Os BRICS en Kazán 2024: unha semente cara a un mundo novo?
O encontro en Kazán 2024 reafirma que os BRICS representan a grande oportunidade para o desenvolvemento e o benestar dos pobos, afianzando para iso, simultaneamente, o seu camiñar cara a un novo mundo. De aí a longa listaxe de países que solicitan entrar no bloque, pois comprenden claramente que a estratexia asumida por estes representa hoxe o único modo de saír das gadoupas do poder que multiplica saqueos, empobrecemento xeneralizado, exclusión, guerras e morte
Os desafíos dos BRICS tras a XVI Cimeira celebrada en Kazán: o desenvolvemento como horizonte e a importancia da desconexión e a cooperación para alcanzalo.
A que mundo pertencen os BRICS?
Samir Amin, economista exipcio coñecedor do sistema mundo rexido polo capital e, por tanto, enxergador de camiños alternativos posíbeis para o desenvolvemento dos países dependentes e subordinados, propuxo na década dos 60 do século pasado a estratexia da desconexión. Esta desconexión non significa dar as costas ao mundo senón desconectarse do sistema mundo rexido polo capital. Isto é, que os procesos de desenvolvemento nacionais non se van rexer, non van definir a súa axenda, en función das exixencias externas da acumulación do mercado capitalista mundial. “Non se van rexer”, quere dicir, neste caso, que non van subordinar nin as riquezas nin os recursos nacionais ás exixencias do mercado internacional; que non se van someter aos seus requirimentos. Esa sería unha primeira clarificación. A segunda é que, a seguir, é necesario definir as medidas, as tarefas e quen as levará a cabo, para se desconectar.
Por outra banda, e máis contemporaneamente, Samir expuxo consideracións acerca das relacións xeoeconómicas e xeopolíticas internacionais, alertando de que xa non se corresponden claramente cos conceptos Norte-Sur. Sen lle restar valor analítico a esta clasificación, advertiu que a conceptualización de países centrais e países periféricos permite maior precisión para a análise das relacións económicas e políticas internacionais e a convivencia entre a diversidade de países do mundo.
Neste sentido, os países centrais son os que concentran e exercen o poder hexemónico do capital, usualmente denominados tamén desenvolvidos; definen o mercado económico e financeiro internacional, impoñen as súas características e flutuacións en función dos seus intereses. O resto do mundo sitúase dentro do conglomerado de países que, nesta lóxica, constitúen a periferia. A relación do centro cos países periféricos foi e é de subordinación, e o seu acceso ao mercado internacional emprégase como castigo ou premio en dependencia dos servizos prestados ao poder e aos seus requirimentos.
Mais a periferia non é homoxénea, advirte Samir; nela hai países marxinados e países emerxentes, evidentemente, con países que se atopan entre ambos. E aquí cómpre salientar unha precisión: Non todos os países emerxentes son ricos, nin todos os países marxinados son pobres.
“Pódese ser un país marxinado rico, cando ten moito petróleo, ou marxinado pobre cando non teñen nada. Somalia ten bananas; é un marxinado pobre. Pero á beira está Dubai, que é tamén marxinado, pero como ten petróleo é un marxinado rico. Ser marxinado e ser pobre non son sinónimos. Emerxente e rico, marxinado e pobre non son sinónimos. China é un país emerxente e ten unha renda per capita de 2 mil dólares; Arabia Saudita non é emerxente, é marxinado, pero tena de de 25 mil dólares. É importante atender a isto porque adoita haber unha imaxe de que os países marxinados son países con pobreza xeneralizada” (Amin: 2009).
Até a Segunda Guerra Mundial o contraste centro-periferia foi practicamente sinónimo do contraste entre países industrializados (centro) versus países non industrializados (periferia). Con todo, nalgúns países periféricos como Arxentina e Brasil a industrialización xa comezara.
O fracaso da estratexia da industrialización como camiño ao desenvolvemento para “alcanzar” o Norte
Os movementos de liberación nacional, tanto os que buscaban reconquistar a independencia nacional en Asia e África, como tamén os movementos que buscaban a renovación e modernización en América Latina —fosen burgueses, populares ou unha mestura de ambos—, aspiraron á industrialización para poder “alcanzar” os países desenvolvidos.
A visión desprendíase da definición que clasificaba tales países como subdesenvolvidos os cales, supostamente, vía industrialización, poderían, por unha banda, “alcanzar” os países industrializados e situarse no sistema mundial como un par respectado e respectábel que deviría co tempo, cada vez máis “igual”. Doutra banda, coa industrialización e modernización, aspiraban a construír simultaneamente unha organización social diferente, cunha mellora das condicións de vida para todos, aínda que conservando unha certa xerarquía social.
