
Oposicións docentes 2025: non se creará ningún novo posto de traballo

A Xunta de Galiza vén de anunciar a convocatoria de 1434 prazas nas oposicións de ingreso nos corpos docentes para este ano 2025. A esa cifra súmanse 230 prazas de promoción interna, das que 10 son para a inspección educativa e 220 para o corpo de PES. A CIG-Ensino denuncia que, porén, “non se creará ningún novo posto de traballo”.
A medida adóptase, segundo denuncia a VIG-Ensino, sen previa negociación coas organizacións sindicais e sen que se teña entregado un informe das prazas estruturais (aquelas que serían susceptíbeis de seren ofertadas nunhas oposicións), tal e como se comprometera a propia Consellaría.
A oferta deste ano é inferior ao do curso pasado, malia seren maiores as necesidades de docentes. Se no 2024 se ofertaron 1512 prazas libres agora a oferta redúcese en 78 prazas, mentres que as prazas de promoción interna mantéñense practicamente igual (foron 231 no 2024).
Máis alá de constatar o baixo nivel democrático do goberno galego e a falta total de respecto pola negociación (algo do que fai gala habitualmente o goberno Rueda) a CIG-Ensino quere achegar unha primeira valoración para desmontar as mentiras e as trampas que implica vender estas oposicións como algo excepcional e como foco de creación de emprego, ao tempo que se seguen sumando, ano tras ano, cifras falsas nos efectos das prazas ofertadas.
Non se crea emprego. A Xunta limítase a aplicar o cumprimento da lei de orzamentos estatal, prorrogada para este ano, aplicando unha taxa de reposición do 120% sobre a cifra de profesorado xubilado ou falecido. Significa isto que aumenta o profesorado? Nin moito menos. A normativa sobre as ofertas de emprego limita taxativamente desde hai anos a creación de emprego, indicando que destas ofertas non se poderá derivar aumento sobre os efectivos actuais.
A suma das prazas ocupadas nestes anos é moi inferior ao que vende a Xunta. O goberno galego suma todas as prazas ofertadas como se todos os anos se cubrisen na súa totalidade. Nada máis lonxe da realidade, como evidencian os informes presentados pola CIG-Ensino, sen ir máis lonxe no pasado mes de xullo. Vexamos a trampa:
- A Xunta computa as prazas que quedaron desertas nas oposicións de ingreso (acceso libre): un 12% nas oposicións do 2024.
- A Xunta computa as prazas de promoción interna que, na súa inmensa maioría, quedan desertas ano tras ano, sen que muden a normativa para evitalo: o 82% nas oposicións do 2024.
- A tendencia dos últimos anos leva a que queden desertas por volta do 20% do total das prazas das OPE. De se manter estas porcentaxes neste 2025, as prazas ocupadas quedarían reducidas a 1332.
A CIG-Ensino exixe un mínimo de rigor, transparencia e talante democrático do goberno Rueda e demanda que se entregue de inmediato, e con antelación suficiente á convocatoria da Mesa Sectorial, un estudo pormenorizado das prazas estruturais para determinar o reparto por especialidades docentes.
O sindicato maioritario denuncia novamente estar diante dunha negociación lastrada polo imperativo legal da taxa de reposición fixada polo goberno estatal e a limitación de efectivos pactada polo Ministerio de Función Pública e os sindicatos CCOO e UGT, que impide desde hai anos que as ofertas de emprego poidan ser usadas para o incremento de persoal docente que o sistema educativo galego precisa.