a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, este dereito foi aceptado a través da historia.

 Entón, trátase de recoñecer a lexitimidade dun pobo que se rebela. O problema dos instrumentos con que o fai é outra cousa e non pode ser que o patrón estabelecido polos Estados Unidos, que exterminou os seus pobos orixinarios, que lanzou dúas bombas atómicas en Hiroshima e Nagasaki, que estabeleceu e apoiou gobernos sátrapas e asasinos dos seus pobos en todo o mundo, que permitiu, tendo coñecemento de antemán que o seu pobo sería vítima dun horrible atentado terrorista o 11 de setembro de 2001, que tendo todos os recursos fixo nada e pouco para evitar que a pandemia matase a máis dun millón dos seus cidadáns, sexa o que estabeleza quen é terrorista e quen non.

 (II)

 É moi difícil escribir mantendo a ecuanimidade cando se asiste a un xenocidio que o mundo se limita a observar porque os organismos internacionais, a ONU en primeiro lugar que foi creada para garantir a paz no planeta, manifesta total inoperancia. Se había dúbidas acerca diso, hoxe fíxose público e evidente. É imperativo que o mundo cambie e que xurda un novo sistema internacional xusto, equitativo e democrático. Os feitos son testemuñas de que aquilo que se deu en chamar "Occidente colectivo" vai quedar fóra do mundo do futuro.

 Neste marco, e dando continuidade ao exame, agora abordarase un espectro un pouco máis amplo que expón outra aresta deste, a saber as repercusións subrexionais e rexionais deste suceso que mobilizou o planeta enteiro e as influencias que estas xeran.

 Antes, debo dicir que non creo que -parafraseando a Saddam Hussein- sexa esta "a nai de todas as batallas". Paréceme que os feitos iniciados o pasado 7 de outubro, son un "tento" para futuras operacións dun nivel superior. Dito noutras palabras, todo o que ocorreu desde ese día é parte dun combate para deseñar escenarios e facer preparativos para a batalla final que será aquela na que unha coalición de países árabes e musulmáns fagan por actuar unidos para derrotar a Israel, liberar a Palestina, recuperar Xerusalén oriental e as alturas do Golán.

 Ese momento aínda non chegou. Afirmouno o chanceler iraniano Hosein Amir Abdolahian cando dixo que "a resistencia decide sobre a hora cero para calquera acción en caso de continuación dos crimes de Israel contra Gaza".

 Desde o meu punto de vista, aínda non existen todas as condicións para librar esa batalla; estas deben crearse nos catro niveis. De feito, a operación "Diluvio de Al Aqsa" foi planificada, organizada e realizada en total segredo, até o punto de que non era coñecida nin sequera polos aliados internos nin externos de Hamas. Sendo que esta causa é de todos os palestinos e mesmo de todos os árabes e musulmáns, esta non foi, nin de lonxe, unha acción de todas as forzas palestinas, tampouco do eixo da resistencia. Estas limitáronse a "parabenizar" a Hamas, sen se involucraren nela, até despois de coñeceren o seu alcance.

 Dáme a impresión de que, a nivel interno, as forzas palestinas non están unidas aínda para enfrontar o inimigo común. Aínda que en xaneiro de 2022, cinco delas: Hamas, Al Fatah, a Fronte Democrática de Liberación de Palestina (FDLP), a Fronte Popular de Liberación de Palestina (FPLP) e a Yihad Islámica se reuniron en Alxer buscando dirimir as súas diferenzas e unir forzas, o proceso iniciado non concluíu. Uns meses máis tarde, en outubro do ano pasado, tamén en Alxeria, foron 14 as organizacións palestinas que asinaron un acordo de reconciliación. Entre os puntos convidos estaba a celebración de eleccións este ano, o cal non se concretou.

