Os bombeiros/as de Vigo iniciarán unha campaña para denunciar a falta de efectivos e a precariedade
Os bombeiros/as de Vigo iniciarán unha campaña informativa entre a veciñanza para denunciar a falta de efectivos e a precariedade na que teñen que desenvolver o seu labor. Lembran que para contar cun servizo con garantías de seguridade e profesionalidade habería que ampliar o cadro de persoal de 120 a 150 traballadores/as, sobre todo tendo en conta que na actualidade unicamente están operativos/as arredor dun cento a causa das baixas e das comisións de servizo.
Delegados/as sindicais da CIG e da CUT no corpo municipal de bombeiros/as compareceron hoxe en rolda de prensa no parque central de Teis -onde tamén desenvolveron unha concentración- para anunciar a posta en marcha dunha iniciativa orientada a trasladarlle ao conxunto da sociedade a situación real dun servizo no que a falta de persoal “provoca que non se cubran os efectivos mínimos, haxa persoal de baixa, problemas de estrés e ansiedade e imposición de horas extraordinarias por decreto”.
Miguel Uclés, representante da CIG, explicou que informarán a veciñanza desta situación porque “os vigueses/as teñen que pedirlle aos candidatos/as que se presentan ás eleccións municipais o parque de bombeiros/as que queren”. Ao mesmo tempo, avanzou que a campaña incluirá tamén accións sorpresas para facer público o que está a acontecer no servizo.
En canto á imposición de horas extra, os delegados sindicais indicaron que a falta de persoal está a provocar que se contabilicen até 37.500 ao ano (con xornadas que suman 60 horas semanais), que son abonadas a un “prezo irrisorio” e que lle custan ás arcas públicas máis de medio millón de euros. “Mentres se nos explota laboralmente, o Concello mira cara a outro lado porque lle sae máis barato pagar horas extra que apostar por novas contratacións”.
Instan o Concello a negociar
A isto hai que sumar os problemas derivados de ter un cadro de persoal envellecido, falta dunha cadea estrutural de mando ou que nos próximos anos se van xubilar 20 efectivos máis sen que haxa constancia de que se reporán esas prazas.
De feito, segundo criticaron, os 12 novos bombeiros/as que deberan incorporarse tras a última oposición aínda están en período de formación e non entraron no servizo.
“Tampouco hai garantías de que vaian entrar porque as bases da OPE están denunciadas e igual hai que repetir a convocatoria". Ademais, a negociación para convocar a oposición de 2019 está bloqueada.
Diante disto, instaron o Goberno local a que se sente a negociar e garanta que se cubran as prazas do servizo o antes posíbel, “porque a seguridade dos vigueses/as non pode agardar”. Tamén demandaron a reformulación da súa categoría laboral para pasar a ser grupo C1, tras a asunción de novas competencias e actividades.