Os bombeiros/as forestais da Xunta bótanse á rúa diante da “gravísima” precariedade laboral que padecen
Os comités de empresa da Consellería do Medio Rural denuncian a “gravísima” precariedade laboral e inseguridade xurídica que padecen os traballadores/as do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF), que seguen a ser contratados/as só durante seis meses ao ano. Centos de bombeiros/as forestais botáronse hoxe á rúa en Ourense para reclamar a ampliación do tempo de traballo das prazas fixas descontinuas e a cobertura dos postos vacantes, protestas que continuarán os vindeiros días nas outras provincias.
Dende a representación sindical sinalan que o feito de que os arredor de 1000 empregados/as públicos/as da Xunta pertencentes ao SPIF sexan contratados/as unicamente durante seis meses ao ano “atenta directamente contra a profesionalización do dispositivo, impide acadar os obxectivos de prevención de incendios forestais e reduce a operatividade dun servizo público de emerxencias esencial para a defensa dos intereses dos todos os galegos/as”.
Ao mesmo tempo, critican que o Goberno galego esqueza a máis de 600 traballadores/as fixos/as descontinuos/as de nove meses, que tras máis de 12 anos seguen agardando pola ampliación do tempo de traballo dos seus contratos. De feito, advirten que nestes intres, en pleno período de alto risco de incendios, son numerosas as prazas vacantes sen cubrir, “o que engadido á non cobertura de incapacidades temporais, permisos ou licenzas segue a provocar unha diminución da capacidade de resposta do dispositivo”.
Calendario de protestas
Diante disto, iniciaron unha serie de mobilizacións para reclamar a ampliación do tempo de traballo de todas as prazas fixas descontinuas de seis e nove meses, até acadar os 12 meses de contrato; a cobertura de todos os postos de traballo vacantes; e o mantemento e a renovación das adscricións temporais.
A primeira destas protestas tivo lugar hoxe diante da xefatura territorial de Medio Rural en Ourense, onde uns 300 traballadores/as se concentraron a partir das 11:00 horas ao berro de “Queremos negociar as nosas condicións laborais”, “Prazas libres nunca máis” e “A Xunta de Galiza non negocia e privatiza”.
Está previsto que as mobilizacións continúen este mércores 22 en Lugo diante do Edificio Administrativo ás 11:00 horas, mentres que o persoal de Pontevedra e da Coruña desenvolverá unha protesta conxunta o xoves 23 diante da Consellaría do Medio Rural en Santiago ás 11:00 horas.