Iso aconteceu despois da Segunda Guerra Mundial. Nalgúns países mediante revolucións socialistas: como China, Vietnam e Cuba; noutros, sen revolución, a través de procesos de liberación nacional, obrigados a facer a guerra ao vello imperialismo colonialista. Aquí vemos os procesos das colonias portuguesas en África, como Alxeria. Tamén se deron en países de Asia e África, cambios sociais máis ou menos revolucionarios, máis ou menos radicais de Asia, África. Entrementres, en América latina, o populismo ou o nacional-populismo, impuxo ao imperialismo a industrialización (polo menos temporalmente). Estes procesos evidencian que “non foi o capitalismo desenvolvido quen conduciu á industrialización dos países do Sur. Foi a loita dos países do Sur pola súa independencia a que obrigou ao imperialismo a axustarse —e certamente axustouse ben—, ás reivindicacións dos procesos burgueses ou nacional populistas ou populistas dos países do Sur” (Amin: 2009).
As duras aprendizaxes dos países emerxentes que emprenderon o camiño da industrialización
Os contraataques do imperio aos países atrevidos do Sur lograron esmagar moitos procesos, mesmo anular a industrialización iniciada, nomeadamente en América Latina. Con todo, algúns países e rexións do Sur entraron realmente na industrialización no sentido pleno do termo. Isto ocorreu porque o desenvolvemento das industrias, relativamente complementarias unhas con outras, constituíron un tecido industrial local integrado e relativamente capaz de devir competitivo no mercado mundial, sobre todo no curso dos últimos 40 anos. De inicio, eses foron os países asiáticos como Corea e Taiwán, China, logo Brasil e algúns países de aquí ou de acolá, como México, Turquía, ou África do Sur. Estes son algúns dos países emerxentes hoxe visíbeis.
Que caracteriza hoxe a un país como emerxente?
“Primeiro, un crecemento económico moi forte, moi superior á media mundial. Segundo, o crecemento das exportacións modernas: os produtos industriais, non agrícolas nin primarios, que se traduce na súa capacidade de competencia no mercado mundial. Terceiro, o feito de que iso se realizou sen se apoiar totalmente na achega do capital exterior, senón que é o resultado dunha política combinada dunha política local nacional coa asociación —nalgúns casos— co capital financeiro internacional” (Amin: 2009).
No caso dos pobos dos países marxinados a ameaza é moi grande porque na estratexia actual do imperialismo, eses pobos deviñeron inútiles. E, por tanto, a mellor solución —desde o punto de vista do capitalismo—, é a súa destrución. Como con clareza sinala Samir Amin, o xenocidio está á orde do día, de maneira directa ou indirecta.
Kazán marca a era da desconexión: Un novo camiño para o desenvolvemento?
Os países emerxentes reunidos nos BRICS xa non teñen como obxectivo “alcanzar” os países do centro. A experiencia histórica demostrou que ese camiño é inviábel. Ademais, o sistema mundo cambiou e non soamente porque o imperialismo construíu os medios para integrar a industrialización destes países, transformándoa nunha industrialización subordinada e dominada, senón tamén porque a estrutura social interna non permite “alcanzar” ese obxectivo. De conxunto, todos os países da periferia están subordinados ao capital dominante a escala mundial. Salvo que opten, no caso específico dos emerxentes, por construír outros mecanismos e vías —máis aló da industrialización— para lograr o desenvolvemento de xeito independente do centro do capitalismo mundial e os seus requirimentos, é dicir, desconectándose deste. Por iso resulta clave a asociación dos países emerxentes en —polo menos— un bloque económico, un bloque que abra as comportas ao intercambio mutuo e á construción dun sistema económico e financeiro en común, ademais de que, no político e cultural, reforce os valores éticos de defensa da vida e, sobre esa base, potencie as procuras de novos rumbos civilizatorios promovendo a creatividade colectiva. E isto condénsase hoxe con claridade, na traxectoria e proposta dos BRICS, en busca do seu desenvolvemento autónomo e soberano.
