Os/as traballadores/as de Vapores Suardíaz acordan ir á folga indefinida polos graves incumprimentos da empresa
Os traballadores e traballadoras de Vapores Suardíaz (empresa auxiliar de Navantia) acordaron nas dúas asembleas celebradas o pasado mércores convocar folga indefinida a partir do luns 27 de febreiro, en resposta aos graves e reiterados incumprimentos do convenio colectivo. A CIG-Industria de Ferrol denuncia que estes abusos se materializan en diversos incumprimentos tanto en materia salarial como na realización de horas extraordinarias de xeito continuado.
O exceso de xornada chega ao punto de que a empresa obriga ao seu persoal a dobrar quendas, tendo que facer xornadas de 16 horas sen descanso. Para tal fin, Vapores Suardíaz aprovéitase dos contratos fixos-discontinuos "para dispoñer ao seu antollo da vida dos traballadores e traballadoras, sen respectar os tempos de preaviso (xa se teñen dado casos de persoas enviadas ao desemprego pola mañá e que pola tarde eran chamadas para entrar a traballar nesa mesma noite) e utilizando todo tipo de artimañas ilegais para mudar o persoal dun tipo de contrato a outro".
Cómpre salientar que esta empresa opera os guindastres dos estaleiros de Ferrol "e un operario que traballa estas longuísimas xornadas non só é un perigo para si propio, senón tamén supón un risco moi grave para o resto de traballadores e traballadoras do seu entorno".
A este respecto, a CIG-Industria alerta que a outra compañía que Navantia ten subcontratada para operar os guindastres, Pérez Torres, tamén incorre en graves incumprimentos, "mesmo aplicando un convenio que non é o de siderometal da Coruña e con condicións salariais máis baixas, e empregando os contratos fixos-discontinuos do mesmo xeito que se se tratase de empresas de traballo temporal".
A empresa responde con despedimentos
Para enfrontar estes abusos, reclamar o cumprimento do convenio e unhas condicións de traballo dignas, o persoal de Vapores Suardíaz acordou convocar unha folga indefinida a partir do luns 27 de febreiro. A empresa, pola súa banda, optou por cesar a actividade de varios traballadores e despedir a outros tres por falta de carga de traballo, mentres lle pide ao resto do seu persoal que vaia facer horas extraordinarias durante esta fin de semana.
Diante deste comportamento, a federación de Industria da CIG pregúntase onde quedou o pacto que recentemente Navantia subscribiu co seu comité para limitar a realización de horas extraordinarias dentro dos estaleiros. E denuncia: "coñecemos que é a propia Navantia quen presiona as empresas auxiliares para que presten servizos durante as 24 horas, sabendo que isto vai desembocar na realización masiva de horas extra".