 Israel, pola súa banda, apostou pola división das forzas políticas palestinas. O trato cara a Cisxordania non foi o mesmo que cara a Gaza. Sen ambaxes, con declaracións que farían ruborizar o propio Hitler, algúns líderes sionistas como o primeiro ministro Netanyahu dixeron que se debe implementar un "asedio total" a Gaza ou, que polo menos sexa "máis pequena cando termine a guerra" como afirmou o ministro Gideon Saar. Así, pode observarse que no mundo de hoxe, os xenocidios son informados de antemán á opinión pública e transmitidos en vivo e en directo pola morbosa mediática internacional.

 Na outra trincheira, o Estado de Israel tenta transmitir unidade fronte ao "inimigo común". De feito as forzas que levan meses na rúa protestando contra o autoritarismo de Netanyahu anunciaron o cesamento das súas actividades. Isto foi aproveitado polo primeiro ministro sionista para facer un chamamento á creación dun goberno de unidade nacional. Con todo, Yair Lapid, un dos líderes da oposición negouse a formar parte, aducindo que non pode estar no mesmo bando da ultradereita. Aínda que sexa difícil de entender, en Israel, Netanyahu é considerado un político da dereita moderada, que se viu obrigado a facer acordos con partidos da extrema dereita e do partido sionista relixioso ultraconservador co fin de construír unha alianza de goberno.

 Noutro plano, o mediático, o xornal Haaretz, cuarto en importancia do país, rompendo a unidade comunicacional fixo editoriais con fortes críticas a Netanyahu a quen responsabiliza dos actuais acontecementos.

 De cara ao futuro, estarán por ver as repercusións que terán, no interior de Israel, o fracaso dos seus servizos de intelixencia, o bochorno do seu exército incapaz de conter as milicias palestinas e o impacto de miles de mozos que abandonaron o país nos últimos anos moitos dos cales o fixeron para evitar servir no exército. A famosa unidade nacional está posta en cuestión e dá a impresión de que custará restabelecela.

 Hai exactamente un ano, o 19 de outubro, neste mesmo espazo escribín un artigo que titulei "Algo cheira mal en Israel". Nel facíase referencia ás declaracións do maior xeneral Uri Gordin novo xefe do comando norte do exército israelí, quen un mes antes alertara "no sentido de que Hezbollah podería disparar até 4.000 mísiles contra Israel nos primeiros días dun potencial conflito bélico que podería se desatar”. Segundo o alto xefe militar isto significa unhas 10 veces máis que os utilizados na guerra de 2006 e asegurou que a organización libanesa podía ir incrementando a cifra a razón de 1.500 a 2.000 diarios.

 Tentando matizar a información, Gordin afirmou que "o número de mísiles de alta precisión de Hezbollah é relativamente pequeno, pero son suficientes para que instalacións estratéxicas civís e militares, así como altos líderes do país estean entre os brancos a atacar". Engadindo preocupación á súa análise, opinou que "Israel non está preparado para interceptar tal cantidade de mísiles polos que o número de vítimas podería ser moi alto. Sinalou que as cidades de Haifa e Tiberíades estarían entre os obxectivos de Hezbollah".

 Velaí a realidade, Israel non esperaba o golpe desde o sur senón desde o norte e aínda que previu o potencial do impacto misilístico, aquilo que hai un ano era unha hipótese, hoxe fíxose realidade cos resultados observados. A conclusión é clara: Israel non ten capacidade para enfrontar simultaneamente as organizacións palestinas, o Hezbollah libanés, o exército sirio, aos máis de 30.000 combatentes iraquís da resistencia que se puxeron en alerta de combate o 7 de outubro, a gran capacidade dos foguetes de Iemen, o xigantesco potencial militar de Irán, por non falar dos 2 millóns de palestinos que viven en Xordania e o fervor patriótico de millóns de árabes e palestinos en Asia Occidental e en todo o mundo.

