Oito mil traballadores e traballadoras do metal maniféstanse na Coruña por un convenio digno

Na sexta xornada de folga o sector advírtelle á patronal: ou hai unha proposta que responda ás demandas sociais ou a folga continuará
A Coruña - 11 Xun 2026

Arredor de 8.000 traballadores e traballadoras do metal manifestáronse este xoves dende Oleiros até a sede da patronal na Coruña nunha demostración de forza e unidade na demanda dun convenio digno para o sector. A masiva mobilización prodúcese no sexto día de folga e na véspera da reunión coa patronal á que xa advertiron: ou se poñen enriba da mesa propostas que respondan ás reivindicacións sociais ou a folga e as mobilizacións continuarán na próxima semana.

"Que ninguén se engane, está reunión non é un regalo da patronal, é resultado da loita e da forza que o sector está demostrando cada día", aseveraba Eduardo Caamaño, voceiro da CIG na mesa de negociación ao remate da protesta. Criticou a "chulería" e a “soberbia" do empresariado ao suspender de maneira unilateral as negociacións a pasada semana e ameazar con eliminar o carácter retroactivo do convenio.

Porén, salientou, “non lle quedou outra que recuar e convocar as mesa ante o contundente seguimento dos paros e a determinación do persoal a loitar”.  A CIG agarda que o empresariado acuda con intención de negociar e presentar propostas reais e que "non se trate dunha manobra para desmobilizar o sector" de caras ás folgas dos días 16 e 17 de xuño.

Neste senso, Caamaño lembrou que os dous últimos convenios conseguíronse tras sete xornadas de folga en cada un dos procesos negociadores e que só grazas a intensidade no conflito se logrou rachar a intransixencia da patronal. "Os dereitos que temos no convenio non foron un regalo, foron a conquista resultado da nosa loita e determinación, e agora estamos na mesma situación", insistiu.

O representante da CIG cualificou de exemplar a loita do persoal do sector e valorou o rotundo éxito destes seis días de folga “que deixaron practicamente paralizada actividade de siderometal en toda a provincia”.

Neste contexto, incidiu en que xa están convocadas catro xornadas máis de folga e que o sector está decidido e comprometido a loitar por un convenio digno. "A patronal debe ter claro que a única posibilidade de evitar estas convocatorias será que mañá traslade unha proposta de convenio que cumpra coas expectativas do sector", reafirmou.

Uns obxectivos que pasan pola mellora salarial, unha cláusula de revisión que opere a 1 de xaneiro, medidas para combater a precariedade, redución da xornada anual, ampliar o dereito de subrogación, regular os pluses de penosidade, toxicidade e perigosidade ou garantir o acceso á xubilación parcial, entre outros.

“Este convenio ímolo gañar, non hai forza que nos pare o sector cando pelexa como o está a facer”, concluíu.

Comunicado das tres centrais sindicais ante o incidente ocorrido cunha xornalista

Os sindicatos CIG, UGT e CCOO lamentan profundamente o incidente ocorrido cunha xornalista durante o decurso da manifestación da folga do metal da Coruña, do que tiveron coñecemento polas informacións publicadas en redes e medios.

As centrais sindicais trasladan o absoluto respecto polo traballo das compañeiras e compañeiros dos medios de comunicación, cuxo labor resulta esencial nun estado democrático e como garante das liberdades.

Os sindicatos queren deixar claro que non comparten ningún tipo de comportamento agresivo, machista ou violento e que estas actitudes non teñen cabida dentro da súa acción sindical.

Ao tempo, piden que non se condene a todo un colectivo de persoas traballadoras que está dando unha loita exemplar na demanda dun convenio digno a causa duns feitos illados, protagonizados por un número moi reducido de persoas das que descoñecen a súa identidade.