Os/as traballadores/as de Poligal maniféstanse polas rúas de Narón contra o peche da fábrica
Os traballadores e traballadoras de Poligal saíron en manifestación este luns dende as instalacións da fábrica no Polígono da Gándara até a Casa do Concello de Narón en defensa dos seus empregos e da continuidade da actividade produtiva. Esta protesta enmárcase no calendario de mobilizacións e contactos institucionais que o persoal vai realizar en reposta á solicitude de concurso de acredores presentada pola empresa, a través do que pretende a liquidación da fábrica.
O persoal saía en manifestación por volta das dez da mañá e á súa chegada á Casa do Concello o comité mantivo un encontro cos voceiros/as dos grupos municipais que lle trasladaron a solidariedade de toda a Corporación municipal e lles informaron que se están a realizar as xestións para que o persoal sexa recibido polo conselleiro de Industria e a Presidencia.
Pola súa banda, a representación social subliñou o carácter simbólico que ten Poligal na comarca (onde naceu ao abeiro dos famosos plans de reindustrialización), pondo o acento en que foi precisamente en Narón onde xurdiu a parte industrial do Grupo Peralada, que hoxe conta con fábricas de polipropileno tamén en Portugal e Polonia.
A empresa paralizou a actividade deixando pedidos a medio facer
A CIG-Industria volveu rexeitar a decisión da empresa, que solicitou concurso voluntario de acredores con proposta de liquidación, pois entende que a fábrica de Narón "é viábel e ten futuro" e apunta aos desvíos da produción ás outras plantas do grupo. Neste senso, Alberte Amado subliña que a dirección ordenou o pasado venres paralizar a actividade, a pesar de que isto supón deixar pedidos a medio facer e de que hai planificación da produción até o mes de abril.
"Entendemos que nalgunha fábrica se realizará está produción, pero non sabemos nin onde nin quen, porque hai pedidos que non se poden facer nas plantas de Portugal ou Polonia, xa que non están adaptadas", apunta Amado.
Aínda que a empresa pretendía mandar ao persoal para a casa cun permiso retribuído, os preto de 120 traballadores e as traballadoras rexeitaron esta medida e continúan acudindo aos seus postos en cada unha das quendas. Porén, Poligal mantén pechada unha parte das instalacións e puxo vixilancia privada en toda a factoría para impedir que o persoal poida realizar a súa actividade. Esta actuación, adiantou Alberte Amado, vaise denunciar na Inspección de Traballo.
Intenso calendario de actuacións
Na súa busca de apoios para evitar o peche da factoría, o persoal manterá esta semana unha intensa axenda de contactos institucionais. Así, para esta tarde está prevista unha reunión na Subdelegación do Goberno na Coruña; o mércores manterán reunións en Santiago con cada un dos grupos parlamentares; o xoves asistirán ao Pleno do Concello de Narón e o venres ao Pleno da Deputación da Coruña, onde se debaterán declaracións institucionais de apoio.