Os campus universitarios galegos claman contra a universidade privada de Escotet
Alumnado, profesorado e persoal das universidades sumábase ás mobilizacións que, de forma simultánea, se sucederon en todos os campus de Galiza para rexeitar a creación dunha universidade privada no noso país. Concentracións nas que a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública denunciou o papel do PP que, coa súa maioría no Parlamento agasallará a Escotet con este suculento negocio, e chamou a participar na manifestación convocada para o vindeiro sábado día 12 de xuño, ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá.
Foi o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello quen denunciou o intento do PP de privatizar o sistema universitario galego “permitindo a entrada dunha empresa que vén exclusivamente a lucrarse co mercadeo das titulacións universitarias que, advertiu, “vai supor un enorme problema para o futuro da universidade pública”.
Incumprimento da Lei do Sistema Universitario Galego
Denunciou a intención desta universidade de entrar a competir con titulacións que son absolutamente redundantes, polo que se estaría a incumprir a propia Lei do Sistema Universitario Galego que di que “para que se autorice unha universidade privada ten que ser complementaria á oferta que existe no sistema pública”.
Por iso rexeitou o papel da administración galega que”nega a posibilidade de que se incrementen as titulacións nos diferentes campus e ao tempo ponlle unha alfombra vermella e dálle todo tipo de facilidades a Escotet para que formalicen o que vai ser a primeira universidade privada do país”.
Alertou de que despois desta “virán máis” porque é un negocio “suculento” para empresas que “non teñen ningún tipo de interese en potenciar a investigación senón que veñen a coller cacho”.
Sinalou que un mestrado habilitante como o que ten que facer todo o estudantado que queira ser docente custa aproximadamente 600€. Porén, dixo, “nunha privada custa máis de 6.000€”. Considerou, por tanto, que “ese é o negocio”. Un negocio que estaría baseado sobre todo nos mestrados e na formación online. “Ese é o agasallo que agora lle ofrece o PP, despois de regalarlle as caixas a Escotet Núñez Feixó”.
Introdución do modelo americano
O secretario nacional da CIG-Ensino denunciou ademais a introdución do modelo americano de “endebedamento de por vida”. Seguindo o exemplo do mestrado universitario en Profesorado explicou que “quen poderá acceder a eles son as familias con capacidade económica para pagalos ou con capacidade de endebedarse” e advertiu que “máis se endebedará aínda quen vaia facer un grao”.
Un sistema que se pretende introducir baixo o paraugas dunha fundación, Afundación, “como se iso fose sen ánimo de lucro cando aquí estamos falando dun lucro importantísimo dos que tanto lles vale vender seguros como vender títulos universitarios”.
Xunto a isto Bermello alertou das consecuencias que terá para o estudantado porque “a oferta pública vaise ver reducida no momento no que a privada compita” porque automaticamente iso vai xerar que a Xunta, en canto á universidade pública perda matrícula nun grao vaino eliminar. “Déixase así ao alumnado sen poder recorrer á pública, con prezos máis razoables e que terá como unha alternativa a privada, se pode”.
Diante desta situación, o secretario nacional da CIG-Ensino fixo un chamamento a dar “unha resposta social contundente” participando na manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, da que fan parte organizacións sindicais, estudantís e colectivos investigadores “conscientes dese muro difícil de derrubar que é o da maioría absoluta do PP” pero que “merece unha contundente contestación social”.