Oito ideas sobre o trumpismo e a relación con China

Xulio Ríos - 21 Mar 2025

O ascenso de China na distribución do poder en Asia representa unha preocupación para os Estados Unidos, o que podería desembocar nun conflito entre grandes potencias. Washington tenta manter ese dominio, mais a hipótese dun inminente liderado compartido antóllase inexorábel

 As que seguen son algunhas claves que van definindo este segundo mandato de Donald Trump á fronte dos Estados Unidos. As súas declaracións e ordes executivas provocaron unha singular axitación tanto no seu país como no mundo e segue sendo unha incógnita o nivel de impacto a longo prazo. Un aspecto determinante afecta as relacións con China, o seu principal competidor.

Liderado

 Situando os “Estados Unidos primeiro”, o que Trump vén suxerir é que xa non é interese dos EUA liderar o mundo na forma en que o estivo facendo até o de agora, non que vaia renunciar á hexemonía. A súa prioriade é pór orde en casa e capitalizar a economía a través de aranceis, captación de investimentos e reindustrialización. Iso acompáñase dun fondo desprezo por outros países, desbaratando a transcendencia do apoio ás organizacións internacionais, a axuda exterior, etc., todo aquilo no que non identifica valor de retorno suficiente.

 A narrativa suxerida polo trumpismo é que ese modelo é demasiado custoso, insostíbel e mesmo debilitante pois socava a economía e diminución a capacidade para competir con China. Por tanto, isto tradúcese en que, preferentemente, os obxectivos da súa Administración non se van lograr a través da cooperación con terceiros senón a través da imposición pura e dura da política que máis lle conveña. Paradoxalmente, isto supón que o interese de terceiros por cooperar cos EUA tamén vai ir a menos e o recurso alternativo a China emerxerá polo seu propio peso.

 Onde atoparán os EUA os fondos para revitalizar a economía ou a infraestrutura? A cousa non é doada. Por exemplo, en 2023, China produce preto do 50% dos barcos do mundo. Os Estados Unidos xa non teñen unha industria de construción naval; só producen arredor do 0,5%. Nas tres últimas décadas, China converteuse na potencia mundial dominante na produción de buques. Reverter isto non é tarefa doada: necesita unha industria siderúrxica forte, que nos Estados Unidos leva entre 25 e 30 anos esmorecendo.

Devalar

 Malia os alardes de poder desde o Despacho Oval, o certo é que o devalar dos EUA é un feito e as súas manifestacións, como a citada, son elocuentes. Máis aló do empeño de Trump, os Estados Unidos téñeno moi difícil para remontar a desindustrialización. Non se reactiva a industria só con cartos. Fan falta especialistas, cos que xa non conta. China produce o 65 por cento dos graduados en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas do mundo. E a débeda nacional é de máis de 36 billóns de dólares, moi superior ao seu PIB e acumulada grazas á condición do dólar como moeda de reserva mundial. O problema da débeda dos Estados Unidos é peor que o de China, que segue medrando ao dobre de velocidade que os Estados Unidos. Aquí, a débeda federal está a devorar a economía. Os xuros representan aproximadamente dous terzos do orzamento federal estadounidense.

 China representa o 35 por cento da industria manufactureira global, mais en 2030 alcanzará o 45 por cento, a mesma proporción que ostentaban os Estados Unidos ao final da segunda guerra mundial. Ningún dos portos máis avanzados do mundo está nos Estados Unidos. O porto estadounidense máis eficiente, o de Charleston, ocupa o posto 53 no ránking mundial de eficiencia portuaria.

 Como conta Raúl Zibechi, en 1980, China só era o principal socio comercial de Iemen. Até 2001, cando se uniu á Organización Mundial do Comercio, o 80 por cento dos países do mundo comerciaban máis cos Estados Unidos que con China. En 2024, dous terzos dos países (128 de 190) comercian máis con China que cos Estados Unidos. E 90, case a metade dos que integran as Nacións Unidas, comercian con China o dobre que cos Estados Unidos. As exportacións aos Estados Unidos agora representan só o 15 por cento dos envíos totais de China, fronte ao 20 en 2018. A participación de China nas exportacións mundiais foi do 14 por cento en 2023, fronte ao 8,5 dos Estados Unidos...

