O persoal do aeroporto de Santiago mobilizarase para esixir que se manteña o servizo da cantina
Os traballadores e traballadoras do aeroporto Rosalía de Castro vanse concentrar este mércores 17 de abril, ás 11:30 horas, diante dos mostradores de facturación para esixir o mantemento da cantina do persoal que a dirección pretende eliminar dos novos pregos dos servizos de restauración. Esta decisión suporá que os empregados e empregadas do aeroporto (persoal de AENA, compañías, limpeza, seguridade privada, servizos auxiliares, etc.) teñan que pagar os mesmos prezos que calquera pasaxeiro ou pasaxeira por tomar un café, comer ou beber unha auga.
A concentración (convocada polo comité de empresa de AENA) foi acordada na asemblea de traballadoras/es celebrada a pasada semana, logo de que o director das instalacións aeroportuarias de Lavacolla informara á representación social de que nos pregos para o servizo de restauración que se publicarán proximamente non se incluirá o servizo de cantina que até agora estaba a disposición do persoal e que lles permitía consumir a prezos reducidos.
Neste senso, Pablo de Prado, delegado da CIG no comité de AENA, explica que os traballadores e as traballadoras (que suman un colectivo de arredor de 1.000 persoas) non poden saír consumir fóra do aeroporto xa que se consideraría un abandono do servizo. "Polo que coa supresión da cantina verémonos obrigados/as a ter que consumir nas cafeterías do aeroporto ao prezo que paga calquera usuario/a. Pero nós non estamos alí de paso, estamos no aeroporto traballando".
Consumir a prezo de pasaxeiro/a
Engade que o persoal xa ten que pagar arredor de 25 euros ao mes polo aparcamento, polo que suprimir o servizo de cantina suporía un enorme esforzo económico " en salarios que na maioría dos casos están por debaixo dos 1.000 euros". "A única alternativa trasladada polo director foi ofrecernos o espazo que ocupa a cantina para que comamos alí a comida que traiamos da casa e colocar unhas máquinas de autovenda, pero a cambio de que nos encarguemos nós da limpeza desta zona", explica De Prado.
Para tentar evitar o conflito, o director aseguroulle ao comité que o persoal podería seguir consumindo a prezos reducidos nunha das cafeterías do aeroporto, aínda que cunha suba do 40% sobre os prezos actuais e unicamente para o persoal de AENA, "polo que o resto dos traballadores e traballadoras terían que consumir a prezo de pasaxeiro/a". Uns prezos que, denuncia, son completamente abusivos.
A dirección do aeroporto de Lavacolla xustifica a súa decisión asegurando que manter a cantina é inviábel e que se trata dunha orde de Madrid, algo que dende o comité poñen en cuestión. "A cantina do persoal non supón ningún custe adicional e a dirección de Santiago ten capacidade de decisión para mantela. Por iso, imos mobilizarnos para esixir que se inclúa o servizo nos pregos e non se nos roube este dereito", asevera o delegado sindical.
Concentración e recollida de sinaturas
Así as cousas, a deste mércores é a primeira concentración pero non se descarta continuar coas mobilizacións nas próximas semanas. Ademais, o comité vai iniciar unha recollida de sinaturas entre persoal e usuarios/as para entregarlle a AENA reivindicando a continuidade do servizo da cantina.