Os bombeiros de Vigo desconvocan a folga para intentar unha solución dialogada á falta de persoal
Os bombeiros de Vigo anunciaron hoxe a desconvocatoria da folga indefinida que mantiñan dende agosto de 2019 como mostra de “boa vontade” para intentar chegar a unha solución dialogada que remate cunha falta de persoal “que pon en perigo a seguridade da cidadanía”. Ao mesmo tempo, instan o Concello a cumprir a sentenza que obriga a garantir os descansos dos traballadores e a compensar polas “gardas escravistas” ás que foron obrigados mediante un decreto municipal que foi anulado polos tribunais.
O anuncio foi feito en rolda de prensa por Miguel Uclés, voceiro do comité de folga e representante da CIG no servizo de bombeiros. Uclés, que compareceu xunto a membros da CUT e de CCOO -centrais que integran tamén o comité de folga- explicou que a decisión adoptouse co obxectivo de desbloquear unha situación que leva anos enquistada e unha vez que “a nosa loita para garantir os dereitos do persoal e o dereito de folga fose reforzada pola xustiza”.
Uclés reiterou a necesidade de chegar a un acordo dialogado mediante a negociación, “á que sempre estivemos abertos”, ao entender que é a mellor forma para dar solución a esta grave situación. Neste senso, alertou de que a falta de bombeiros pon en risco a cidadanía de Vigo e incidiu na “inminente obriga dos responsábeis técnicos e políticos do Concello a cumprir as sentenzas firmes a favor dos dereitos dos traballadores/as que anulan as xornadas escravistas e outras medidas que se tomaron de forma ilegal”.
A metade dos efectivos diarios
Ao mesmo tempo, sinalou que “é recoñecido por todos a falta de bombeiros na cidade, alcalde incluído”. De feito, Vigo debera de contar con 27 efectivos de garda ao día, “cando a realidade é que de media atopámonos unicamente coa metade”. A pesar de que as oposicións para a cobertura de prazas están iniciadas, “cada día que pasa sen bombeiros é unha realidade que temos que resolver inmediatamente”.
Finalmente, reiterou que o Concello está obrigado a cumprir a sentenza de xeito inmediato, o que significa que ten garantir os descansos do persoal e compensar con descansos as “gardas escravistas” ás que foi obrigado mediante decreto. “Ante a falta tan dramática de persoal terán que explicarlle ao xuíz como pensan facelo; agardamos que nos próximos días chegue a resolución xudicial nese sentido”, rematou.