Os 77.353 contratos rexistrados no mes de marzo constatan a alarmante temporalidade do emprego
Seguindo a tendencia habitual, o paro descendeu en Galiza un 0,88% respecto do mes anterior. Así o número total de desempregados/as rexistrados/as nas oficinas do Servizo Público de Emprego acadou un total de 210.056 persoas. Porén, o descenso non só foi inferior á media estatal, onde o paro baixou o 1,29%, senón tamén o menor dos últimos cinco anos.
O descenso deuse en todos os sectores, igual que na media do estado. Pero para a CIG o preocupante é tanto a cativo baixada do número de desempregados/as, como a precaria calidade do emprego que se está creando.
Neste sentido, o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, considera que “proba evidente disto é o elevado número de contratos que se están rexistrando mes a mes”, e que neste último non foi unha excepción, xa que foron 77.353 os rexistrados soamente en Galicia. Como tamén entende que así o constata a baixísima porcentaxe de contratos indefinidos rexistrados, que foi de tan só o 9,9%.
A isto o secretario confederal de Emprego e Industria engade que “tan só hai 1.868 persoas desempregadas menos cando se alcanzaron os 77.353 contratos rexistrados, o que evidencia o elevado número de traballadores e traballadoras que están no mercado de traballo con contratos de duración moi reducida e con alta rotación”.
Sen dereito a prestación
Por iso advirte que esa escasa duración, xunto a alta rotación e a permanencia en situación de desemprego por tempo elevado, “fai que moitos desempregados/as aínda que perdan o traballo non teña dereito a prestación”.
De feito indica que as/os beneficiarias/os da mesma continúan baixando e subliña o feito de que no mes de febreiro unicamente o 48,5% das persoas desempregadas cobraban algunha prestación, un punto menos que no mes anterior.