Os atrasos na conserva cobraranse como máximo en maio e a comisión para rematar coa fenda salarial constituirase en abril
As traballadoras/es das conservas de peixe recibirán os atrasos salariais xerados pola actualización de soldos como máximo na nómina do mes maio, ao tempo que a comisión técnica encargada de rematar coa fenda salarial constituirase en abril. Así o anunciou hoxe a responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, despois de que as partes social e empresarial ratificasen onte en Madrid o novo convenio colectivo do sector.
Abuín detallou que foron quen de introducir na acta final que os atrasos pagaranse como máis tardar na nómina do mes de maio, xa que as traballadoras/es estiveron sen incremento salarial o último ano mentres se negociaba o convenio. “Con todo o que está a caer entendemos que se teñen que pagar canto antes, e non hai que esquecer de que estamos a falar de arredor de 1000 euros por empregada/o”.
Xa é hora de termos un convenio de ámbito galego no sector das conservas
Outra das demandas que recolle o documento definitivo é a constitución inmediata da comisión técnica encargada de eliminar coa fenda salarial no sector, que comezará a traballar o vindeiro 1 de abril na sede de Anfaco en Vigo a partir das 11:00 horas. “Aínda que o propio convenio establece que a fenda salarial deberá rematarse ao longo dos catro anos de vixencia para nós é moi importante comezar canto antes”.
O feito de que a comisión se constitúa en Galiza foi unha demanda da CIG, tendo en conta que o 80% da man de obra e da produción do sector localízanse no noso país. “Pola nosa parte temos moi claro que a comisión debera comezar o seu traballo pola equiparación salarial dos grupos 5 e 6”, adiantou.
Neste senso, Abuín lembrou que a central sindical vén reivindicando historicamente un convenio galego para o sector, “xa que non ten sentido que se negocie en Madrid”, polo que a CIG colocará esta reclamación nas vindeiras loitas “porque xa é hora de termos un convenio de ámbito galego”.
Incremento salarial
En canto á suba de soldos, a responsábel da FGAMT-CIG do Salnés detallou que é dun 11,7% acumulado nos catro anos de vixencia para as mulleres e dun 10,5% para os homes, con cláusula de revisión salarial do IPC real a final de ano, consolidábel en táboas e con cobro de atrasos. “É moi importante salientar que se trata do convenio que recuperou a cláusula de revisión salarial do IPC real, o que garante o mantemento do poder adquisitivo nun período co IPC disparado”.
Finalmente, queixo felicitar o conxunto das traballadoras/es que loitaron por un convenio do que a CIG “vai facer bandeira” e que obtivo o apoio maioritario das asembleas. “Estamos satisfeitas/os do traballo feito durante as negociacións e do respaldo dos cadros de persoal, porque por moito que se queira dicir o contrario os números están aí”.