O Xulgado declara nulo o despedimento do traballador do GES de Guitiriz por ser unha represalia sindical
O Xulgado do Social Nº 2 de Lugo declarou nulo o despedimento do traballador do Grupo de Emerxencias Supramunicial (GES) de Guitiriz, a quen o concello rescindiu o contrato o pasado mes de outubro. A sentenza confirma as denuncias da CIG, que en todo momento entendeu que estabamos antes un caso de represión sindical, xa que a decisión obedecía exclusivamente ás demandas que o traballador tiña presentado diante da alcaldía polos incumprimentos no dereitos do persoal deste servizo.
"Despois de máis de 5 meses quedan claramente demostrados os incumprimentos da alcaldía, primeiro a través da Acta emitida pola Inspección de Traballo, e agora a través desta sentenza", subliña o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto.
A sentenza determina que o despedimento foi consecuencia da interposición dunha demanda ante o SMAC e dunha denuncia ante a Inspección de Traballo, e que a suposta “inadaptación do traballador" alegada polo Concello para non pasar o período de proba non era tal, senón que respondía unicamente aos “problemas” que existían co demandante polas pretensións deste de adaptar o seu horario á realización dun curso de FP e á solicitude de vacacións. Pretensións ambas, engade Neto, axustadas a dereito conforme ao Convenio Colectivo do Concello de Guitiriz e ao E.T., tal e como se recolle explicitamente na sentenza.
Contrato en fraude de lei
Igualmente a resolución xudicial non só declara nulo o despedimento, senón que determina a condición de indefinido do traballador, toda vez que o contrato de obra subscrito está en fraude de lei, posto que é impreciso e que se trata dunha actividade que non é temporal, senón continuada.
A central demanda un cambio nas relacións laborais no Concello
Para a CIG de Lugo este despedimento haino que enmarcar na "neglixente e arbitraria" política de persoal da alcaldesa de Guitiriz, que leva a que no Concello "a conflitividade social por violación de dereitos laborais básicos" se produza de continuo e "caprichosamente" se neguen ás traballadoras e traballadores días de asuntos propios, vacacións, ou concreción horarias nas reducións de xornadas. De feito, nos últimos meses sucedéronse as condenas xudiciais contra o goberno local por vulneración dos dereitos laborais dos seus traballadores e traballadoras.
Con esta nova resolución na man, dende a CIG de Lugo-A Mariña, "por enésima vez, chamamos á alcaldesa de Guitiriz a que aparque a súa prepotencia e os seus caprichos e poña en marcha unha práctica de relación laborais baseada no diálogo e no respecto ao Convenio Colectivo do Concello de Guitiriz, convenio por certo asinado por ela mesma".