Unha orde xudicial obriga a Educación a restablecer os dereitos de apoio de alumando con necesidades
En varios centros de Cee, e debido á falta de planificación e de recursos por parte da Consellería de Educación, estase a producir unha clara vulneración dos dereitos do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Desde o inicio do curso escolar, o IES Agra de Raíces leva reclamando sen éxito a dotación de profesorado especialista en Audición e Linguaxe (AL), imprescindíbel para garantir unha atención digna e adecuada do alumnado escolarizado no seu centro.
A inacción da administración foi tal que algunhas familias víronse obrigadas a acudir aos tribunais para facer valer uns dereitos que deberían estar garantidos de oficio. Unha orde xudicial deu a razón ás familias e obrigou a Consellería a restituír o mesmo nivel de apoio existente no curso pasado.
Parche improvisado
Porén, lonxe de asumir a súa responsabilidade e dotar de recursos adicionais o sistema educativo, a resposta da administración foi, unha vez máis, un parche improvisado e inaceptábel. O que fixo foi nomear en marzo unha docente de AL a media xornada no CEIP Virxe da Barca de Muxía que debía ir tamén, pero só dúas horas, ao IES Agra de Raíces.
Para cumprir integramente o auto, a Consellaría decide espir uns centros para vestir outros ao modificar o horario doutra especialista de AL itinerante do CEIP Vila de Cee, deixando sen este servizo á EEI de Pereiriña, e alterar tamén o horario doutra docente do CEIP de Brens, especialista de primaria para que imparta apoio de AL. Como resultado, estase a xerar un efecto dominó que prexudica a máis alumnado e profesorado, evidenciando unha xestión absolutamente irresponsábel.
Ademais, a atención ao alumnado afectado pasa a ser realizada por dúas especialistas distintas, fragmentando a intervención e deteriorando a calidade do apoio educativo, nunha decisión que responde unicamente á falta de persoal e non a criterios pedagóxicos.
A CIG-Ensino considera intolerábel que a Consellería continúe aplicando políticas de recortes encubertos, obrigando a enfrontar centros e comunidades educativas entre si e trasladando os problemas dun lugar a outro en vez de resolvelos de raíz. Esta forma de actuar non só incumpre o espírito da resolución xudicial, senón que perpetúa un modelo educativo inxusto e insuficiente.
“Non se pode falar de inclusión mentres se nega o profesorado necesario. Non se pode garantir a equidade mentres se retiran recursos dun centro para tapar as carencias doutro”, asevera a CIG-Ensino.
Por todo isto, a central sindical esíxelle á Consellería de Educación a dotación inmediata de persoal especialista suficiente, o respecto real aos dereitos do alumnado con necesidades específicas e o fin dunha política de improvisación permanente que está a deteriorar gravemente o ensino público galego.