 Nin sequera co apoio de Europa e dos Estados Unidos, Israel poderá resistir unha enxurrada desa magnitude. É o que quere evitar Biden. Por iso viaxou a Israel, despois que durante a semana pasada o seu secretario de Estado Anthony Blinken viaxase infrutuosamente dúas veces a Tel Aviv. Hai que dicir que Israel, do mesmo xeito que Ucraína, basea a súa capacidade de combate no apoio de Occidente, en particular nos dos EUA. Díxoo abertamente o contraalmirante Daniel Hagari, portavoz do exército de Israel: «Se Hezbollah se atreve a nos poñer a proba, a resposta será mortal. Os EUA préstannos todo o seu apoio». Reiterouno o presidente Joe Biden cando desde Tel Aviv anunciou que Washington apoiará a entidade sionista «hoxe, mañá e sempre». Todo iso, un día despois do ataque ao hospital en Gaza que deixou centenares de mortos.

 Ese apoio tamén significou tres vetos estadounidenses a resolucións do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. Unha delas, proposta por Brasil, aínda que bastante morna, demandaba facer "pausas humanitarias" no medio do xenocidio de Gaza. As outras dúas, en forma de emendas, foron propostas por Rusia. Na primeira delas condenábanse "os bombardeos indiscriminados" mentres que a segunda instaba "a un cesamento do fogo inmediato, estábel e plenamente respectado». Unha vez máis os Estados Unidos favoreceron o terrorismo mentres que a ONU mostrou a súa incapacidade para o evitar.

 O segundo e terceiro nivel de análise teñen que ver precisamente co impacto subrexional e rexional que neste caso me parece decisivo. Do seu involucramento ou non nos feitos, vai depender unha definición estratéxica do conflito. Está visto que os palestinos por si sós non teñen capacidade para estabelecer unha correlación de forzas militar que rompa o equilibrio no seu favor. Se algo potenciou a loita do pobo palestino foi a fortaleza e a evolución da capacidade combativa do eixo da resistencia liderado por Irán.

 Por outra banda, o sostén irrestrito de Israel polos EUA e Europa define con meridiana claridade que este feito, sumado á resistencia anticolonial que están a manifestar os pobos de África e os acontecementos en Ucraína, permite afirmar sen ningún xénero de dúbida que iso que o "Occidente colectivo" configura hoxe un bloque nazi-sionista, imperialista e colonialista. Este é hoxe o inimigo da humanidade.

 A construción de correlacións de forza para enfrontar os conflitos do presente e do futuro deberá situar a este bloque como o inimigo principal dos pobos, o inimigo da humanidade.

 Nesta situación, a creba do equilibrio estratéxico só se producirá a favor do pobo palestino, se se consegue o involucramento -en primeira instancia- do eixo da resistencia e nun segundo plano de todo o mundo árabe e musulmán. Iso aínda non se logrou.

 Ao contrario, os EUA obtiveran algúns éxitos neste sentido ao impulsar un recoñecemento de Israel por parte dalgúns países árabes tras o asinamento en setembro de 2020 dos Acordos de Abraham entre Tel Aviv e os Emiratos Árabes Unidos e Bahrein, ao que posteriormente se incorporaron Sudán e Marrocos.

 Así mesmo, as negociacións entre Arabia Saudita e Israel para o estabelecemento de relacións estaban bastante avanzadas. A operación "Diluvio de Al Aqsa" paralizou estes convenios. Agora, cómpre saber se será de forma transitoria ou definitiva.

 Todo o desenvolvemento desta ecuación influirá no camiño futuro do pobo palestino. No entanto, débese ter en conta que a definición non será allea dos cambios transcendentais que se están a producir no escenario internacional. Por iso, haberá que os analizar na súa relación con Palestina.

 (III)

 19 días de bestialidade nazi-sionista en Palestina e o mundo observa impasíbel como se comete un xenocidio sen que os mecanismos do sistema internacional poidan evitar tal barbarie.

 Este acontecemento fixo patente e reiterada a inoperabilidade do réxime tal como existe e a necesidade de cambialo.

