O Xulgado nomea a administración concursal, pero a dirección de Isidro 1952 négase a retirar o ERE
O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña acaba de nomear á administración concursal que se encargará, se así o aceptan as persoas designadas, da xestión de Isidro 1952. O comité tivo coñecemento deste nomeamento na reunión do período de consultas do ERE prevista para esta mañá, na que a dirección da empresa se negou a retirar o expediente de extinción e a modificación substancial das condicións laborais e salariais.
Diante disto, a representación social lembroulle á dirección que non procede manter estas medidas de recorte no contexto do concurso porque, ademais de deixar nunha indefensión absoluta as traballadoras e os traballadores, calquera decisión sobre o emprego, as condicións laborais ou a xestión económica da compañía ten que adoptarse coa aprobación da administración concursal.
Non conforme con manter os despedimentos e a modificación, a dirección de Isidro 1952 pretendía reunirse novamente mañá venres co comité para pechar o período de consultas. Algo ao que a representación dos traballadores e traballadoras se opón pola súa inutilidade e pola imposibilidade de chegar a ningún tipo de acordo.
A presidenta do comité, Olga Rodríguez (CIG), avanzou que en canto se confirme que os/as administradores/as concursais aceptan o nomeamento, solicitaranlles unha reunión de urxencia para abordar cal é a situación real da empresa, poñer enriba da mesa un plan de viabilidade que garanta os postos de traballos e o mantemento da actividade, así como un calendario para o cobro dos salarios adebedados.
Sen cobrar dende novembro
Neste senso hai que lembrar que o persoal ten pendente de percibir media mensualidade de novembro e todo decembro e en poucos días a esta débeda haberá que engadirlle a nómina de xaneiro.
Rodríguez explica que tamén se solicitará unha reunión coa Xunta de Galiza, en canto bote a andar o concurso, para implicala na busca dunha solución de futuro para a fábrica de Cambre, as piscifactorías e os criadeiros.
O conflito chega ao Parlamento galego
Na tarde do mércores membros da CIG no comité de Isidro 1952 trasladáronse até Santiago de Compostela para asistir á sesión do pleno do Parlamento galego na que se abordada a pregunta formulada polo BNG ao conselleiro de Industria a respecto das xestións que está a facer a Xunta para garantir os postos de traballo e a actividade produtiva.
Con tal motivo, as traballadoras/es desenvolveron unha concentración ás portas do Pazo do Hórreo en contra do ERE fraudulento e na defensa do mantemento de todos os empregos.