Os axentes ambientais da Xunta barallan convocar protestas ante o incumprimento dos acordos laborais

Reclaman unha mellora das condicións de traballo e un aumento do número de prazas
Nacional - 27 Xun 2025

Os axentes ambientais da Xunta de Galiza abordaron onte en asemblea convocar mobilizacións ante o incumprimento dos acordos laborais por parte da Administración pública. Entre outras cousas, reclaman melloras nas condicións de traballo e un aumento do número de prazas.

No encontro que tivo lugar onte nas instalacións de San Caetano, en Santiago de Compostela, participaron máis de 200 axentes, que lamentaron” a falta de palabra e de diálogo” do actual Goberno galego. As organizacións sindicais convocantes, entre elas o sector de Autonómica da CIG-Administración, reclamaron o cumprimento de varios compromisos co persoal que aínda están pendentes. 

Celebraron unha asemblea en Santiago na que participaron máis de 200 persoas

Entre eles, a redacción do regulamento de funcións da nova escala de Axentes Técnicos en Xestión Ambiental, “tal e como se comprometeu a Xunta tras a sinatura de diversos acordos, un en 2016 e outro en 2019”. De igual xeito, encadrar as persoas traballadoras no grupo que lle corresponde, Grupo B. “Prometeran que no momento en que se chegara o 40% de axentes que tiveran a titulación de acceso se convocaría un proceso para pasar ao grupo B; pois ben, esta porcentaxe foi superada amplamente hai anos”.

Tamén demandan que se revise o acordo de condicións de traballo, “pois a día de hoxe seguen incumprindo varios puntos, e nunca se volveu pór en marcha a comisión de seguimento”. Así como un aumento de prazas, xa que os axentes teñen moitas máis competencias e cargas de traballo, “pero temos o mesmo persoal que hai 40 anos, cando se lle transferiron as competencias á Xunta”.

Falta de previsión

Ao mesmo tempo, durante a asemblea criticouse con dureza a actitude da Consellaría de Medio Rural pola súa falta de previsión, “xa que se están a realizar chamamentos para cubrir prazas en plena época de alto risco”. Ademais, censuraron que un día antes do encontro a Consellaría convocase os sindicatos “para crear en RPT a Unidade de Directores de Extinción (UDEX), cunha proposta ridícula que tan só conta con seis especialistas en dirección de extinción”.

Neste senso, reclaman que se dote esta unidade cun mínimo de 40 efectivos, con 10 prazas de nova creación por provincia, para poder cubrir todas as quendas de traballo necesarias e garantir deste xeito que o descanso das persoas non deixe eivas na efectividade e eficacia do seu traballo. “E tendo en conta que había un compromiso de crear 57 postos novos de axentes, tampouco imos permitir que esta unidade se cree detraendo persoal do dispositivo como cando se creou a UIFO”, rematan.

Outra das críticas á Xunta ten que ver co feito de que tras as vagas de lumes de 2017 e 2022 non realizara ningún tipo de medida organizativa para poder facer fronte ás novas xeracións de incendios que están a sufrir os montes galegos nos últimos anos e que se comportan con maior velocidade de propagación e maior virulencia o que os fai moito máis perigosos para as persoas e bens materiais.

Por todo isto, non descartan iniciar medidas de presión e agardan non ter que chegar a unha convocatoria de folga como sucedeu en anos anteriores. “Por agora remitiremos escritos solicitando xuntanzas coa nova conselleira do Medio Rural, así como coa de Medio Ambiente e co de Facenda”, rematan.