 A pandemia da COVID-19 mostrou ao mundo a incapacidade do sistema internacional para actuar unidos en contra dun inimigo común. Iso non foi posíbel porque se impuxo a lóxica capitalista de mercado e o plusvalor da economía vistos como necesidade de lucro e ganancia das empresas por riba da defensa da saúde e da vida dos seres humanos. A ONU mostrou total inoperancia no momento de enfrontar a pandemia.

 Dous anos despois, a operación militar de Rusia en Ucraína prolongou e profundou o cancro terminal que afecta ao goberno mundial. O atlantismo como doutrina e o Atlántico como espazo onde se tomaban as decisións máis importantes do devir político do planeta, está a ser superado por unha rede de alianzas e organizacións que se desenvolven no territorio euroasiático onde os Estados Unidos non teñen moito que dicir tendo en conta a súa vergoñenta fuxida de Afganistán e o fracaso dos golpes de estado que tentou en Kirguizistán (2020) e Casaquistán (2022).

 Agora son Rusia e China as que construíron un tecido de acordos no político, o económico, o financeiro e na seguridade ao redor da gran alianza que crearon estas dúas potencias. Expresión disto son os BRICS 11, a Organización de Cooperación de Shanghai (OCS), a Unión Económica Euroasiática (UEEA), a Iniciativa da Franxa e a Ruta (BRI), a Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC), o Corredor Internacional de Transporte Norte-Sur (INTSC) e o Banco Asiático para Investimento en Infraestruturas (BAII) entre outros.

 Todo isto hai que o dimensionar temporalmente nun marco estratéxico que quedou claramente delimitado polo presidente chinés Xi Jinping cando lle dixo ao seu colega ruso Vladimir Putin en marzo pasado durante a súa visita a Moscova que se estaban "producindo cambios nunca vistos en 100 anos e [somos nós quen] estamos a lideralos". Nos feitos, nas últimas semanas contrastou que mentres os EUA fan acordos para sementar o terror e a morte, China está preocupada polo desenvolvemento, a paz e a cooperación internacional baixo o principio de gañar-gañar.

 A incapacidade de Occidente para afrontar exitosamente a favor dos seus intereses o conflito en Ucraína, prendeu as alarmas até facer que as angustias e tribulacións que puideron ser ocultadas nun primeiro momento, hoxe saian á luz pública adobiadas con expresións extravagantes dunha pléiade de líderes ignorantes e mediocres como nunca antes se puidesen reunir.

 A economía non funciona, as sancións contra Rusia revertéronse afectando a unha Europa que por decisión propia -e seguindo os ditados de Washington- renunciou a seguir consumindo a enerxía barata e segura que lle proporcionaba Moscova, que era alicerce fundamental para o seu desenvolvemento industrial e para soster o seu alto nivel de vida.

 Por outra banda, a OTAN mostrou total incapacidade para enfrontar a Rusia, a súa economía de guerra non está á altura. O propio hoxe exsecretario de Defensa do Reino Unido, Ben Wallace, dixo en xullo pasado que a organización non podía seguir fornecendo municións na medida das necesidades de Ucraína porque "a alianza non se preparou axeitadamente para a posibilidade dunha guerra terrestre prolongada en Europa tras décadas de relativa paz".

 Así mesmo fíxose evidente o fracaso da política de sancións contra Rusia. Unha investigación realizada polo New York Times en setembro concluíu que as restricións comerciais de Washington e os seus aliados non foron de todo efectivas tendo en conta que "Rusia non só conseguiu eludir as penalizacións occidentais que apuntan ao seu exército, senón que está a levar a produción de proxectís e vehículos a niveis superiores".

 Noutro escenario estratéxico do conflito mundial, China segue a elevar os éxitos na súa contorna malia todos os esforzos que fan os Estados Unidos para utilizar a Taiwán e a aqueles países que teñen diferendos limítrofes marítimos con China como instrumento de intervención para manter unha situación de tensión permanente que xustifique a súa presenza militar e sobre todo naval na rexión co fin de inducir os países do Asia- Pacífico e de Oceanía a incrementaren as compras de armamento nos Estados Unidos como vía de superación da súa crise económica a través da reactivación da súa industria militar.

