Ofensiva xudicial contra o Sergas, o 061 e Coexam tras a morte dun doente nunha ambulancia sen asistencia
A familia da persoa que faleceu a semana pasada en Vigo mentres era trasladada nunha ambulancia sen asistencia sanitaria enviada polo 061 iniciará de forma conxunta coa CIG as accións legais oportunas para depurar responsabilidades e evitar que se volvan mobilizar de xeito habitual vehículos sen o material nin o persoal técnico necesario. Así o anunciou hoxe en rolda de prensa a central sindical, que xa presentou denuncias polo acontecido diante da Inspección de Traballo e da Valedora do Pobo, ademais de requirirlle á Consellaría de Sanidade que cese neste tipo de prácticas e ao 061 que faga públicos o número de servizos que realiza en precario a empresa Coexam.
Na comparecencia diante dos medios de comunicación participaron o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manolo Moreira, o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, Carlos Lamosa, e os delegados sindicais en Atención Primaria e no 061, Pilar Rodríguez e Óscar Graña.
Os responsábeis sindicais explicaron que a familia do afectado solicitoulle á CIG que iniciase as accións xudiciais oportunas, polo que os servizos xurídicos da central sindical están a estudar o xeito de facelo: se con denuncia na Fiscalía ou a través dunha demanda penal, de maneira conxunta ou por separado, “co obxectivo de depurar as responsabilidades tanto no Sergas e no 061 como na empresa á que pertence a ambulancia, Coexam”.
Detallaron que a persoa sufriu un episodio de inconsciencia a bordo dunha ambulancia enviada polo 061, e polas características do vehículo, pola dotación material que tiña e pola falta de persoal técnico de emerxencias cualificado que supervisase o paciente na cabina asistencial non se lle puideron realizar as manobras de soporte vital que recomendan todas as sociedades científicas de carácter internacional. “O único que se fixo foi, ao igual que se facía no século pasado, cargar e correr até chegar ao hospital”.
Neste senso, cualifican de “intachábel” a actuación da médica e sosteñen que descoñecía que a ambulancia que se ía mobilizar carecía de material e de persoal técnico. “O que lle aconteceu pode pasarlle a calquera, polo que a partir de agora o persoal médico ten que asegurarse de que tipo de recurso se vai mobilizar cando solicite un traslado, porque se expón a ser criminalizado pola Administración como lle está a acontecer á doutora que o atendeu, que de forma vil e reprobábel está a ser culpabilizada do suceso polo Sergas”.
Sálvese quen poida
En consecuencia, entenden que a partir de agora “ábrese unha nova era no servizo, xa que o 061 pasa a xestionar tres tipos de ambulancias: medicalizadas, asistenciais e de sálvese quen poida”. Fronte a isto, quixeron poñer en valor o traballo do persoal técnico durante a asistencia sanitaria, cuxo papel consideran fundamental. “Antes a asistencia comezaba no hospital, pero agora comeza no lugar onde se atopa o paciente”.
O persoal médico vai ter que asegurarse de que tipo de recurso se vai mobilizar cando solicite un traslado, porque se expón a ser criminalizado polo Sergas
Lembraron que a lei especifica claramente que existen dous tipos de ambulancias, as asistenciais (contan con persoal técnico sanitario) e as non asistenciais. O 061 pode botar man de calquera tipo de dotación de xeito excepcional, por exemplo en caso de catástrofe ou se os servizos que se demandan superan os recursos da rede propia.
“Pero estamos a ver todos os días como a partir do 29 de xullo entre tres e catro ambulancias da empresa Coexam prestan servizos na área sanitaria, mentres que o 061 conta con seis vehículos”. Sinalan que esta práctica vén sendo habitual en menor medida dende hai dous anos, pero na actualidade unha de cada tres ambulancias que mobiliza o 061 en Vigo xa non son da rede propia.
Pero o 061 “minte deliberadamente” asegurando que se trata de algo excepcional, cando non o é. Ademais Vigo está a ser utilizado como “banco de probas” para que dentro de dous anos, cando se volva configurar o mapa de recursos do servizo de ambulancias, se utilicen xa dende o principio ambulancias deste tipo.
“É algo que non imos permitir, polo que esta mesma semana presentamos denuncia diante da Valedora do Pobo e da Inspección de Traballo e entregamos escritos na Consellaría de Sanidade para esixirlle que se deixen de mobilizar de xeito estrutural vehículos que non fan parte da rede do 061 e no propio 061 para que informe do número de servizos que realizan esta empresa en precario”.
Precariedade da sanidade pública
Este feito pon de manifesto a situación de precariedade na que se atopa a sanidade pública, xa que o servizo de ambulancias é un elemento fundamental para dar resposta ás necesidades dos pacientes. “Cando se realiza un traslado asistencia, non programado, precisamos un dispositivo que teña os medios técnicos e profesionais axeitados”.
Por iso fixeron fincapé en que cando un profesional sanitario solicita un traslado entende que ese traslado se fai nun dispositivo que reúne os requisitos técnicos necesarios para dar resposta ao que poida ocorrer durante o traslado e cos profesionais necesario para dar ese soporte.
Finalmente, quixeron deixar moi claro que a central de coordinación que pon en marcha o dispositivo intenta sempre mobilizar o mellor recurso, pero é responsabilidade da Administración poñer a disposición das necesidades asistenciais os dispositivos necesarios que cumpran estes criterios.