A Fundación Theodora deberá indemnizar unha traballadora por despedimento improcedente
O Xulgado do Social de Ferrol vén de emitir sentenza pola que condena a Fundación Theodora a indemnizar unha traballadora polo despedimento improcedente das súas funcións de “Doctora Sonrisa Kateterina”. A entidade, subliñan dende a CIG-Ensino, ten unha función social e humana tan relevante como é o acompañamento de nenos e nenas convalecentes en centros hospitalarios.
A sentenza recoñécelle a esta traballadora a prestación de servizos retribuídos con carácter fixo-discontinuo cunha antigüidade dende 2003 até o ano 2016, intervalo de tempo no que estaba como traballadora autónoma. "Nestes anos, a Fundación Theodora contrátaa como traballadora por conta allea, pretendendo esquilmarlle, a ela e a outras compañeiras, a antigüidade para así aforrarse as indemnizacións por despedimento e os custes á Seguridade Social, cousa que a sentenza anula completamente", explican.
Desde a CIG-Ensino de Ferrol, que actuou como parte social e xurídica neste conflito en apoio á afectada e na defensa dos postos de traballo, "xa viñamos denunciando desde hai moito tempo as actuacións deste tipo de fundacións, que baixo a epígrafe de “oenegués”, financiadas con cartos de doazóns desinteresadas e identificándose como entidades sen ánimo de lucro, actúan como calquera empresa privada e aplican as condicións máis duras da lexislación laboral".
Despedimentos disciplinarios
A este respecto, a CIG-Ensino denuncia que o despedimento desta traballadora non ten máis razón de ser que reclamar o cumprimento por parte da Fundación Theodora dos seus dereitos laborais "e a dignidade persoal". Neste senso, lembran que boa parte dos despedimentos que se producen nesta entidade teñen un carácter disciplinario.
Ademais de denunciar o caso desta persoa, dende a CIG-Ensino advirten que seguirán perseguindo este tipo de actuacións en contra dos intereses da clase traballadora "que redundan na precariedade e na persecución daquelas traballadoras que buscan que se respecten os seus dereitos laborais".