 Este devalar manifesto é a fonte dese resentimento co mundo exterior. A hexemonía nos termos coñecidos non é sostíbel e iso obrigaría a Casa Branca a debullar unha estratexia internacional acorde ás súas capacidades renegociando os acordos, xa sexan comerciais ou financeiros, que sustentan a orde de posguerra. Lonxe diso, o rexeitamento das relacións estabelecidas cos seus propios aliados e as institucións internacionais minan a confianza de todos.

 Por tanto, esa negativa a renegociar mantendo o apoio ao sistema estabelecido tradúcese non só no desconcerto reinante senón na falta de vontade de facer espazo a China e outros actores relevantes para redefinir esta orde. Simplemente, estase retirando por completo, non só do financiamento senón mesmo da participación como se aprecia na actitude ante a OMS ou a OMC e outros. É máis, a Casa Branca impón á Unión Europea a dependencia absoluta ou a humillación, unha actitude que contrasta coa posición chinesa de propor e negociar acordos que aseguren certa estabilidade global. Quen máis socava hoxe día a orde internacional son os EUA.

A corte de Trump: entre quenllas e falcóns

 Como bo patrón, xa no seu primeiro mandato, Donald Trump mostrou moi pouca consideración da contorna funcionarial como tamén da rede política e militar que sustenta a Casa Branca ou o Pentágono. Neste segundo mandato, é diáfano que a quen máis respecta é aos empresarios de éxito, xa sexa en Wall Street, no sector inmobiliario de Nova York ou no sector tecnolóxico de California... e Elon Musk é unha desas persoas. Esta conta con autoridade ilimitada para despedir a xente a vontade sen consultar aparentemente nin co presidente, nin cos membros do Congreso nin do Senado. Trátase de alguén que non foi elixido, nin confirmado polo Senado, senón só un amigo financeiramente xeneroso coa súa campaña. Serán estas “quenllas” as que van levar a batuta en boa parte das políticas deseñadas pola súa administración con preferencia pola negociación dura. En contraste, os “falcóns”, máis aliñados cos posicionamentos máis tradicionais, seguirán bourando pola estratexia de “paz a través da forza” sen desbotar o desempeño de posturas máis abertamente agresivas.

Tecnoloxía, economía, seguridade

 Non é que a seguridade vaia ser descoidada, mais tanto no caso dos EUA como de China, a prioridade céntrase a curto prazo nas cuestións tecnolóxicas e económicas. Para as autoridades chinesas, o máis importante é que a súa economía siga a medrar e a desenvolverse. Para Xi Jinping, a clave reside na estabilidade a través da preservación do liderado do PCCh e unha economía á alza, de aí os xestos recentes para implicar máis o sector privado e o empresariado.

 Cómpre pensar que, malia as súas tensións, a economía chinesa seguirá medrando máis rápido que a estadounidense. Esa é a tendencia para o próximos dez a vinte anos, con altas probabilidades de consumar o sorpasso. Mentres, a fenda de poder entre os Estados Unidos e China seguirá reducíndose. O exército chinés crecerá máis rápido que o estadounidense. Todo iso aumentará o risco de conflito aínda que non necesariamente ten que desembocar en hostilidades abertas.

 En Europa, pola contra, a súa dirixencia parece inverter as prioridades e aposta por fortalecer a seguridade instando un rearmamento de destino incerto. Ao cabo, o máis probábel é que serán as forzas de extrema dereita en auxe as que xestionarán esas novas capacidades realiñando de novo as políticas continentais coas do outro lado do Atlántico. É erróneo pensar que os Estados Unidos se desentenden de buscar o control de Europa e xogarán a se converter no principal beneficiario das súas decisións.

