Os bombeiros/as de Vigo inician a folga indefinida cunha denuncia ao Concello na Inspección de Traballo
Os bombeiros/as de Vigo iniciaron hoxe a folga indefinida para reclamar máis persoal -a primeira convocada na historia do servizo- coa presentación dunha denuncia contra o Concello diante da Inspección de Traballo, onde desenvolveron unha concentración. O propio Goberno local evidencia a carencia de efectivos ao fixar uns servizos mínimos de 100 efectivos, cando na actualidade hai unicamente 92 (un 30% do cadro de persoal está de baixa por problemas derivados da sobrecarga de traballo).
Segundo explican dende as centrais sindicais convocantes -CIG e CUT-, coa presentación da denuncia e coa protesta diante da autoridade laboral pretenden poñer de manifesto a “precariedade e explotación” que padecen pola falta de persoal e como consecuencia da aplicación dun decreto municipal “que pon en risco a saúde e seguridade dos bombeiros/as” ao vulnerar a directiva europea de tempos de descanso e de traballadores/as sometidos/as a riscos e tensión especiais.
Ademais, incumpre a normativa de prevención de riscos laborais, de conciliación laboral e familiar e da Seguridade Social. “Pero máis grave aínda é a situación dos bombeiros/as en prácticas, que realizan funcións de bombeiros/as sen ter asinado como funcionarios/as de carreira”.
Neste senso, coa denuncia axuntaron copia de resolución da Inspección de Murcia na que ordenou paralizar as saídas do persoal en prácticas -que se atopaba nunha situación similar ao de Vigo- ante o risco para a súa saúde e a dos seus compañeiros/as.
Unha cidade perigosa
Ao mesmo tempo que presentaron a denuncia contra o Concello de Vigo pola aplicación do decreto que os obriga a realizar excesos de xornadas, tamén achegaron denuncias individuais de bombeiros/as que se atopan de baixa nas que se sinala que son consecuencia da carga de traballo que padecen.
Até punto de que recentemente se superou o “récord” de horas semanais realizadas por unha persoa no servizo: 120, xa que en sete gardas de 24 horas unicamente descansou dous días. “Están a xogar coas nosas vidas e coas da cidadanía e non o podemos permitir, por iso dicimos que Vigo sen bombeiros/as non é segura: é unha cidade fermosa pero moi perigosa”, rematan.