 Mais ante a situación creada en Ucraína, o Departamento de Defensa estadounidense informou de que xa se viu obrigado a atrasar o reabastecemento das súas propias tropas, tendo en conta que de non o facer a tempo se podería prexudicar a preparación do seu exército.

 O Pentágono advertiu ao Congreso estadounidense que se está quedando sen fondos para substituír as armas que enviou a Ucraína e que xa se viu obrigado a atrasar o reabastecemento das súas propias tropas.

 É neste marco no que se produce a guerra en Palestina. Este é o 4º. nivel de análise que debemos estudar: a incidencia deste conflito no escenario global porque no mundo de hoxe é imposíbel supor que ocorra algo no planeta que non teña incidencia neste nivel.

 Como dixemos ao primeiro, a decisión de realizar as accións do 7 de outubro correspondeulle única e exclusivamente a Hamas e inscríbese na intención desta organización de levar a ollada do mundo ao xenocidio perpetuo que se libra contra o pobo palestino desde 1948. Non me vou deter aquí a facer xuízos de valor sobre a ética das accións. Non creo na teoría dos dous demos. Os que me coñecen e me len saben o que penso respecto diso. A guerra é talvez a máis deplorábel de todas as accións vinculadas á política e nisto apégome ao xuízo do noso Libertador Simón Bolívar quen nos aprendeu: "A guerra débese facer como a fan os pobos civilizados". Que cadaquén tire as súas propias conclusións.

 Volvendo ao tema, quero reiterar que non teño ningunha dúbida de que a acción do 7 de outubro non foi máis que un ensaio xeral para medir forzas, cantidade, calidade e localización do inimigo. Pero tamén para calibrar as probábeis repercusións que estas accións poidan ter na contorna inmediata, no universo árabe e musulmán e en todo o mundo.

 En calquera caso, o acontecido até o de agora é un punto de inflexión no longo conflito xerado en 1948 pola ONU que, creada para a paz, se estreou implantando unha situación de guerra. O 7 de outubro finalizou a paz relativa que Israel estabelecera para os seus colonos sobre o sangue dos palestinos. Nada volverá ser igual. A política de colonización ilegal asinou a súa acta de defunción. Mesmo o secretario xeral da ONU Antonio Guterres habitualmente pusilánime e temeroso do poder de Occidente, tívoo que recoñecer como causa do conflito, o cal lle valeu que o embaixador israelí ante Nacións Unidas solicitase a súa renuncia.

 No plano internacional, non é posíbel manterse á marxe: organizacións e países terán que se definir. Iso que os EUA deron en chamar "comunidade internacional" que está formada por Washington e os seus 53 aliados, unha vez máis, do mesmo xeito que en Ucraína onde se puxeron de lado dos nazis, en Palestina colocáronse na trincheira do sionismo.

 Isto é só o inicio. Hoxe estase á espera de saber se Israel realizará a súa anunciada ofensiva terrestre en Gaza, o cal podería desatar unha guerra de dimensións incalculábeis que deixaría o conflito en Ucraína como un paseo de fin de semana ante a magnitude e o impacto dos feitos que sobrevirían. As potencias sábeno. Xa os EUA, Europa e os seus acólitos asumiron unha posición de apoio irrestrito a Israel. É máis, Biden definiuno claramente como un «investimento intelixente» que, segundo as súas palabras, brindará «dividendos». A súa opinión, dá a entender que o papel de Ucraína e Israel é o de poñer os mortos para que os Estados Unidos consigan os seus obxectivos a cambio dalgunhas migallas.

 Por iso é polo que Israel acepta atrasar a súa invasión á Franxa de Gaza para que os EUA poidan levar sistemas de defensa á rexión. Sábese que o Pentágono está a aprestarse a despregar esta mesma semana case unha ducia de sistemas de defensa aérea, incluídos aqueles destinados ás tropas estadounidenses que prestan servizo en varios países da rexión, para protexelas de mísiles e foguetes.