Aliados

 O actuar de Trump indica que a súa atención se vai centrar nos únicos países que respecta, aqueles que considera importantes porque poden influír nos Estados Unidos. Sobre todo China, aínda que tamén Rusia, a outro nivel. Pero, paradoxalmente, queima pontes con países que poderían ser valiosos para competir con China. Nesta liña, a OTAN sería importante. A UE tamén o é para a cooperación en materia de comercio e tecnoloxía. Pero está tan centrado en pasar factura que a estratexia global se esfarela ostensiblemente.

 Asegura Robert Ross, profesor de ciencias políticas no Boston College e asociado do Centro Fairbank de Estudos Chineses da Universidade de Harvard, que se Donald Trump continúa coa súa política cara a Europa, os europeos non terán outra opción que cooperar con China para estabilizar o sistema. Non se trataría necesariamente de crear un novo sistema, unha nova orde que reflicta os valores ou intereses chineses, senón dunha reforma do sistema actual para abrir espazo a China, reflectindo mellor o seu novo status mantendo o compromiso coa estabilidade global.

 Agora mesmo, se as cousas non se torcen, o mundo dependerá máis de China que dos Estados Unidos se cadra antes do previsto. En lugar de contela, o que pode lograr é acelerar o seu auxe. Se a política estadounidense cara a Europa e os demais países industriais avanzados continúa, estes países estarán menos inclinados a resistirse á cooperación comercial con China. É previsíbel unha maior cooperación entre China e Europa, co Sueste Asiático ou Corea do Sur, e iso afianzaría a orde comercial internacional e as institucións multilaterais en contra dos intereses de Trump.

 China está loxicamente preocupada pola posibilidade de que os Estados Unidos poidan usar o seu poder para influír na actitude dos países europeos e outros. Coa guerra tecnolóxica, os Países Baixos están a restrinxir a cooperación con China. O mesmo fai Corea do Sur e Xapón. E China está a tentar compensar a diplomacia estadounidense en Europa e outras partes. Pero as posibilidades de crear unha coalición comercial e tecnolóxica composta por Europa, Corea do Sur, Xapón e outros países, que sería moi prexudicial para a economía chinesa, debilítanse con Trump.

 Está dinámica está a minguar o poder brando estadounidense a gran velocidade. Os EUA son vistos hoxe como un país que non quere contribuír ao benestar do mundo. Tamén é pouco o que lle pode ofrecer. E iso socava seriamente a capacidade para lograr os seus obxectivos a través da cooperación.

Multilateralismo

 No plano multilateral, a administración Trump é un agasallo para China porque o neoillacionismo estadounidense está a axudala. A redución do papel dos Estados Unidos nas organizacións internacionais proxecta e realza a China. Os conflitos comerciais e de seguridade cos aliados favorecen a China. De xeito que, multilateralmente, os Estados Unidos están a disparar no seu propio pé. Pola contra, a posición de China representa unha mostra inequívoca do seu ascendente poder brando aínda entre aqueles que manteñen unha distante reserva.

Asia é a clave

 O ascenso de China na distribución do poder en Asia representa unha preocupación para os Estados Unidos, o que podería desembocar nun conflito entre grandes potencias. Washington tenta manter ese dominio, mais a hipótese dun inminente liderado compartido antóllase inexorábel; é máis, diríase que a transición de poder é unha realidade que evoca conflitos de intereses que se poderían manifestar nun aumento das hostilidades.

 Cómpre salientar que a diferenza da Guerra Fría, na que os dous bloques enfrontados apenas cooperaban, nesta Asia non é así. A Unión Soviética non tiña unha economía aberta, pero China si a ten. Nesta rexión, a preocupación polo estouro dunha guerra a instancias de China é máis ben remota por máis que vaian a máis as tensións no Mar de China Meridional ou no Estreito de Taiwán. A cooperación económica achega unha gran fluidez e dinamismo á rexión con China no epicentro.

