O xulgado declara a condición de persoal laboral fixo a dous traballadores do GES da Pontenova
O Xulgado do Social número 3 de Lugo vén de decretar a fixeza de dous operarios do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Pontenova. Segundo determina o xulgado, a fraudulenta contratación destes traballadores polo Concello (que lles renovan o contrato ano a ano desde 2013), a realización de funcións estruturais, e o cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no acceso á súa praza, tras superar un proceso público de selección para a súa contratación, convérteos en persoal laboral dixo do Concello da Pontenova.
Para o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, estas dúas sentenzas poñen de manifesto a situación fraudulenta na que os concellos teñen o persoal destes grupos de emerxencias.
Neste senso, apunta que esta fraude na contratación nos GES dáse de forma practicamente xeral en todos os Concellos que dispoñen deste servizo, e deriva dunha concepción irresponsábel por parte das Administracións implicadas: Xunta, deputacións provinciais, FGAMP e Concellos sede.
"Dunha banda o obxectivo da Xunta é dar unha suposta cobertura de servizos de emerxencias a zonas nas que non chegan os parques de bombeiros, e por outra banda, os concellos, co visto bo de deputacións e FGAMP, acollen estes grupos co obxectivo de posuír peóns baratos para a realización de todo tipo de labores, sendo para todas estas Administracións o de menos que a poboación conte cuns servizos de emerxencias eficientes, profesionais e correctamente equipados", denuncia.
Desde a CIG convídase ao persoal dos distintos Grupos de Emerxencia Supramuncipal que hai na provincia de Lugo a que se animen a demandar a súa condición de persoal laboral fixo, "e animámolos a que consulten no sindicato a súa situación e as súas posibilidades ao respecto de obter a condición de fixeza".