Os axentes forestais e ambientais mobilizaranse en San Caetano o luns coincidindo cunha nova reunión coa Xunta
O comité de folga dos axentes forestais e ambientais (CIG e UGT) convoca unha mobilización ás portas de San Caetano este luns día 6 coincidindo coa celebración dunha nova xuntanza entre a representación do persoal e a Dirección Xeral de Función Pública.
O inicio da concentración coa que queren trasladar o apoio do persoal ás reivindicacións e rexeitar a actitude da Xunta “de impoñer e non negociar” está prevista para as 10:30 horas, cando dará comezo a xuntanza coa Administración para abordar a proposta de acordo para regular as condicións de traballo entregada onte e que dende o comité de folga xa adiantaron que consideran insuficiente.
En concreto, rexeitan que o documento non recolla a reivindicación do complemento específico que retribúe as especiais condicións do posto, en base á penosidade, turnicidade, nocturnidade, toxicidade e especial responsabilidade; non defina axeitadamente as licenzas, permisos e vacacións, flexibilización e segunda actividade; e non elimine a diferenciación salarial e funcional entre axentes da mesma escala que se pode derivar da discrecionalidade das xefaturas.
Precisamente para avaliar o contido da proposta e o resultado da xuntanza con Función Pública ese mesmo luns celebrarán unha asemblea de traballadores/as no interior das dependencias da Xunta en San Caetano. Posteriormente, por volta das 13:00 horas, comparecerán diante dos medios de comunicación para informar das decisións adoptadas na asemblea.
Continúa a folga dos forestais
Os axentes forestais continúan coa folga indefinida que comezaron onte, e que está a ter un seguimento do 100%, metres os ambientais manteñen adiado o inicio da folga até o luns, cando analizarán en asemblea o resultado da xuntanza que a representación do persoal manterá coa Administración.
Tamén agardan a coñecer a resolución xudicial da denuncia presentada contra os servizos mínimos (do 20%) xa que non garanten a seguridade dos traballadores/as.