 Os países de Asia que viven preto de China e dependen da súa economía están a volverse cada vez máis cooperativos con China porque os Estados Unidos son menos fiábeis. Non se van aliñar con China, non se van converter en parte da súa hipotética esfera de influencia, pero estanse afastando de se aliñar cos Estados Unidos. Se nos fixamos nos gobernos do leste de Asia, só catro deles non están a cooperar con China hoxe en día: Corea do Sur, Taiwán, Xapón e Filipinas. E con todo, dese catro, tres deles teñen gobernos inestábeis, con cambios constantes nas súas políticas. Aos EUA só lles queda en Asia oriental un aliado fiábel: Xapón. Mais para o crecemento de Asia, é China a máis importante.

 E se a competencia entre os Estados Unidos e China se dirime nesta rexión, a pregunta chave é se haberá acordo ou enfrontamento con China. Neste senso, pódense interpretar os movementos de Trump como un intento de resolver primeiro as diferenzas con países veciños e aliados como un exercicio de preparación do terreo para posteriormente enfrontar ou conter a China. No entanto, sería fundamental que a confianza dos EUA e os seus aliados non se vise socavada polas actuais tensións, o cal aseguraría a implicación nesta estratexia. Pero o risco de que Europa e outros consideren o mercado chinés máis imprescindíbel afectará a capacidade estadounidense de se enfrontar a China.

 No mundo, China é ben recibida como contribuínte ao desenvolvemento económico e á construción de infraestruturas. Ese recoñecido papel institúea cada vez máis como principal potencia económica e a máis construtiva. A diferenza dos Estados Unidos, como potencia en declive, China vese impulsada polo actual sistema polo que, máis aló de axustes, non está necesariamente interesada en cambialo de forma radical. E esa é, en gran medida, a razón pola que os EUA se queren desprender del pois contribúe ao ascenso de China e iso significa o declive dos Estados Unidos.

 Os Estados Unidos non admitirán sen máis que China se volva demasiado poderosa, até o punto de representar unha ameaza para a súa hexemonía. O reto é estabilizar a súa relación como dúas grandes potencias e gañar tempo. Os Estados Unidos non van desaparecer e China seguirá crecendo. Trump quere un novo acordo comercial con China que evite un agravamento da guerra comercial pois tamén sería moi prexudicial para a economía estadounidense. China tamén quere atopar formas de estabilizar esta relación. Esperan un acordo comercial que en absoluto será doado de lograr. En xuño, se se confirma a cimeira Trump-Xi, saberemos que tendencia prima.

Taiwán

 A primeira administración de Trump adoptou unha postura máis a prol de Taiwán respecto das relacións entrambas as beiras do Estreito. E isto é parte do esforzo dos Estados Unidos por conteren a China. Esa cooperación con Taiwán complica os esforzos do continente por disuadir os líderes taiwaneses de avanzar cara á independencia de iure. China podería ser agora menos condescendente neste aspecto.

 A moitos en Taiwán preocúpalles que un acordo entre os Estados Unidos e China poida “vender” a Taiwán. Pero sen unha maior contención na cooperación con Taiwán, China non llo vai poñer doado a Trump. E esa tendencia deixaría claro que a política ao uso neste tema non é viábel, que ten os días contados e que a reunificación, baixo a fórmula que sexa, é imparábel. Taiwán está a 90 millas do continente e non poucas voces claman que debe atopar unha maneira de s elevar ben co continente. É Musk contra Rubio, as quenllas contra os falcóns. Calquera cesión sería unha mostra de debilidade de Trump que complicaría a fortaleza do seu activo principal en toda a rexión, a súa credibilidade en materia de seguridade.

 No recentemente publicado Informe sobre o Labor do Goberno de 2025 nas “dúas sesións” chinesas, faise fincapé en «promover firmemente a causa da reunificación de China» sen mencionar a «reunificación pacífica». Máis que unha mudanza na postura da parte continental quere enviar unha mensaxe de contundencia aso EUA.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 14 de marzo de 2025]


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.