O Xulgado paraliza as eleccións nos Gadis de Ourense polas manobras da dirección contra a candidatura da CIG
O Xulgado do Social número 3 de Ourense decidiu paralizar as eleccións sindicais nos Gadis da provincia despois de que a CIG denunciase as manobras da empresa para botar abaixo a candidatura da central, que este luns desenvolveu unha mobilización en defensa da liberdade sindical.
Dende a CIG-Servizos de Ourense denuncian que a dirección de Gadis orquestrou unha verdadeira campaña de “acoso e derribo” para evitar que a central obtivese representación na empresa. “Ao comezo non foi moi agresiva porque pensaron que non iamos ser quen de presentar candidatura, pero cando o conseguimos por primeira vez na historia da empresa na provincia fixeron todo o posíbel por botala abaixo”, critican.
O método foi dicir que había dous candidatos da lista da CIG que supostamente asinaran tamén apoiando a lista da USO, a outra central que se presenta ás eleccións. “Non nos deron opción de corrixir o erro, a mesa optou directamente por quitalos das listas; entón presentamos outras dúas persoas que foron borradas tamén, polo que non proclamaron a nosa candidatura”.
Segundo sinalan dende a central, o problema é que notas/as das traballadoras/es que figuran entre as 150 candidatas/os que supostamente presenta a USO non saben nin que asinaron, e outras aseguran que non asinaron. “Pero claro, iso non o van a dicir nunca publicamente porque teñen medo das represalias da empresa”. Outro dos métodos que utilizan para impedir que a CIG se presente son as ameazas. “Moita xente bótase atrás despois de que a presionen, como xa nos pasou no Gadis do Barco, no que se escollían 5 representantes e non fomos quen de presentar candidatura”.
Laudo arbitral
Nesta ocasión a CIG logrou configurar unha lista de 13 persoas nun proceso no que se escollen 13 delegadas/os do comité provincial, pero as manobras da empresa evitaron que a candidatura saíse adiante. Entón a central decidiu recorrer a un laudo arbitral, que sorpresivamente lle deu a razón á a Gadis.
“A empresa deuno todo, cando o habitual é que sexan os outros sindicatos que se presentan, até o punto de dixo que acudiría ao Xulgado se non lle daban a razón. Pero a que tivo que ir aos tribunais foi a CIG, logrando que a xuíza paralizase o proceso de eleccións até que non se coñeza a sentenza do xuízo que ten lugar hoxe mesmo.
“É incríbel que a dirección faga todo o que fai para que non presentemos candidatura, pero claro, saben que se o facemos imos obter moi bos resultados porque a xente está moi cansa do clima de explotación, da falta de dereitos laborais , do medo a expresarse, das coaccións e das ameazas que se vive na empresa”.