O xulgado declara o embargo a Mug Dolce Café (Caffé Vecchio) para pagar salarios e indemnizacións
O pasado martes un representante da CIG, unha ex traballadora do Mug Dolce Café (Caffé Vecchio) e dúas funcionarias xudiciais acudían á unha da tarde á cafetaría situada no cenrto comercial Marineda para recoller a recadación da caixa para facer fronte ás débedas económicas que esta empresa ten coa traballadora. A acción repetiuse este martes, 17 de decembro, no mesmo lugar e á mesma hora, mais neste caso as cantidades recollidas son para afrontar as débedas que a firma de hostalería ten con outro traballador.
Esta actuación no café enmárcase na execución do embargo declarado polo xulgado do social logo de que a empresa Mug Dolce Café (propietaria dos Caffé Vecchio de Marineda City e da Praza de Lugo) se declarara insolvente deixando sen pagar máis de 30.000 euros a un traballador por atrasos salariais, indemnización por despedimento e indemnización por danos morais; e máis de 6.000 euros a outra traballadora, correspondentes ao pago do finiquito e a unha indemnización tamén por danos morais.
Máis alá do feito pouco habitual e a sorpresa da clientela de ver o persoal funcionario entrando nunha cafetería aberta para levar os cartos da recadación e parte do mobiliario, o certo é que a medida está resultando insuficiente para pagar as cantidades que se lle adebedan o traballador e a traballadora. De feito, como tiveron que acudir ao FOGASA para poder cobrar unha parte da débeda, o incautado até o momento a Mug Dolce Café vai directamente para o Estado, xa que agora tamén é acredor da empresa.
Explotación laboral, acoso e agresións
Hai que subliñar que a esta situación chégase logo das denuncias que o traballador e a traballadora presentaron polos incumprimentos e o acoso sufrido por parte das propietarias da empresa e, especialmente, polo administrador desta, JMV.
No caso do traballador, a empresa tívoo durante anos contratado por media xornada cando na realidade realizaba unha xornada completa, defraudando así ás cotizacións á Seguridade Social e roubándolle a metade do salario que debería percibir. Cando o camareiro reclamou que se lle recoñeceran todas as horas de traballo reais e denunciou a súa situación na Inspección (que impuxo sanción a Mug Dolce Café), a rección da empresa foi brutal e comezou a coaccionalo e a acosalo para que abandonara as súas reivindicacións.
Pero máis grave aínda, o traballador foi vítima dunha agresión por parte do xefe, quen en marzo de 2018 lle deu unha cabezada no nariz, estando no Cafe Vecchio da Praza de Lugo e diante da clientela, ocasionándolle un traumatismo nasal. Esta agresión, sumada ao acoso continuado que sufría por reivindicar os seus lexítimos dereitos, provocou que o traballador tivera que coller unha baixa por ansiedade e finalmente solicitar a rescisión do contrato por vía xudicial.
Pero a represalia da empresa estendeuse a outro persoal, e o xefe coaccionou a outras dúas empregadas para que declararan contra o seu compañeiro e negaran que estaba traballando 40 horas á semana. A unha delas, que pedira a rescisión do contrato pola situación laboral insoportábel que se vive nestas cafeterías, intentouna chantaxear secuestrándolle o finiquito a cambio de dar testemuño contra o traballador acosado.
Estas actuacións remataron no xulgado do social que condenou a Mug Dolce Café a pagarlle ao traballador as diferenzas salariais deixadas de percibir e a indemnizalo pola resolución do contrato e polo danos morais ocasionados. Mentres, coa traballadora houbo acordo no SMAC, xa que empresa recoñeceu que lle debía o finiquito e asumiu pagarlle unha indemnización por dano moral. Cantidades das que até agora só cobraron unha pequena parte do FOGASA e que levou á orde de embargo da caixa e dos bens inmóbeis non imprescindíbeis do Vecchio situado no Marineda City.
Denuncias no penal por coaccións
Por outra banda, tamén se abriu proceso penal contra JMV por delito de lesións e ameazas o traballador, do que hai sentenza condenatoria do Xulgado de Instrución 6. Está pendente de sentenza aínda o xuízo penal contra JMV por coaccións á traballadora.
Mais a CIG solicitou a acumulación de ambas causas ao entender que estamos ante un delito de acoso laboral, pois o acontecido neste centro de traballo non foi un feito puntual senón unha actuación continuada de presión, ameazas e abuso contra os traballadores/as para que non exerzan os seus dereitos e poder así manter unha situación de explotación laboral.
A este respecto, a CIG lamenta os escasos medios dos que dispón a xustiza para forzar este tipo de empresarios e empresarias explotadores a cumprir coas súas obrigas, posto que de nada vale que se lles condene a pagar indemnizacións polas súas falcatruadas, se despois non existen medios para perseguir que os pagos os traballadores/as afectados/as se fagan efectivos.