 A preocupación principal dos EUA agora é que, no caso de que se desate a invasión terrestre israelí a Gaza, a situación poida escalar tendo en conta que Washington posúe uns 40.000 soldados en Asia Occidental en bases situadas en Siria, Iraq, Kuwait, Xordania, Bahrein, Catar, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Turquía e Omán.

 En particular, é factor de desasosego superlativo a situación da 5ª. Frota da Armada estadounidense conformada por un Grupo de Batalla integrado por un portaavións, os seus buques de escolta, unha Á Aérea, un Grupo Anfibio e diversos buques auxiliares até completar 20 naves cun total de 16.000 efectivos. Esta frota, situada en Bahrein aproximadamente a 280 km da costa iraniana e a menos dun minuto de voo dos mísiles hipersónicos Fattah que poden viaxar até a 15 veces a velocidade do son, tendo un alcance de até 1.400 km e fronte aos cales os EUA non teñen ningunha tecnoloxía que permita interceptalos ou destruílos, sería presa fácil da resposta iraniana á agresión terrestre a Gaza.

 De igual maneira, os estreitos de Ormuz e Bab el Mandeb quedarían cubertos polos mísiles iranianos e, neste último caso tamén polos de Iemen, que pecharían o Golfo Pérsico e o Mar Vermello aos supertanqueiros que cargan o 40% do petróleo que se consome no planeta. A desfeita da economía mundial sería inmediata tendo en conta que os prezos do cru se elevarían até prezos inaccesíbeis para a gran maioría dos países do mundo.

 Por iso é polo que o secretario de Estado Anthony Binken viaxou dúas veces a Israel, case en simultáneo co secretario de Defensa, Lloyd Austin e o propio presidente Joe Biden, todo en menos dunha semana. A urxencia do feito vén acentuada pola constatación de que o presidente dos Estados Unidos se vise obrigado a realizar un longo percorrido para estar só 6 horas en Tel Aviv.

 No medio desta desenfreada actividade diplomática dos EUA tentando apagar incendios con gasolina, China realizou o terceiro foro da Nova Ruta da Seda coa asistencia de delegacións de máis de 140 países, varias delas presididas por xefes de Estado e/ou gobernos que debateron sobre a base de que «a China lle irá mellor se ao resto do mundo lle vai ben, e ao resto do mundo iralle mellor sempre que a China lle vaia ben» segundo o manifestado polo presidente Xi Jinping durante o discurso inaugural do evento.

 Sobre o conflito en Asia Occidental, Beijing desde hai tempo fixo posición: "China apoia firmemente o estabelecemento dun Estado independente de Palestina, que goce de plena soberanía sobre a base das fronteiras de 1967 e con Xerusalén Oriental como o seu capital. China apoia a Palestina para que se converta en membro de pleno dereito das Nacións Unidas".

 Á súa vez, Rusia expresou a súa grave preocupación pola escalada de violencia entre palestinos e israelís. A súa postura que definen como "principal e coherente" é que este conflito "que dura xa 75 anos, non ten solución pola forza e só pode ser solucionado por medios político-diplomáticos mediante o estabelecemento dun proceso de negociacións de pleno formato sobre a base coñecida do dereito internacional que estipula a creación do Estado palestino independente nas fronteiras do ano 1967, con Xerusalén Este como a súa capital, o cal viva en paz e seguridade con Israel".

 Neste contexto, como dixo o analista internacional brasileiro Pepe Escobar: "Despois do seu sorprendente ataque [...] un Hamás intelixente xa conseguiu máis influencia negociadora que a autoridade palestina durante décadas. É significativo que, aínda que as conversas de paz contan co apoio de China, Rusia, Turquía, Arabia Saudita e Exipto, Tel Aviv se nega. Netanyahu está obsesionado con arrasar Gaza, pero, se iso acontece, unha guerra rexional máis ampla é case inevitábel".

