O Xulgado requírelle á Xunta copia da resolución pola que se autorizou a venda das fábricas e centrais de Ferroatlántica
O Xulgado de Instrución nº 2 de Compostela admitiu a trámite a denuncia presentada polo comité contra Ferroatlántica, Ithaka, Xallas e a directora de Augas de Galiza e, de acordo co solicitado polo Ministerio Fiscal no seu informe favorable a que se investigue un presunto de delito de prevaricación administrativa relacionado coa Resolución de 23/10/2019, solicítalle á Xunta de Galiza a remisión da copia íntegra do expediente administrativo que deu lugar a dita resolución xunto cun informe de valoración.
A finalidade da denuncia, lembra o comité, "non é outra que a empresa respecte a legalidade vixente, os títulos concesionais e a sentenza do TSXG de novembro de 2020 que lle obriga tanto ao mantemento da actividade industrial como dos postos de traballo".
Dende que Ferroatlántica anunciara a venda do complexo, a representación social denunciou que se trataba dunha fraude cuxo único obxectivo era segregar de maneira encuberta a produción de ferroaliaxes da xeración eléctrica. "Producir enerxía é a única actividade na que ten interese real o fondo de investimentos, polos substanciosos beneficios que lle ofrece e como exemplo temos a central de rebombeo da Ruña, operación que pretenden realizar cunha empresa pantalla que non ten vinculación coas fábricas.", recalca o presidente do comité, Alfonso Mouzo.
Neste senso, insiste en que a operación atenta contra o espírito das concesións, xa que as fábricas de Cee e Dumbría pasaron de ser unha empresa que formaba parte do grupo Ferroatlántica a converterse nunha subcontrata súa, "nunha situación de desmantelamento industrial que a día de hoxe ninguén pode negar, e a pesar de ter a electricidade máis barata de todas as factorías grazas ás centrais, só temos dous fornos de cinco en marcha e 80 empregos directos menos".
Mouzo explica que se acordou iniciar a vía penal ante a pasividade reiterada da Xunta de Galiza para requirirlle á empresa que cumpra coas cláusulas esenciais das concesións e reverter a destrución progresiva da actividade industrial e a perda continuada de postos de traballo.