O Xulgado recoñece o dereito dunha traballadora de GRI Towers a recibir a prestación de risco na lactación
O Xulgado do Social número 4 de Ourense vén de recoñecer o dereito dunha traballadora de GRI Towers a percibir a prestación de risco por lactación. A CIG-Industria tivera que presentar unha denuncia contra a Mutua Universal e a Seguridade Social por terlle denegado a suspensión de contrato a pesar de que se trata dunha persoa especialmente sensible.
Dende a federación de Industria de Ourense valoran moi positivamente unha decisión xudicial contra a que aínda que cabe recurso, “pero que é moi importante para o cadro de traballadoras que quedan na empresa”.
Na sentenza desmóntase a argumentación de Mutua Universal a respecto de que non quedaba suficientemente acreditado o risco para a traballadora, que exercía funcións de soldadora.
A propia entidade de prevención contratada pola empresa declaráraa non apta para desenvolver labores de operadora de arco somerxido e reproducira a observación do recoñecemento médico como traballadora especialmente sensible, “establecendo que durante o período de lactación non debera estar exposta a fumes metálicos de soldadura con manganeso”.
A CIG critica a actitude da mutua, mais tamén a “complicidade” da empresa, que a mudou do seu posto de traballo como soldadora a un posto de limpadora, “pese a ter recoñecido o risco na lactación para aquelas traballadoras que realizan traballos de soldadura na avaliación de riscos”.
Dereito histórico
Neste senso, lamentaban que con esta estratexia de demorar, atrasar ou mesmo denegar -como sucedeu neste caso- as suspensións de contrato “o que fan é aforrarse as prestacións ás que teñen dereito as traballadoras (en contra das recomendacións tanto o sistema público de saúde, como dos servizos de prevención) logradas froito dunha loita histórica do feminismo e do sindicalismo de clase”.
Por iso queren deixar moi claro que non van permitir denegacións baseadas en criterios económicos, nin que se deixen as traballadoras en situación de indefensión fronte ao criterio da mutua. “O sistema actual non garante o 'principio de precaución', e por tanto non asegura unha protección real da maternidade, baseada exclusivamente en criterios técnicos e médicos”.