Os bombeiros/as forestais da Xunta seguen en Lugo as mobilizacións contra a precariedade laboral
O persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) continuou este mércores en Lugo coas mobilizacións en demanda da ampliación do tempo de traballo até os doce meses, que se cubran todas as prazas vacantes, polo mantemento e renovación das adscricións e pola estabilidade laboral. Esta xeira de protestas están convocadas polos comités provinciais de Medio de Rural e seguirán este xoves, día 23, cunha concentración diante da Consellaría, en Santiago de Compostela, ás 11:00 horas.
Os comités denuncian a enorme precariedade laboral e inseguridade xurídica que padece o persoal bombeiro forestal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF), que seguen a ser contratados/as só durante seis meses ao ano.
Unha situación na que se atopan arredor de 1000 traballadores/as e que, advirten, "atenta directamente contra a profesionalización do dispositivo, impide acadar os obxectivos de prevención de incendios forestais e reduce a operatividade dun servizo público de emerxencias esencial para a defensa dos intereses dos todos os galegos/as”.
Dende a CIG-Administración Autonómica de Lugo denuncian tamén a situación dos máis de 600 traballadores e traballadoras fixas discontinuas que teñen contratos por nove meses e que tras máis de 12 anos de servizo seguen a esperar a ampliación do tempo de traballo.
Con estas mobilizacións tamén se chama a atención sobre a diminución da capacidade de resposta do dispositivo, xa que existen numerosas prazas vacantes sen cubrir e a Consellaría tampouco está cubrindo as incapacidades temporais, os permisos ou as licencias.
Outra das reivindicacións refírese á grave inseguridade xurídica que está a padecer o persoal do SPIF a causa da "neglixente actuación da Consellería do Medio Rural e da Dirección Xeral da Función Pública" na xestión das adscricións temporais.