 Así mesmo, cómpre ter en conta que, a partir do 1 de xaneiro, tres dos máis importantes países musulmáns, Arabia Saudita, Exipto e Irán comezarán a formar parte do grupo BRICS 11, de igual maneira que os Emiratos Árabes Unidos creando unha correlación de forzas moi positiva en apoio á loita do pobo palestino.

 A situación creada levou a consecuencias imprevisíbeis hai só unhas semanas. Neste senso, a pesar de que as conversacións entre Arabia Saudita e Israel para estabelecer relacións estaban bastante avanzadas, estas parecen terse "conxelado" despois das accións do 7 de outubro. Un funcionario diplomático saudita informou que o seu país “decidiu suspender o debate sobre a posíbel normalización [con Israel] e informou os funcionarios estadounidenses”. Hai que dicir que, a pesar das presións de Washington a Riad para que esta condenase o ataque de Hamas, a monarquía wahabita se negou a facelo.

 Noutro ámbito, o pasado 13 de outubro o goberno catarí anunciou que estaba disposto a cortar as exportacións de gas natural ao resto do mundo en apoio a Palestina. O emir Sheikh Tamim ibn Hamad Al Thani xefe de Estado de Catar foi contundente e directo ao dicir que: «Se non cesa o bombardeo de Gaza, cortaremos o fornecemento de gas ao mundo», engadindo maior incerteza ao futuro económico do planeta. Cómpre ter presente que Catar é o sexto produtor máis importante do mundo á vez que posúe a terceira maior reserva de gas.

 Neste contexto, non se pode obviar na análise, a xira do chanceler iraniano Hossein Amir Abdollahian pola rexión. Ao finalizar esta, informou de que existía a posibilidade de que se abrisen outras frontes contra Israel no medio do seu actual conflito con Palestina. En todo caso, o ministro persa deixou en claro que sería a Resistencia a que tomaría a decisión final sobre o que chamou "a hora cero" para calquera acción en caso de continuación da agresión de Israel contra Gaza.

 Amir alertou no sentido de que, se houbese "dilación" por parte da comunidade internacional, de Nacións Unidas e dos activistas que apoian o belicismo do réxime sionista "a resposta darase no momento oportuno e axeitado para a Resistencia, sendo determinante para "cambiar o mapa actual dos territorios ocupados".

 Esta idea foi ratificada polo líder supremo de Irán, o aiatolá Alí Hoseiní Jameneí quen advertiu o pasado 17 de outubro que se os crimes [de Israel] continúan, "os musulmáns e as forzas de resistencia perderán a paciencia e ninguén os poderá deter".

 Neste marco, o 19 de outubro, un voceiro de Hezbollah afirmou que a súa organización estará no centro da batalla en curso. Ademais das 12 operacións levadas a cabo contra posicións fronteirizas israelís coa Palestina ocupada desde o lanzamento da ofensiva israelí contra a Franxa de Gaza, Hezbollah participa na sala de operacións conxuntas das faccións da resistencia palestina que están a traballar "xuntas de forma continua e intensa e coordínanse entre si" despois de acordar os pasos a seguir para enfrontar o inimigo sionista nas dúas frontes palestino e libanés para o que están a intercambiar información. Así mesmo, deron a coñecer que todas as accións sobre o terreo son decididas nesta sala de operacións tendo en conta os feitos e os enfoques políticos.

 Haberá que ver se Israel finalmente lanza a súa ofensiva terrestre sobre Gaza, e cal será a resposta do Eixo da Resistencia e do mundo musulmán en apoio ao pobo palestino. Iso sinalará o camiño deste conflito e o futuro do planeta, tendo en conta da total inoperancia da ONU que se marxinou da súa responsabilidade de tomar decisións que conduzan a impedir e evitar que este xenocidio se siga a producir.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 27 de outubro de 2023]