O xulgado recoñece que Abante BPO despediu a un traballador en represalia por participar nunha folga
O Xulgado do Social 3 de Lugo vén declarar nulo o despedimento dun traballador de Abante BPO, ao recoñecer que a decisión da empresa responde a unha represalia contra o teleoperador por ter participado nunha das folgas convocadas pola CIG no sector en demanda dun convenio digno. Deste xeito, condénase a empresa a readmitir ao traballador nas mesmas condicións que tiña e a abonarlle os salarios de tramitación.
"Esta sentenza, subliña o Secretario de Organización da CIG de Lugo, Lois Neto, vén reafirmar o que a CIG ten denunciado en repetidas ocasións: a actitude intimidatoria e represiva da empresa que, a través dos despedimentos disciplinarios, pretende atenuar o alcance das mobilizacións". Un pulso mobilizador que se ten intensificado nesta empresa logo da CIG ter gañado as eleccións sindicais en maio do pasado ano.
Uso fraudulento do despedimento disciplinario
Así é que na propia sentenza se recolle que, entre xullo e agosto de 2016, a empresa procedeu a despedir a varios traballadores e traballadoras por motivos disciplinarios, alegando unha baixada voluntaria do rendemento. Coincide que varias destas persoas, ao igual que o traballador ao que se refire a sentenza, secundaran a folga sectorial e a concentración convocada pola CIG o 8 de xullo diante da empresa, na marco das mobilizacións en demanda dun convenio colectivo xusto.
Nuns casos o despedimento acabou con acordo no SMAC e noutros iniciouse proceso xudicial. Non obstante, en cada un deles, a empresa acabou recoñecendo a improcedencia da medida e aceptou abonar a indemnización máxima legal.
Este feito é para a maxistrada-xuíza un indicio máis de que as razóns dos despedimentos non tiñan a ver con causas disciplinarias obxectivas, senón que actuou movida por unha vontade de represalia contra o persoal por exercer o seu dereito fundamental á folga. Nesta liña, Neto engade que agora queda acreditado que a empresa utiliza de forma fraudulenta o despedimento disciplinario como medida de represión contra o persoal, destacando que Abante "xa recoñece a improcedencia no SMAC e cando se chega ao xulgado, acábase decretando a nulidade da decisión empresarial".
Non cómpre perder de vista tampouco que logo desta vaga de despedimentos, Abante BPO procedeu a contratar, cando menos, a catro novos traballadores/as.
A sentenza cuestiona cada un dos argumentos da empresa
Na resolución xudicial póñense en dúbida cada un dos argumentos esgrimidos por Abante BPO, comezando pola suposta baixada voluntaria do rendemento. Tan feble era esta razón que a empresa chegou a recoñecer que non era quen de acreditar que esta baixada fora voluntaria, polo que aceptaba a improcedencia da medida. A este respecto, a xuíza considera que "non é que non se poida acreditar a voluntaria diminución de rendemento, senón que os datos para imputar esa falta de rendemento semellan ser ficticios".
Xunto a isto, cuestiónase a afirmación da empresa cando di que a decisión de rescindir o contrato fora tomada previamente, en base a un estudo feito en xuño de 2016 no que se analizou o rendemento do persoal para comprobar quen podía seguir na compañía xa como persoal indefinido. Dáse a circunstancia de que o traballador era indefinido.
Ademais, a maxistrada non considera válido un presunto listado de posíbeis afectados/as por despedimentos que a empresa asegura tiña xa elaborado, pero que foi enviado por correo electrónico posteriormente á concentración do día 8 de xullo. "En definitiva, conclúe a sentenza, existindo indicios na nulidade alegada e non desvirtuados pola demandada, o despedimento é nulo".