O seu propósito non é enfrontar os países centrais, senón alcanzar —agora si, vía desconexión— os seus obxectivos de desenvolvemento económico e de plenitude humana, obxectivos que —como o demostrou a historia— son imposíbeis de lograr e soster someténdose á opresión que exerce o capital a nivel mundial, mediante a acción dos seus tentáculos de conquista e afianzamento do seu poder hexemónico. Entre eles pódense salientar, fundamentalmente:
- O monopolio do acceso aos recursos naturais do planeta (que non busca a propiedade senón o libre acceso ao control do petróleo, en primeiro lugar, e logo da auga, dos minerais).
- O monopolio da tecnoloxía ou das tecnoloxías modernas: a informática, etc., e a protección dese monopolio a través da OMC e a lexislación das patentes, etc.
- O monopolio do capital financeiro mundializado.
- O control da comunicación, da información, etc.
- O control dos armamentos de destrución masiva, nucleares e outros.
Como di Samir Amin, este non é un fenómeno político exterior á realidade económica porque é o último recurso de imposición da orde imperialista: “se vostede non cede xentilmente o que queremos, podemos bombardealo”.
Xermolando un horizonte cara a un mundo novo
Non buscar o enfrontamento cos países centrais nin buscar intencionalmente a derruba do dólar como moeda de intercambio internacional, son aspectos cualitativos importantes e distintivos dos países BRICS. Enfrontar a tiranía do dólar é indispensábel para estes países asediados, sancionados, privados de créditos internacionais, bloqueados e manipulados económica e financeiramente polos donos desa moeda que a utilizaron e utilizan como arma de guerra para impor as súas exixencias e expansionismo. É dicir, que os BRICS necesitan estabelecer outros mecanismos de intercambio por fóra do dólar ou sucumben; a desdolarización é unha medida defensiva necesaria para levar a cabo os seus plans de desenvolvemento en integración. Por iso tampouco están en contra dos países centrais; non os anima a hostilidade, nin a guerra, nin a competencia, senón pola contra a convivencia plural nun mundo de paz, de cara ao benestar colectivo dos seus pobos. E isto quedou evidenciado claramente, entre outros elementos, no encontro que tivo lugar en Kazán en outubro de 2024.
Alí, os discursos dos xefes de estado dos países membros revelaron, ademais, que os BRICS non están en “modo conservación”, senón enfocados no fortalecemento de posicións que van deseñando un novo horizonte cara a un mundo diferente ao actual. E non só pola proposta do multipolarismo nin por buscar, supostamente, destronar o dólar; senón porque outros factores de fondo marcan ese camiño.
Novos códigos civilizatorios
A intervención do presidente Xi Jinping resume algúns destes elementos. No seu discurso subliñou a importancia de impulsar a reforma da gobernanza mundial e fixo un chamamento a promover a solidariedade e a cooperación entre os países BRICS. (CGTN: 2024)
«Debemos construír un BRICS comprometido coa paz, e todos debemos actuar como gardiáns da seguridade común».
«Debemos construír un BRICS comprometido coa innovación, e todos debemos actuar como pioneiros dun desenvolvemento de alta calidade. Debemos seguir o ritmo da nova rolda de revolución tecnolóxica e cambio industrial e fomentar novas forzas produtivas de calidade».
«Debemos construír un BRICS comprometido co desenvolvemento verde, e todos debemos actuar como promotores do desenvolvemento sostíbel».
«Debemos construír un BRICS comprometido coa xustiza, e todos debemos actuar como precursores da reforma do sistema da gobernanza mundial».
«Debemos construír un BRICS comprometido cuns intercambios interpersoais máis estreitos, e todos debemos actuar como defensores da coexistencia harmoniosa entre todas as civilizacións».
Estas palabras abondan para abrir as comportas mentais e entrever con claridade que o que alí sucedeu responde a novos códigos civilizatorios. No canto de odios, guerras, egoísmos, chantaxe, competencia, opresión, castigos, sancións, exclusións e morte, sobresaen os chamados á paz, ao desenvolvemento sostible para o benestar colectivo, apoiado na solidariedade e cooperación e o compromiso coa coexistencia harmoniosa entre todas as civilizacións co fin de construír entre todos o que será un novo sistema de xustiza para outra gobernanza mundial. Un mundo novo que está a sentar os alicerces básicos para a súa existencia e, á vez, neles xa existe.
