Os BRICS e o ocaso de Occidente

Jorge Elbaum - 18 Out 2024

Mentres Washington e Bruxelas insisten en promover bloqueos, sancións unilaterais, programas directos de inxerencia política, económica e/ou financeira, guerras híbridas e operacións de confusión cognitiva, os BRICS+ propugnan unha Nova Orde Global baseada no respecto das soberanías e unha consecuente regulación das grandes corporacións

 Entre o 22 e o 24 de outubro levarase a cabo na Federación Rusa a cimeira de países que integran os BRICS+. A cita será na cidade de Kazán, a capital da República de Tartaristán, situada á beira do río Volga. Até o ano pasado, os BRICS estaban conformados por Brasil, Rusia, A India, China e Sudáfrica. O primeiro de xaneiro de 2024 sumáronse catro países: Exipto, Etiopía, Emiratos Árabes Unidos e Arabia Saudita. Arxentina –que fora designada para se incorporar– rexeitou a devandita afiliación en nome dun aliñamento xeopolítico ultradereitista co G7 e a OTAN.

 Os dez integrantes dos BRICS+ representan, na actualidade, o 46 por cento do total da poboación mundial, o 37,6 do total do Produto Bruto global e máis de dúas terceiras partes da produción de hidrocarburos. Hai tres décadas, o G7 (integrado por Europa Occidental, Xapón, os Estados Unidos e Canadá) contaba co 50 por cento da participación no Produto Bruto, e os BRICS apenas alcanzaban o 16 por cento. Para cando se leve a cabo a cimeira de Kazán, os BRICS alcanzarán 32 puntos porcentuais, e o G7 andará polo 29 por cento, distancia que irá a máis nas próximas décadas.

 Até agosto deste ano, 32 países solicitaron sumarse aos BRICS+. Entre as solicitudes figuran os casos paradigmáticos de Cuba e Turquía. No primeiro caso, porque a illa caribeña soporta desde hai seis décadas un bloqueo criminal por parte dos EUA. A súa entrada nos BRICS+ xeraría oportunidades de crebar o devandito bloqueo a través da cooperación proposta polo Novo Banco de Desenvolvemento (NBD), que ofrece financiamento sen inxerencias xeopolíticas. Esa plataforma permitirá a moitos países eludir as sancións ilegais dispostas polo Departamento de Estado, dando paso a unha arquitectura financeira. Pola súa banda, a petición realizada por Ankara –no caso de ser aceptada– supoñería un duro golpe para a OTAN, que vería debilitada a súa configuración.

 Mentres Washington e Bruxelas insisten en promover bloqueos, sancións unilaterais, programas directos de inxerencia política, económica e/ou financeira, guerras híbridas e operacións de confusión cognitiva, os BRICS+ propugnan unha Nova Orde Global baseada no respecto das soberanías e unha consecuente regulación das grandes corporacións. Estas últimas buscan impor confusión mediática, manipulación algorítmica, destrución do sentido comunitario, devastación do medio ambiente e desaparición das identidades nacionais.

 Como contrapartida, os BRICS+ promoven un modelo alternativo de gobernanza global que busca desconectar o Sur Global das extorsións atlantistas e, ao mesmo tempo, superar a actual parálise das Nacións Unidas, impotente fronte á militarización da OTAN, a guerra tecnolóxica contra China e a crise do Próximo Oriente. Nese marco, un dos focos do debate de Kazán será a continuidade da política de desdolarización. Hai catro décadas, o billete verde utilizábase en oito de cada dez transaccións do comercio internacional. Hoxe ese algarismo reduciuse ao 45 por cento.

 Para profundar aínda máis ese proceso de desconexión monetaria, analizarase a creación do BRICS Bridge, unha plataforma de pagamento supranacional que competiría co Swift occidental, que monopoliza o intercambio de once mil entidades financeiras. O Bridge permitiría realizar pagamentos en moedas nacionais dos países membros, á vez que o Novo Banco de Desenvolvemento (NDB) actuaría como clearing de conversión e compensación. Dese xeito, potenciaríase o comercio entre os socios ao facilitar as transaccións dos gobernos, as empresas e as persoas.

 Tamén se debaterá outra das iniciativas máis temidas por Washington. A creación dunha moeda dixital única dos BRICS, denominada R5, en referencia á primeira letra das súas respectivas divisas: real, rublo, rupia, renminbi e rand. A proposta rusa inclúe a posibilidade de que sexa utilizada tanto para transaccións internacionais como para o aforro.

 Nunha investigación realizada por Zongyuan Liu e Mihaela Papa –integrantes do establishment académico estadounidense– preguntáronse en 2022 se os BRICS tiñan capacidade de profundar a desdolarización. A resposta foi contundente: o Sur Global profundará a deterioración do modelo forxado en Bretton Woods.

 A decisión do goberno de Javier Milei de paralizar a entrada de Arxentina -a comezos de 2024, por exixencia de Washington- motivou un debate respecto das responsabilidades e compromisos dos membros. O chanceler de Brasil, Mauro Luiz Vieira, confirmou que un dos temas que se abordarán en Tartaristán serán as regras que van regular as incorporacións futuras. O Club que desafía a Occidente seguirá medrando, mentres Occidente buscará frear con guerras cognitivas, híbridas e proxy o que parece ser o seu devalar.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página12, do 13 de outubro de 2024]