Organizacións sociais, políticas e sindicais alertan da situación de emerxencia na que se atopa o sistema de dependencia en Galiza
ASGADeD, BNG, CCOO, CIG, Compostela Aberta, COP (COLEXIO DE PSICOLOXÍA), COTOGA (COLEXIO DE TERAPIA OCUPACIONAL), COTS (Colexio de Traballo Social), CUT, Esquerda Unida, MODEPEN, SINDICATO LABREGO GALEGO, PODEMOS e PSOE presentaban esta mañá a plataforma “Emerxencia, Dependencia” e o manifesto no que se recollen tanto a análise da situación como as propostas coas que se pretende dar unha solución acaída á actual situación de emerxencia.
ASGADeD, BNG, CCOO, CIG, Compostela Aberta, COP (COLEXIO DE PSICOLOXÍA), COTOGA (COLEXIO DE TERAPIA OCUPACIONAL), COTS (Colexio de Traballo Social), CUT, Esquerda Unida, MODEPEN, SINDICATO LABREGO GALEGO, PODEMOS e PSOE presentaban esta mañá a plataforma “Emerxencia, Dependencia” e o manifesto no que se recollen tanto a análise da situación como as propostas coas que se pretende dar unha solución acaída á actual situación de emerxencia.
Con este motivo, Susana Méndez, secretaria de Organización da CIG, explicou que se solicitará unha xuntanza coa conselleira de Política Social e máis cos grupos parlamentarios, para que inclúan estas propostas como emendas nos orzamentos da Xunta para 2026. Xunto a isto anunciou unha mobilización para o día 17 de novembro, coincidindo co debate das emendas á totalidade dos orzamentos.
Atallar a emerxencia
Segundo denunciaron, a principios deste ano 2025, a Xunta de Galiza, aprobou de forma unilateral unha reforma da lei 13/2008 de servizos sociais que, “lonxe de mellorar a situación da atención á dependencia, reduce o dereito dos galegos e galegas aos servizos sociais”. Unha reforma que se fixo, segundo denunciaron, “pola porta de atrás, aproveitando a lei de acompañamento dos orzamentos, para evitar así a consulta e participación dos axentes sociais”.
Neste sentido, aseguraron que nin sequera se convocou o Consello Galego de Benestar Social, órgano consultivo e de participación en materia de servizos sociais, e mesmo se aproveitou o mesmo sistema da lei de acompañamento para deixalo sen competencias.
Xunto a isto, explicaron que desde o 3 de xaneiro de 2025, unificáronse as solicitudes de dependencia e discapacidade, eliminando o informe social, “o que trata as valoracións profesionais como un simple trámite ou acto administrativo” o que constitúe “un ataque aos dereitos da cidadanía, de ter uns servizos sociais dignos e de calidade”, porque as solicitudes poderanas facer as persoas usuarias ou entidades de carácter lucrativo “provocando a desigualdade no acceso aos recursos”.
393 días agardando
A plataforma denuncia que, a día de hoxe, unha persoa dependente en Galiza ten que esperar de media 393 dias, unha semana máis que en decembro de 2024, máis do dobre do que di a lei que fixa en 180 días o tempo máximo de tramitación. Ademais “hai case 1.700 persoas agardando por un servizo ou prestación á que teñen dereito recoñecido por lei, case 200 persoas máis que en decembro de 2024” e no que levamos de ano “faleceron en Galiza máis de 55 persoas agardando pola dependencia”, que se suman ás máis de 7.000 que faleceron na lista de espera desde 2017.
Xa a finais do ano 2023 se tiñan publicado cambios normativos onde se unificaba nun procedemento a valoración de dependencia e a aprobación do PIA (Programa Individual de Atención) e coa que se pretendía reducir os prazos á metade, que naquel momento xa estaban en máis dun ano. Porén denunciaron que estes prazos “se alongaron e ademais as persoas dependentes perderon dereitos ao unificar o procedementos”.
A modo de exemplo referíronse a casos de arquivo por falecemento atopándose a valoración feita, e despois de transcorrido máis de un ano (solicitude de decembro de 2023, valoración en agosto 2024, falecemento en outubro de 2024 e arquivada por falecemento en febreiro do ano 2025); tempos de agarda de 14 meses en persoas con 98 anos de idade; peticións de actualización de informes médicos, con ameaza de arquivo de expediente e meses de espera para o cambio de PIA por empeoramento e ingreso en residencias.
Persoas con discapacidade
A plataforma entende que estas modificacións van traer importantes prexuízos tamén para as persoas con discapacidade, porque “non se avalía a situación real e individual de cada caso, nin por exemplo a mobilidade reducida que afecta a moitas persoas maiores”. Por iso denuncia que o que hai detrás “é a privatización do sistema de xeito encuberto” que se pretende culpar ás profesionais do atasco nas resolucións, en lugar de asumir a responsabilidade “pola súa incompetencia e mala xestión”.
Fronte a isto a plataforma reclama máis recursos públicos e menos bonos inxustos; incrementar os cadros de persoal dos servizos de dependencia e discapacidade, incorporando tamén profesionais de disciplinas non contempladas agora, cubrindo baixas e vacantes (e non reforzando os servizos cando se “desmadran” os tempos de agarda). “O persoal non pode asumir a mesma carga de traballo nun momento en que, cada vez máis, se incrementan as necesidades da poboación en situación de dependencia”.
Rexeita a utilización dos bonos anunciados pola Xunta do PP, cos que busca silenciar a persoas usuarias e familias, entendendo que “é unha estratexia para non dar servizos á poboación e que o diñeiro público remate en mans privadas”, que devolve os coidados ao fogar, “perpetuando o rol de coidadoras das mulleres”.
Coidados convertidos en negocio de grandes multinacionais
Para a plataforma o PP pretende converter os coidados en negocio das multinacionais. Fronte a iso defende unha estratexia de servizos sociais, que garantan a calidade dos servizos públicos e exixe ao goberno de Alfonso Rueda que revogue os cambios realizados na Lei 13/2008 en materia de acceso ao sistema de dependencia.
Demanda a posta en marcha sen demora dun sistema público galego de atención á dependencia, que aglutine todos os recursos públicos como residencias, centros de día, SAF; reclamamos a dotación urxente de persoal para as valoracións de dependencia e discapacidade, e que estas valoracións se realicen no domicilio da persoa, tal e como estabelece a lei; o aumento de orzamentos para a atención á dependencia, a dotación adecuada de prazas en centros públicos, e a creación de cantos recursos públicos sexan necesarios para garantir que as necesidades das galegas e galegos sexan cubertas.
Canda isto solicita a convocatoria urxente do Consello Galego de Benestar Social, coa comparecencia da Conselleira de Política Social e Igualdade, e que se repoña o papel consultivo deste organismo e fai un chamamento ás organizacións políticas para que asuman estas reivindicacións como propias e poñan en marcha cantas iniciativas consideren para camiñar para a súa xusta consecución.