A inspiración da ALBA
Os conceptos chave esbozados claramente na XVI Cimeira dos BRICS en Kazán recuperan e proxectan ao mundo as formulacións da ALBA-TCP, unha alianza dos pobos indo-afro-latinoamericanos xurdida por iniciativa de Venezuela e Cuba. Esta alianza propón, no canto de competencia solidariedade e complementariedade, recoñecendo as diferentes condicións e posibilidades entre os países do continente, crea oportunidades para a integración de todos acorde coas capacidades e posibilidades de cada un. Neste sentido, situar as claves do seu desenvolvemento fóra das exixencias e o sometemento do mercado mundial, saír da imposición do dólar para as transaccións internacionais, permitindo operacións bilaterais na moeda local dos países, son apenas os primeiros pasos dun camiñar —sostido—, en tránsito cara ao benestar e o desenvolvemento en común.
A creación do Banco dos BRICS —como outrora se propuxo o Banco do Sur— resulta hoxe un importante paso neste sentido. Falta avanzar no terreo financeiro, pero o logrado até o de agora evidencia que a proposta BRICS madurou nos poucos anos da súa existencia. O crecemento é xigantesco, os seus membros nutríronse das sabedorías dos pobos e van por máis. O encontro en Kazán 2024 reafirma que os BRICS representan a grande oportunidade para o desenvolvemento e o benestar dos pobos, afianzando para iso, simultaneamente, o seu camiñar cara a un novo mundo. De aí a longa listaxe de países que solicitan entrar no bloque, pois comprenden claramente que a estratexia asumida por estes representa hoxe o único modo de saír das gadoupas do poder que multiplica saqueos, empobrecemento xeneralizado, exclusión, guerras e morte.
Non se trata dun fenómeno revolucionario, certamente, pero en tanto os seus eixos e accións abren portas á esperanza e posibilitan que se albisque un novo horizonte civilizatorio para a humanidade, os BRICS constitúen —como sinalou Samir Amin— un importante e ineludíbel avance revolucionario.
A negativa de Brasil
É nesta perspectiva en que retumba como lastre a negativa de Brasil a permitir o ingreso de Venezuela como país asociado aos BRICS. En tanto os BRICS funcionan por consenso absoluto, ningún argumento esgrimido xustifica tal decisión; pode explicala, si, pero en política e na xeopolítica mundial, as explicacións sobran; contan os feitos. E estes evidencian que, a pesar de idas e vidas, deixando caer previamente o chanceler aos anfitrións que Brasil non sostería a impugnación de Bolsonaro á entrada de Venezuela no grupo dos novos países asociados, alentouse aos anfitrións a facer efectiva o convite ao presidente Maduro para asistir ao encontro de Kazán. Cando finalmente, sobre a hora, se volveron atrás, asestaron un golpe insospeitado ao bloque e ao conxunto de países aspirantes a integralo, reunidos en Kazán.
Esta actitude insólita, contraria aos principios dos BRICS e estraña do punto de vista diplomático, avergonzou aos anfitrións, en primeiro lugar, a Putin e a Xi Jinping, que realizaran previamente —como corresponde—, as consultas aos países membros, acerca de cada un dos novos países postulantes a membros asociados aos BRICS. Pero non só se tratou da censura a Venezuela. En tanto as formas son parte dos feitos, estes indican que o presidente de Brasil optou por non asistir á Cimeira dos BRICS en Kazán, evidentemente, para evitar relacionarse con Putin, criminalizado polo mundo occidental ao que Lula pretende pertencer, sen comprender que iso non se desprende dunha cuestión xeográfica senón do sistema-mundo. E os señores de occidente, se dobregan unha vez, dobregarán sempre, ameaza tras ameaza. Por iso, para Lula resultou máis potábel inventar unha xustificación e non ir a Kazán. Dese xeito, non quedaría estampado nunha foto cos “apestados”. Tal é a mensaxe clara que resulta da actitude de Brasil: Estamos si, pero até certo punto.
Contrariamente ás bases constitutivas dos BRICS: multipolaridade, tolerancia, convivencia en paz e harmonía sen exclusións de ningún tipo —nin sequera cara ao Norte que os despreza e agride—, Brasil —cuxa primeira letra define o anagrama BRICS— asume unha actitude intolerante e excluínte. Isto é un feito, non impresións nin opinións suxeitas a interpretacións diversas.
Pero o bloqueo a Venezuela non é contra o seu presidente, como se pretende facer crer. Ademais de que —obviamente— resulta un acto hostil cara a Venezuela, é en realidade o bloqueo á presenza dos BRICS en indo-afro-latinoamérica, en aberta consonancia coa Doutrina Monroe 2.0 vixente no continente na actualidade. A aceptación de Bolivia vén ser a excepción que confirma a regra. E o apoio de Brasil a Cuba, país bloqueado hai máis de seis décadas, é a continuación da súa política sostida nas votacións da Asemblea Xeral da ONU que exixen que se levante o bloqueo; é dicir, co voto de aceptación do ingreso de Cuba nos BRICS, Brasil non paga custos.
