Operarios de conservación de estradas organízanse polos seus dereitos e polo plus de perigosidade
Esta mañá déronse cita en Santiago arredor de 30 delegados/as da CIG nas empresas galegas adicadas ao mantemento e conservación de vías, un colectivo que malia a dedicarse practicamente ao mesmo (manter en bo estado de uso as estradas e autoestradas públicas do noso país) está sendo severamente discriminado en canto a condicións e dereitos. “Unhas condicións e dereitos que dependen exclusivamente da capacidade de mobilización e negociación dos seus comités ou seccións sindicais, xa que as contratas de licitación apenas recollen cláusulas sociais que garantan condicións dignas de traballo, e o convenio de sector (construción) tampouco ten en conta as súas peculiaridades”, sinalan dende a central sindical.
A representación sindical da CIG na quincena de contratas aproveitaron a xuntanza para poñer en común as súas problemáticas, debullar as diferencias entre as distintas empresas e constituír un grupo de traballo para loitar polos dereitos do persoal galego. Mais tamén para organizarse e iniciar un calendario de mobilizacións destinado a esixir das empresas e das administracións públicas que garantan unhas condicións dignas e xustas para un colectivo imprescindíbel para o funcionamento normal do conxunto da sociedade. “Isto non pasa co persoal que as propias administracións públicas teñen destinados nas vías, que en todos os casos melloran notabelmente as condicións do persoal das contratas privadas”, lembran.
Tanto é así, é que danse tantas casuísticas como empresas participan no sector, existindo enormes diferencias en canto aos seus dereitos. Por exemplo, a diferencia no prezo da hora extra pode chegar aos cinco euros, e en canto ao plus de retén (que compensa a dispoñibilidade do persoal para actuar inmediatamente en caso de incidente nas vías), hai quen cobra 200 euros á semana e quen non cobra nada en absoluto. “Similar situación atopamos ante a vialidade invernal (que permite a usabilidade das vías a baixas temperaturas, mediante o verquido preventivo de salmoira ou a retirada do xeo cando xa se produciu), habendo empresas que o compensan moito e outras nada”.
Isto acontece malia que o persoal ten recoñecido o dereito á subrogación que practicamente garante que se acabará xubilando no mesmo posto de traballo; o único que varía entre as contratas é o nome da empresa e o consello de administración que se fará cos beneficios da explotación, pois o persoal que fai o traballo efectivo será sempre o mesmo.
A loita polo plus de perigosidade
Outro grande cabalo de batalla do sector é a loita pola súa seguridade, e sobre todo contra a alta sinistralidade laboral provocada polos atropelos ou golpeos dos vehículos usuarios das vías, tendo en conta que, estatisticamente, nos accidentes de tráfico o risco de morte cando implica un operario cuadriplica o da persoa usuaria da vía.
Por isto, aparte da dotación de todos os medios de visibilidade e seguridade, o sector está a loitar polo recoñecemento do plus de perigosidade estabelecido nos convenios de construción, previsto precisamente para cando o risco do traballo é inevitábel. “É xusto o que pasa nestas vías, pois o risco de atropelo e golpeo non depende da empresa nin do seu persoal, senón da pericia e nivel de atención das persoas que manexan os vehículos”.
A CIG xa está a reclamar o plus de perigosidade naquelas empresas do sector onde conta con representantes sindicais ou ben cunha sección sindical forte, e convida a aquelas outras que aínda non a teñan a unirse a esta demanda xusta.
A igual traballo, iguais condicións laborais
A central sindical coincide co persoal do sector na súa denuncia de que os pregos de contratación destas licitacións públicas xa deberan incluír (e facer cumprir) unhas cláusulas sociais que rexan as condicións laborais e sociais do seu persoal contratado, pois non se pode comprender que cada empresa poida fixalas individualmente, cando o traballo a facer e o pagador é exactamente o mesmo. “Isto favorece e multiplica os abusos, sobre todo a aqueles cadros de persoal desorganizados ou nos que a presenza sindical é aínda feble, o que algunhas empresas desaprensivas aproveitan para multiplicar uns beneficios que, lembramos, estamos a pagar todos/as”.
Así mesmo, o persoal acordou iniciar un calendario de mobilizacións destinado a obter das empresas concesionarias o compromiso de mellorar as condicións laborais e que as administracións públicas (Xunta, Estado, Deputacións, Concellos) garantan nos seus pregos de contratación unhas condicións xustas.