Os BRICS: unha fábula do noso tempo

Immanuel Wallerstein - 01 Xan 1970

A forza económica dos BRICS deu un xiro cara a empeorar na década de 2010. Non era que os países do G-7 estivesen acelerando o seu crecemento de novo, senón que os BRICS mostraban cifras diminuídas nos seus activos           

 A historia dos BRICS é estraña. Comeza cando Jim O’Neill, nese momento coordinador da xestión de activos en Goldman Sachs, a xigante casa de investimentos, escribiu un artigo amplamente comentado acerca do que viñemos a chamar "economías emerxentes". O’Neill destacou a catro países “Brasil, Rusia, A India e China”, todos os cales son o suficientemente grandes en tamaño e territorio como para ter un peso notorio no mercado mundial. Chamounos os BRICs.

 O’Neill argumentou que os seus activos crecían a un ritmo tal, que chegarían a controlar colectivamente o valor dos activos mantidos polos países do G-7, durante moito tempo considerados os países máis ricos do sistema-mundo. O’Neill non dixo con exactitude cando ía ocorrer isto -como moi tarde contra o 2050-. Porén, situou o xurdimento dos BRICs como máis ou menos inevitábel. Dada a posición de Goldman Sachs, en esencia estáballes dicindo aos clientes da dita firma que situasen partes significativas dos seus investimentos nestes catro países mentres os seus activos seguisen vendéndose baratos.

 Os argumentos prenderon, aínda ao interior dos catro países en cuestión. Os catro países dos BRICs decidiron asumir o nome e crearon estruturas para celebrar reunións anuais a partir de 2009, co fin de transformar a súa forza económica emerxente nunha forza xeopolítica. O ton das súas sucesivas declaracións colectivas foi facer valer o sitio do Sur contra o Norte, en especial Estados Unidos, no sistema-mundo. Falaban de reemprazar o dólar como divisa de reserva, cunha nova divisa baseada no Sur. Falaron de crear un banco de desenvolvemento con sé no Sur para que asumise moitas das funcións que eran da competencia do Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial. Falaron de redirixir os fluxos de comercio mundial, salientando os intercambios Sur-Sur.

 Falaban de todas estas cuestións, pero dalgún xeito nunca lograron instrumentar estas propostas. En cambio, desde 2010 concentráronse en gozar dos froitos do alto nivel dos prezos das mercadorías de exportación, o que permitiu aos catro países aumentar significativamente os niveis de ingreso dos estratos medios e altos, e aínda incrementar algúns beneficios para os estratos inferiores.

 Os tempos parecían bos, e non só para os BRICs. En 2009, Sudáfrica fixo por convencer os catro membros dos BRICs que o admitisen como quinto membro do grupo. O nome cambiou entón de BRICs a BRICS, co S final referido a Sudáfrica. Sudáfrica en realidade non cumpría cos criterios económicos que O’Neill especificara, pero en termos de xeopolítica permitiu ao grupo dicir que tiñan un membro africano.

 Namentres, outros países comezaron a mostrar características económicas semellantes a aquelas dos BRICS. Os xornalistas comezaron a falar de MINT -México, Indonesia, Nixeria e Turquía-. Aínda que este grupo tamén incluía economías "emerxentes", nunca se converteron unha estrutura formal. Outro membro era un membro obvio: Corea do Sur. Con todo, Corea do Sur xa fora admitido no club dos adiñeirados -A Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE)- e como tal non viu a necesidade de impulsar máis a súa estatus xeopolítico.

 Logo, de súpeto, a forza económica dos BRICS deu un xiro cara a empeorar na década de 2010. Non era que os países do G-7 estivesen acelerando o seu crecemento de novo, senón que os BRICS mostraban cifras diminuídas nos seus activos. O rápido ascenso dos BRICS pareceu esvaerse.

 Que ocorrera? Unha ollada á economía-mundo da primeira década do século XXI mostra que o auxe económico mundial estaba impulsado en gran medida pola industrialización e a construción sen restricións. Isto creou unha enorme demanda de insumos de todo tipo, que Chiasa obtivo dos países dos BRICS e doutras partes. O auxe de China construíuse sobre algunhas irresponsábeis e endebles políticas de empréstimos dun gran número de bancos rexionais que comezaron a existir, auxiliados e permitidos por unha considerábel corrupción. Cando o goberno chinés buscou reparar o dano, a súa taxa de crecemento caeu, malia que seguiu relativamente alta.

 Ademais, o intento de China por afirmar o seu poderío xeopolítico sobre os seus veciños en Asia oriental e sudoriental conduciu a tensións acumuladas. Aínda que se di que isto é parte da rivalidade entre China e Estados Unidos, tanto China como Estados Unidos foron coidadosos en non deixar que a rivalidade vaia tan lonxe que ameace as posibilidades de máis longo prazo para unha sociedade.

 Os axustes de China sentíronse noutros lados de inmediato, e en especial nos outros países dos BRICS, o que resultou endeble economicamente e xa que logo nunha vulnerabilidade política. A dramática caída dos prezos mundiais do cru cobrou a súa cota. Un tras outro, os países dos BRICS víronse en problemas, cada un de xeito diferente.

 As políticas económicas de Brasil, que combinaran políticas macroeconómicas neoliberais con importantes transferencias ao terzo máis pobre da poboación -o famoso Fome Zero-, xa non funcionaron. As fluídas e sempre cambiantes alianzas políticas na lexislatura brasileira volvéronse un escenario turbulento, que ameazou a estabilidade política. Neste momento os dous bandos principais están buscando someter a xuízo o líder do outro bando. E a imaxe da persoa que construíu as exitosas políticas previas de Brasil -Lula, o anterior presidente Luiz Inácio Lula da Silva- manchouse de mala maneira.

 As políticas rusas de pesado investimento no militar combinadas cunha redistribución económica auxiliada polo Estado quedaron fortemente ameazadas pola caída no prezo do gas e do cru. A súa asertividade xeopolítica en Ucraína e Medio Oriente conduciu a varios tipos de boicots que lastraron de xeito importantes os seus ingreso económicos nacionais.

 O intento de India por poñerse ao corrente, non só con Occidente senón con China, resultou nun dano ecolóxico masivo e nunha diminución dos investimentos da súa diáspora en América do Norte e Europa occidental. O actual goberno, encabezado polo primeiro ministro Narendra Modi, está vendo que é difícil cumprir as promesas que conduciron á súa asoballadora vitoria recente.

 En Sudáfrica, a abafadora maioría do Congreso Nacional Africano (CNA) amaina finalmente, conforme unha crecente proporción do electorado é demasiado novo para recordar a loita contra o apartheid. En cambio, a política tórnase cada vez máis unha política baseada no étnico. E o CNA é ameazado por unha corrente emerxente anti-branca entre os votantes máis novos, tan alleos ás políticas anti-raciais do CNA. Ademais, os veciños de Sudáfrica inquiétanse cada vez máis pola man dura de Sudáfrica na súa política interna.

 Ai, como caen os poderosos! Calquera dubida do que permanece das aspiracións xeopolíticas dos BRICS.

 

 

[Artigo tirado do sitio web ‘La Jornada’, do 9 de xaneiro de 2016]