Doutra banda, a posición de Brasil sostida en canto á admisión de novos membros asociados aos BRICS, no XVI encontro sostido en Kazán 2024, é un veto á soberanía do continente e, con iso, á soberanía de todo o Terceiro Mundo. É un veto ao atrevemento de tentar construír outro mundo, fóra das gadoupas de succión do poder xeoeconómico financeiro e militarista mundial. Isto deixa claro, unha vez máis, que, sen a participación dos pobos na toma de decisións, os gobernos e os gobernantes —calquera sexan estes— non son de fiar. Illados e aprisionados na gaiola do poder, estes apelan a calquera argumento para se xustificar, o mesmo se son de esquerdas ou de dereitas, cuestión que evidencia unha vez máis que a perda de rumbo está xeneralizada.
Pero, mentres non é posíbel tapar o sol cun dedo, a actitude de Brasil foi transparente para todos os presentes en Kazán e para o mundo. Malia a falta de ética cometida contra os anfitrións, con quen comparte a pertenza histórica, estes —fieis aos principios dos BRICS—, non o sancionarán, nin o excluirán. Aparentemente todo quedou aí, pero todos tomaron nota. E se Brasil pretendeu impugnar a entrada de Venezuela esgrimindo o argumento de que o seu presidente non é de fiar, resulta agora que, para todos, quen resultou non ser moi de fiar é Brasil.
Isto lévame novamente ás conversa con Samir Amin, cando alertaba claramente acerca da disxuntiva actual dos pobos. Por unha banda, o camiño das dereitas, aceptando o novo rol de comprador das clases dominantes locais, dentro dunha industria subalterna dominada polo mercado mundial e a represión das clases populares. Pola outra, evolucionar cara á esquerda con diversos graos de alianzas nacional e populares nos ámbitos rexional e internacional, enfrontando conflitos co imperialismo. Pero non se poderá quedar entre as dúas.
A radicalización pasa pola consolidación
Está claro que os avances revolucionarios dos últimos anos poden ser engulidos polo poder imperialista, ou ben estes “avances” poden consolidarse nun escenario de integración con máis forzas e países. De aí a transcendencia das decisións que tomaron os BRICS, na XVI Cimeira en Kazán. Alí trazaron un camiño claro de radicalización, é dicir, de profundamento e ampliación das súas accións non para conservar senón, nun primeiro momento, para consolidar os logros. Se non fose así, todo se reduciría a unha radicalización retórica, verbal e sen resultados. E é necesario que cada etapa de radicalización sexa positivamente produtiva para as clases populares (Amin: 2009).
No referente á procura dunha nova gobernanza mundial, o desafío pasa por facer retroceder o control militar do planeta por parte das forzas militaristas do poder do capital, con capacidade e vontade de intervención militar e destrución.
Que os pobos pasen á ofensiva cunha alternativa política
Os pobos e os seus movementos sociais resisten historicamente cunha diversidade de formas e modalidades cando se trata de enfrontar unha invasión, un golpe de estado, unha usurpación… Foron principalmente movementos de resistencia. A ofensiva veu e vén do capital e os pobos resisten.
É necesario pasar da defensiva á ofensiva cunha alternativa positiva. Esta alternativa latexa hoxe nos BRICS e constitúe un desafío xigantesco á hexemonía do poder do capital, á vez que demanda un cambio de posicionamento estratéxico por parte dos pobos do planeta e os seus movementos. Para os BRICS, pasar á ofensiva non son palabras senón feitos consolidados que viñeron xermolando e configurando un horizonte de procura, creación e construción colectiva dun mundo para que emerxa unha civilización rehumanizada.
_____________________________________________________________________________
Bibliografía:
- Amin, Samir (2009) “El imperialismo colectivo: Desafíos para el Tercer Mundo”, entrevistado por Isabel Rauber. En: www.isabelrauber.blogspot.com
- CGTN (2024) “Citas clave del discurso del presidente Xi Jinping en la 16ª Cumbre de los BRICS en Kazán, Rusia”. En: https://espanol.cgtn.com/news/2024-10-24/1849417275798814722/index.html
- Rauber Isabel (2020) “La desconexión como ruptura civilizatoria con el capital en el siglo XXI”. En: www.isabelrauber.blogspot.com
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Cronicón, do 11 de novembro de 2024]